Opinión

Prohibido nacer

Sempre digo que son afortunada. Nacín con discapacidade logo dun parto complicado no interior de Galicia, a menos de media hora dunha capital de provincia (Ourense), que esmorece cada día polo avellentamento da poboación e a lenta asfixia que sofren os servizos públicos básicos. Disto hai xa corenta anos e, repito, tiven sorte: para min houbo unha incubadora que, moi probablemente, minorou as secuelas dese breve intre no que o meu cerebro quedou sen osíxeno. Porque se algo levo aprendido é que cando un parto se pon do revés, cada minuto conta. E conta máis se hai dúas vidas en xogo.

Non poden dicir o mesmo as nais que en 2020 se poñen de parto no rural ourensán. De feito, nin sequera teñen esa posibilidade. Desde que o pasado 1 de decembro se executou a orde de pechar o paridoiro do hospital comarcal de Verín, unha muller tivo que parir coa autorización do xuíz de garda, logo de que o xinecólogo responsable ditaminase que a chegada da criatura era inminente e non podía garantir a seguridade de nai e fillo se o nacemento tiña lugar durante o traslado a Ourense. Iso ten un nome: protección do ben maior, a primeira obriga dun profesional médico. O mesmo cuxa pericia e valía profesional se pon en dúbida para xustificar este peche, precisamente.

A vida, como a morte, non se escolle. Chegan de xeito inevitable. En Verín xa non se pode nacer por orde dos responsables políticos da sanidade pública galega. A Xunta decidiu que, como cada vez nacen menos nenos e nenas no interior de Galiza, o mellor é que non nazan máis. Unha tendencia oposta á que seguen outros territorios do Estado cunha natalidade igual ou máis baixa que a galega. Un par de mostras: Aragón ten catro hospitais públicos con menos de 600 partos anuais pero non vai anular o servizo porque considera prioritario manter a vertebración territorial dunha comunidade tan extensa; Asturias, pola súa banda, ten dous hospitais que non chegan a 200 partos anuais, pero manteñen os seus paridoiro porque traballan en rede co resto de centros públicos do principado, independentemente do seu tamaño. Un dato extra: a cifra de 600 partos que a Xunta manexa como suposto “criterio técnico” que avala o peche do paridoiro de Verín refírese a posta en marcha de servizos de maternidade novos, non a aqueles que xa existan. Non hai ningún documento avalado por profesionais sanitarios que apoie deixar sen servizos básicos a poboacións pequenas e dispersas.

Aquí é onde entra a palabra máxica: vertebración. A esta poderiamos engadirlle outras igualmente importantes: calidade, dignidade, dereitos cidadáns. Porque ter acceso a unha sanidade e educación públicas nas mesmas condicións para todos os galegos e galegas é algo máis que estudar ou enfermar. É unha cuestión de cidadanía. A Asociación Galega de Matronas (AGAM) teno claro: “Manter o paridoiro non lles resulta rendible economicamente. [...] “Onde están as políticas de axuda á natalidade cando se está a ofender de tal xeito ás familias do rural ourensán? As mulleres son persoas adultas e son elas as que deciden onde se senten máis seguras e onde desexan dar a luz; xa abonda de paternalismos”. En efecto, é que acaso os habitantes verinenses son de segunda? Por que ser do interior supón unha desvantaxe en case todo? Se lle sumamos as deficientes infraestruturas viarias, temos unha tormenta perfecta: persoas en situación de vulnerabilidade obrigadas a facer unha viaxe dunha hora por estradas que se enchen de neve no inverno e que arden no verán. A día de hoxe é máis rápido e seguro chegar a Madrid que a Viana do Bolo ou ao Barco de Valdeorras.

É esta a idea de aumentar a natalidade que ten a actual Xunta de Galiza? As campañas de fomento da natalidade do goberno galego nos medios de comunicación resultan tremendamente ofensivas, e ata insultantes, nun país cun grave problema demográfico. Xa sabemos como facer fillos e fillas, a nosa principal dificultade é que non hai políticas públicas que axuden a crialos con saúde e dignidade.

Comentarios