Opinión

Premios e prexuízos

Se non fose consciente da tolemia e incerteza que caracteriza o mundo actual, pensaría que vivimos nunha permanente esquizofrenia social. A comezos do outono, no pasado mes de outubro, un auto xudicial revolucionou Galicia de arriba a abaixo. O motivo non era pequeno: unha xuíza denegaba o dereito á custodia do seu fillo de 14 meses a unha nai separada porque esta decidiu volver co cativo, e cito textualmente a unha, "pequenísima poboación na Galicia profunda, á que se trasladou a nai, lonxe de todo, na que nin sequera a nai ten opcións laborais".  Esa poboación radica no concello coruñés de Muros. Deixando de lado os detalles do caso (que descoñezo), creo que utilizar un estereotipo para xustificar unha decisión que involucra un menor amosa, como pouco, falta de empatía e, como moito, un menosprezo inxustificado a toda unha colectividade. 

Máis ou menos por aquela mesma altura, coñeceuse que o Colexio Rural Agrupado (CRA) Mestra Clara Torres resultara merecedor do Premio Escola do Ano 2020 da Fundación Princesa de Girona polo seu modelo de ensino. Trátase dun centro plurilingüe que integra seis parroquias rurais de Tui, no que están escolarizados 53 alumnos e alumnas de educación infantil coa guía de 13 docentes. No discurso de entrega do galardón, Felipe VI insistiu en que esta escola rural era "clave para a súa contorna", ademais dun "escenario magnífico para a igualdade de oportunidades" e "a participación da comunidade". Traballar a conexión coas familias e cos referentes máis inmediatos é básico para entender este éxito, que non sería posible sen moitos mestres e mestras comprometidos cun xeito alternativo de educar.  

Non resulta contraditorio que estas dúas situacións se dean no mesmo país e practicamente na mesma semana? En que quedamos? Vivimos nun lugar estraño, antigo e atrasado ou traballamos con éxito por construír comunidade sen renunciar ao que somos? Vaia por diante que non é a miña intención usar esta columna para facer unha defensa idealizada do rural galego. Sei que ten problemas, o principal deles o abandono, a perda de habitantes e o desleixo institucional. Mais tamén sei que, polas características do noso poboamento e a nosa forma de relacionarnos coa terra, a vida no rural pode ofrecer moitos e bos recursos cos que educar un neno. Que un dos piares do modelo educativo do Mestra Clara Torres sexa manter os nenos e nenas conectados coa súa realidade diaria e palpable non quere dicir que descoñezan o que acontece no resto do mundo. 

Casos coma este deberían facer reflexionar as autoridades competentes na materia sobre a idoneidade de agrupar aulas e non obrigar o alumnado a facer interminables traxectos para chegar ás súas aulas en aras dunha suposta eficiencia no uso dos recursos. Os CRA fixan poboación e fan comunidade, teñan ou non premios. Pero iso, claro, esixe dotación de medios, humanos sobre todo.

A outra parte desta cuestión pasa por analizar que entendemos por "Galiza profunda" (hai outra superficial, logo?). Apostaría a que calquera dos picariños do colexio tudense teñen máis empatía que a maxistrada que emitiu o auto, utilizando unha suposta característica xeral e non medible para connotar negativamente a todo un territorio. Que os galegos somos vistos como parvos, rústicos ou "paletos" non é novo. Nace, en parte, da secular economía agraria e tradicional de Galicia e da falta xeral de alfabetización (que non de cultura) entre as súas xentes ata datas ben recentes da nosa contemporaneidade. Todo se reduce a unha soa realidade: o que se ignora dá medo e o xeito de combatelo é a través do estereotipo. Mais non parece propio dunha xuíza, a quen se lle supón coñecemento abondo como para non caer en semellante simpleza argumental que é, 
ademais, nesgada.   

O xeito de vida do rural galego, insultado e premiado con poucos días de diferenza. Se non fose consciente da tolemia e incerteza que caracteriza o mundo actual, pensaría que vivimos nunha permanente esquizofrenia social.

Comentarios