Opinión

Nomadland

Unha muller, após a creba da mina onde traballaba, vese obrigada a vivir na súa furgoneta e a percorrer os Estados Unidos na procura de traballos temporais. Este é o argumento de Nomadland, filme gañador de innúmeros premios e que, como moitos produtos culturais, nos permite ver socialmente cuestións que moitas de nós coñecemos ou mesmo experimentamos de forma persoal. Neste caso, a través da viaxe da protagonista vemos, de fondo, a miseria e incerteza ligadas á reestruturación do mercado de traballo que estamos a vivir.

A desindustrialización, os planos de austeridade posteriores á crise de 2008 ou a introdución de novas tecnoloxías de información e comunicación son factores que alteraron xa as condicións de produción e reprodución do capital e transformaron as formas de contratación da forza de traballo. A informalidade e a "flexibilidade" son xa léxico común no vocabulario corporativo e, coas novas palabras, introdúcese tamén a intermitencia que fai que pasemos a traballar por tempadas en Amazon, restaurantes de comida rápida, parques de campismo ou como guías turísticos.

A precarización do traballo é xa, e cada vez máis, estrutural. Xa non vale, se é que valeu algunha vez, a imaxe da precariedade como a peaxe que ten que pagar a xente nova para incorporarse ao mercado laboral. Aínda que se viva de forma diversa e sexa claro que hai segmentos da poboación que a sofren de forma máis tráxica (mulleres, migrantes, mocidade), o certo é que se está a converter en regra, que cada vez son máis as persoas que viven na propia pel a inestabilidade, a necesidade de estar sempre dispostas a aceptar un traballo, a ansiedade de non ter prestación de desemprego ou dereito a baixa, a incapacidade para planificar a vida, a ausencia de perspectivas de futuro.

Os traballos cada vez máis individualizados fan que vivamos illadas o empeoramento das nosas condicións laborais. Non ter un local fixo de traballo, non estar contratada o tempo suficiente como para crear lazos entre as compañeiras, non ter apenas relación con máis persoas da empresa por sermos "colaboradoras externas", o teletraballo... dificúltannos a posibilidade de acompañamento. Nunha nova estratexia perversa do capital, son as propias condicións de explotación da precariedade as que, por atomizar o colectivo, fan que as traballadoras precarias sexan menos propensas a enfrontar estas condicións por teren menos posibilidades de resposta e acción colectiva. Mais se todo isto non for confrontado, se non conseguimos facer fronte a esta nova estratexia de reestruturación do mercado laboral, a precariedade acabará por consolidarse e lexitimarse como a única forma de traballo posíbel. 

Como mobilizamos, entón, as traballadoras precarias? Até o de agora houbo experiencias de organización en múltiplos países, sempre de forma sectorial, mais será que podemos unificar as loitas, soldar os lazos da pertenza de clase? Poderemos opoñernos, de forma solidaria e orgánica, á individualización, á intermitencia, á uberización, ao 'emprendedorismo'? Como rachamos co sectorialismo e espallamos a conciencia de clase? Como facemos sitio no sindicalismo para estas demandas? Que novas formas de resistencia poderemos implementar, reinventar, redescubrir?

Os sindicatos son, como xa se dixo moitas veces, a última barreira entre nós e a barbarie. Son ferramentas fundamentais na resistencia contra os ataques do capital, e precisamente por iso precisan derrubar os muros das categorías formalmente estabelecidas e comprender a nova morfoloxía do traballo. A clase obreira non é, nunca foi, un grupo homoxéneo, mais diverso e atravesado por diferentes identidades e condicións, e agora moito máis segmentado. E esta nova morfoloxía implica tamén consecuencias nas formas de representación e organización sindical, ampliar os camiños da confrontación para incluír o precariado, o cibertariado, o novo proletariado de servizos, as traballadoras intermitentes, as traballadoras dixitais, as falsas autónomas, as desempregadas... a toda a clase obreira. Para que nada nos sexa alleo e que ningunha de nós quede atrás.

Comentarios