Opinión

Vivir entre pantallas

Pasamos máis de media vida colgados dunha pantalla. Desde que a pandemia tomou carta de natureza nas nosas vidas, as sucesivas restricións á mobilidade converteron os móbiles, portátiles e tablets en auténticos ancoradoiros á vida real, a esas facianas e sorrisos queridos que nos permiten saber que isto non é un pesadelo. Ver ao outro, aínda que sexa a través da pantalla, axúdanos a seguir adiante, a ter enerxía para afrontar o día, a saber que alguén, nalgún outro concello que non podemos pisar, se preocupa por nós. Escoitar a súa voz, comprobar que segue aí e que mesmo non perdeu o humor, nin ese trazo característico no xeito de moverse, exerce de alivio íntimo, de relaxante natural.

A vida continúa, malia que dun xeito que non imaxinabamos hai un ano. Nunca o virtual foi tan substitutivo do real coma nestes tempos de soidade, illamento e incerteza. Tamén para os meus estudantes, que reciben aulas a través dun Campus Remoto que replica os espazos e despachos do físico, bordeado polo Lérez. Porén, non todo é tan sinxelo á hora de ensinar. A tan cacarexada revolución das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) non serve de nada se non se acompaña de cambios de calado no xeito de presentar os contidos, relacionarse co alumnado e, sobre todo, avaliar o aprendido. Pódese avaliar en liña? Pódese, mais esquecendo todo o aprendido sobre a avaliación presencial. Vén isto a conto da pasada polémica co Ministerio de Universidades co gallo dos exames de metade de curso nas universidades.

O empeño por parte dos reitores en facelos de xeito presencial en plena terceira onda da pandemia de Covid-19 deixou imaxes preocupantes de interminables ringleiras nos corredores e persoas fumando co tapabocas baixado nos espazos ao aire libre. É certo que hai determinadas aprendizaxes que só poden facerse nun laboratorio, nunha aula, nun polideportivo ou nun hospital, pero unha parte importante da comprobación dos progresos pode facerse a distancia, sempre e cando se entendan ben as peculiaridades desta modalidade de ensino e os docentes sexamos quen de adaptarnos a elas. Imitar sen máis o que se adoitaba facer nun aula presencial adoita conducir ao fracaso.

Se a pandemia o mudou todo, o ensino non ía ser diferente. Ningún de nós a escolleu, pero está aí e non podemos ignorala. O persoal docente temos a responsabilidade de que os estudantado baixo a nosa tutela non perda o curso, pero tampouco, e sobre todo, que non malgaste uns anos preciosos para a súa formación e a súa vida futura. Dicía a miña querida Merce (antiga mestra a quen dedico hoxe este artigo cando se fan dous meses do seu pasamento) que un profesor traballa para a eternidade, e levaba razón. Vivir entre pantallas implica ser ese ancoradoiro seguro para o outro do que falaba ao principio, esa voz, esa presenza invisible que ofrece seguridade.

O seguimento ten que ser constante, aos poucos, de xeito gradual e sen fialo todo a unha única proba. O risco de copia, falsificación ou fraude tamén existe nos exames presenciais, nese "mundo real" que semella xa case vello e que non sabemos cando recuperaremos. Así que non todo é polas circunstancias. Tamén o acomodo, o tedio e a rutina teñen a súa parte de culpa. Avaliar ten que ser cousa de días, de semanas, de pequenos fitos que son como cachiños esmigallados dos avances do estudantado que nos van dicindo "estou aquí, estou traballando e gústame saber que ti estás tamén aí". É algo moito máis complexo de facer, pero moito máis gratificante de comprobar.

Creo que a pandemia debe ser un escenario que poña a proba os coñecementos e métodos para cambiar, a ver se de vez, o xeito de comunicarnos, de ensinar e de aprender. As TIC foron un grande invento, pero, se temos que vivir entre pantallas, é mellor facelo con consciencia. Porque ao cabo, somos humanos e movémonos por curiosidade. As pantallas son inútiles se non hai resposta cando lles preguntamos "Hai alguén ao outro lado?".

Comentarios