Opinión

Amén

Será cousa do meu escepticismo, pero resúltame difícil imaxinar a unha virxe dirixindo unha operación policial de grandes dimensións. Intento visualizala no despacho dunha comisaría dándolle pautas a un equipo de policías, co seu atavío clásico -túnicas de cores, o corazón atravesado por un puñal e as bágoas de sangue corréndolle polas fazulas-,  e o meu cerebro bloquéase. 

Será cousa do meu escepticismo, pero resúltame difícil imaxinar a unha virxe dirixindo unha operación policial de grandes dimensións. Intento visualizala no despacho dunha comisaría dándolle pautas a un equipo de policías, co seu atavío clásico -túnicas de cores, o corazón atravesado por un puñal e as bágoas de sangue corréndolle polas fazulas-,  e o meu cerebro bloquéase. Trato tamén de imaxinala sendo mutilada en acto de servizo, despois de perseguir algún malfeitor polas rúas dunha gran cidade (descalza, por suposto), mais non o consigo.

"Será cousa do meu escepticismo, pero resúltame difícil imaxinar a unha virxe dirixindo unha operación policial de grandes dimensións".

Pero a imaxinación non coñece fronteiras e o que para min é un terreo inexpugnábel máis alá da ciencia ficción, para o Ministro de Interior é simplemente o día a día. Hai só unhas semanas que Fernández Díaz asinou a orde pola que se lle concedía á Virxe María Santísima do Amor a medalla de ouro ao mérito policial. Honorífica, si, pero medalla. As características de semellante condecoración están expresadas nunha norma do ano 1945. Daquela non era raro ver procesións onde os mantos das virxes ían adobiados con cruces e medallas (algunhas delas asociadas á simboloxía do nazismo). 

Resulta curioso o uso que os políticos fan das leis. Na teoría todo funciona ás mil marabillas: vivimos nun Estado de Dereito, onde os gobernantes están sometidos ao imperio da lei, erixíndose esta coma un límite infranqueábel. Ademais, temos unha norma suprema e inviolable baixo a que se sostén todo o entramado lexislativo: a Constitución. Contamos tamén cun sistema de separación de poderes blindado na carta magna: executivo, lexislativo e xudicial, de tal xeito que cada función do Estado asígnase a un órgano de goberno independente dos outros. Esta estrutura garante a liberdade da cidadanía. Agora ben, ¿como funciona todo isto na práctica? Obviamente, non funciona. 

"Se mañá o Ministro de Interior saíse nos medios afirmando que o ébola é unha das pragas sobre as que advirte a biblia, non poderiamos sorprendernos". 

A Constitución establece que ningunha confesión terá carácter estatal. Porén, o Ministro de Interior, que ademais é membro do opus dei, permite que as súas crenzas relixiosas interfiran no labor político e o seu ministerio concédelle a medalla ao mérito policial a unha virxe. 

Non é a primeira vez que Fernández Díaz se enche de gloria. No 2013 fixo unhas declaracións relacionando o aborto con ETA e outras onde afirmaba que os matrimonios homosexuais non garanten “a pervivencia da especie”, e que polo tanto non debían gozar da mesma protección que os que el denomina “matrimonios naturais”. Se mañá o Ministro de Interior saíse nos medios afirmando que o ébola é unha das pragas sobre as que advirte a biblia, non poderiamos sorprendernos. Habería ruído nas redes sociais, mofa nos xornais estranxeiros e pouco máis. Así as cousas, con gobernantes rodeados por un halo espiritual que os guía, a cidadanía está exposta. Co Estado de Dereito en crise, só nos queda xuntar as mans, baixar a cabeza e rezar. Amén.

Comentarios