Opinión

Sarxento Studer, da Policía Cantonal!

Ás veces, o sarxento Studer, un pouco brusco, presentábase así. Como xa morreu, non saberá xamais que ten moito que ver co premio de literatura policial máis importante dos países xermanófonos, o Friedrich Glauser, que leva o nome do seu creador. O suízo Glauser naceu en 1896 e tivo unha existencia moi pouco suíza: foi un toxicómano incapacitado e endebedado de por vida; infrinxiu a lei repetidamente e tivo a miúdo comportamentos de dubidosa moralidade; estivo internado durante anos en institucións psiquiátricas e intentou suicidarse en varias ocasións; enrolouse na Lexión Estranxeira e desempeñou os máis inverosímiles oficios; e finou novo.

Autor de contos, novelas, poemas, ensaios e recensións, así como dunha voluminosa produción epistolar, Glauser pasou á historia como un innovador do xénero da novela policial, no cal introduciu a crítica social, e como o pai da novela negra en lingua alemá. Nos seus textos, moi cinematográficos, o criminal non é nunca indiscutibelmente malo, indubidabelmente culpábel, igual que ninguén é inequivocamente bo e inocente. Glauser desmitifica a imaxe idílica de Suíza, iluminando as súas miserias e inxustizas ocultas, e é hoxe un dos escritores suízos máis emblemáticos, grazas, sobre todo, ao seu sarxento Studer, cuxa primeira aventura, Schlumpf, Erwin: Homicidio, se considera a mellor novela detectivesca en lingua alemá.

Jakob Studer é un funcionario da policía de aspecto robusto, carácter calmo e poucas palabras, como se corresponde coa súa condición de bernés testán e lento. A súa aparencia un tanto rústica, e mais o seu xeito de traballar pouco ortodoxo, adoitan facer que o subestimen. Porén, coñece persoalmente os criminólogos máis reputados do seu tempo, e está familiarizado coas máis avanzadas técnicas de investigación criminal. Ademais, é unha persoa intelixente, observadora, paciente, reflexiva. E incorruptíbel: a súa condición de simple sarxento da Policía Cantonal débese a que, sendo comisario da Policía Municipal de Berna, foi degradado tras investigar un escándalo. Adoita traballar só, detesta a burocracia e empatiza cos personaxes marxinais con quen se atopa. Un home rexido pola ética da compaixón.

Coñece demasiado ben a tupida rede de intereses cruzados que caracteriza o seu contorno dominado por individuos raposeiros. Sabe que todo exceso acaba asfixiado polo discreto e impenetrábel nepotismo imperante nas altas esferas políticas e económicas. Conque é con pragmatismo, sen xestos épicos que cuestionen o statu quo, como xestiona o seu sentido da responsabilidade social. Studer é un detective humanizado, unha sorte de antítese de heroes como, por exemplo, o superdotado e frío Sherlock Holmes. Un arquetipo bastante máis suízo que Glauser. E bastante galego, como xa intuiría máis dun lector. Como é que non se nos presentou antes, querido sarxento Studer?

Comentarios