Opinión

Véndese universidade, razón aquí

Volver ás aulas non estaba na miña axenda vital hai seis meses. Pero volvín. Cun contrato precario, pero coa mesma ilusión de hai dez anos. A Universidade de Vigo chamou por min, non podía dicir que non ao coñecemento, unha das miñas paixóns. Ademais, nunha cidade tan fermosa e xeitosa como Pontevedra. Nisto chegou a pandemia de COVID-19.

O 13 de marzo mudou todo, pero eu e os compañeiros e compañeiras cos que comparto docencia esforzámonos porque para os nosos estudantes todo cambiara o menos posible. Desde o primeiro día de confinamento intensificamos o noso traballo co fin de que os mozos e mozas se sentisen acompañados. En definitiva, facer o que xa faciamos pero doutro xeito, sen convivir fisicamente. En poucas semanas comezou a funcionar o Campus remoto e volveron as voces, as facianas, a vida. A Historia do Tempo Presente latexaba de novo. Historia vivida, en sentido literal. Eu iniciaba as miñas aulas coa mesma pregunta: Como estades? Os primeiros dez minutos eran sempre para compartir sensacións. En pleno confinamento, un estudante pensa máis na saúde dos seus avós de 90 anos que na Guerra Fría ou no Brexit. Con algunha dificultade técnica, todo fluíu, nada se detivo. Concluímos o temario, malia a multiplicación de traballo que o novo escenario trouxo ao persoal docente: respostar correos, aclarar dúbidas, fornecer exercicios para practicar, comentar listaxes de películas para ensinar deleitando xa que non se podía saír da casa (Invictus, Syriana e Hotel Rwanda foron das máis comentadas).

A finais de maio, a Xunta de Galicia presentaba ás tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) o borrador dun Plan de impulso á docencia innovadora, que era como unha baga velenosa: apetecible por fóra, letal na súa cerna. Antes de chegar á ultima páxina xa tiña tomada a decisión de non morder ese froito. Os colegas da USC e da UdC tampouco picaron. Ese suposto impulso ía da man dunha mercantilización do proceso de ensino e aprendizaxe (consideraba que as clases podían ser gravadas en vídeo para seren “consumidas” en expresión literal, polo alumnado, convertido en pasivo receptor de contidos coloridos) e dun desprazamento cara a actores privados, xa que entregaba á Fundación Universidade-Empresa (Feuga) a responsabilidade de “coordinar” todo o proceso. Para quen non coñeza esta fundación, rexida polo dereito privado, está conformada por empresas como Naturgy, Endesa, Ence, BBVA, La Voz de Galicia ou o Banco Sabadell, que adoitan asinar convenios de colaboración coas facultades para que os mozos e mozas fagan prácticas, entre outras actividades. Non critico a necesidade dunha boa conexión entre o tecido empresarial e a universidade, pero esa entidade non foi deseñada para dirixir as prioridades do ensino superior público.   

Estes dous aspectos que acabo de mencionar e o feito de que se entregase un documento xa feito sen ningunha participación do SUG, provocaron forte rexeitamento e a proposta foi finalmente retirada. A Xunta aduciu que non quería crear “confrontación”. Mais o que pasou ten outro nome: desmantelamento. Non é admisible que o goberno galego se sirva das complexas circunstancias derivadas da emerxencia sanitaria para manipular o ensino e vendelo de saldo. Que podemos aprender desta experiencia? Como mellorar as canles e xeitos de ensinar? Como potenciar un I+D+i que reverta en mellores oportunidades para esa mocidade chamada a liderar a economía e a sociedade do mañá? Esas debían ser as prioridades da Xunta, que gasta a pólvora en salvas, en ateigar praias, en promover un modelo esgotado de turismo, empobrecedor para as persoas traballadoras e perigoso para a sustentabilidade do territorio.

Utilizo de xeito intensivo as TIC nas aulas. Pero non esquezo que a miña función é ensinar ao meu alumnado a pensar. E iso só pode facelo un profesorado ben formado, motivado e remunerado. Por iso, e porque a proposta só durou uns días con vida, creo que aínda hai esperanza: O SUG non se vende!

Comentarios