Opinión

Lingua, pedagoxía, ortografía

A finais do 2018, unha desconcertante nova invadiu os titulares de varios xornais:  un proceso selectivo de oposición a profesorado de ensino primario nunha comunidade autónoma do Estado Español non conseguía cubrir todas as prazas porque as abundantes faltas de ortografía e numerosas incorreccións á hora de redactar penalizaban os futuros docentes. A seguir, abriuse o debate e comezaron a publicarse reportaxes sobre o mal que redactan os estudantes, mesmo os de nivel universitario. Profesorado, académicos e académicas ou persoas estudosas da filoloxía resgaban as vestiduras e ofrecían análises non moi alentadoras sobre as causas de tal desastre ortográfico.  

É importante saber escribir correctamente? Si. O concurso das Humanidades na formación das persoas é algo que me parece fundamental e do que xa falei neste mesmo xornal. É o mesmo escribir e redactar? Non. Teñen os estudantes e profesores máis novos un problema coa ortografía? Pode, pero creo que máis que asustarse e lanzar agoiros sobre o terrible que resulta esta era tecnolóxica destrutora de textos (ben) escritos, cómpre estudar a raíz do problema: entender como chegamos aquí e de que xeito se pode evitar que os futuros formadores do noso país maltraten o idioma e lle transmitan esa indiferenza ou falta de coidado ao seu alumnado. Qué lle queren, son historiadora e morrerei así: buscándolle as raiceiras á árbore multiforme do presente.

Durante séculos, o acceso á cultura escrita foi un saber reservado a moi poucos. A copia de libros realizábase nos mosteiros, sendo tarefa reservada a unha caste moi concreta de monxes entregados a conservar o escaso e sacrosanto material librario que case ninguén sabía interpretar. Tampouco era moi necesario: os programas iconográficos das igrexas e catedrais son auténticas biblias en pedra e cristal destinadas a formar (e manter queda) á xente do común, por suposto iletrada. A relixión monopolizaba a cultura e a educación, mediatizaba a interpretación do texto escrito e utilizaba calquera vía ao seu alcance para chegar á poboación independentemente do seu nivel cultural. A imprenta supuxo a primeira gran revolución na creación e transmisión do saber, acadando unha dimensión só comparable á internet de hoxe. Por primeira vez, as persoas podían acceder a un texto de xeito directo, sen intermediarios. Co paso do tempo, saber ler e escribir converteuse nunha habilidade imprescindible para moverse no mundo e mellorar socialmente. 

Nunca coma nos tempos actuais escribimos e lemos tanto. Malia que a algúns lles pese, o feito de  vivir rodeados de apps, dispositivos intelixentes, chats, correos electrónicos e conexións en tempo real obríganos a ler e escribir de xeito case constante. Se aceptamos que a función crea o órgano, a lingua goza en pleno século XXI dunha saúde excelente. Xa que logo, o problema, penso, non ten que ver co uso da lingua senón con outros factores. Paso a enumeralos, dun xeito subxectivo, claro está, mais razoado.

-Influencia dos estilos de ensino directivos, repetitivos e pouco flexibles. Tradicionalmente, o sistema escolar español favoreceu o ensino memorístico. Malia os avances pedagóxicos das últimas décadas, a fascinación polas TIC nas escolas semella quedar no aspecto externo (substitución de instrumentos didácticos) mais non afecta a metodoloxía, ou non tanto como debese. Cómo se pode agardar creatividade e versatilidade expresiva dun estudante ao que se lle premia por repetir discursos estandarizados nun exame e non por aplicar o sentido crítico? A lingua tamén sae perdendo neste xeito de entender o ensino.   

-Perda de peso dos contidos gramaticais e do prestixio da lingua. A aprendizaxe da escritura e as súas normas é a pedra angular sobre a que descansa a formación básica dun neno ou nena, xunto coa lectura. Pero unha vez acadado ese obxectivo, parece que redactar adecuadamente e utilizar ben o idioma non son aspiracións igual de valoradas. Hai unha instrumentalización desas destrezas que non van asociadas ao prestixio de escribir e expresarse ben porque non é importante. Se un texto está mal escrito ou ten faltas de ortografía, o seu contido tamén será pobre e polo tanto perderá valor. Así mesmo, moitos estudantes de bacharelato e universidade teñen dificultades para distinguir un texto expositivo dun argumentativo. De aquí a deixarse conquistar polas chamadas fake news só hai un paso (e estase a facer cada vez máis curto). A lingua non é só patrimonio das persoas que a usamos como parte da nosa profesión (novelistas, editores, mestres, xornalistas, correctores de textos, lectores de editorial...) senón de calquera cidadán que sexa consciente do seu lugar no mundo e aspire a estar medianamente informado. 

-Progresiva xeneralización dos contidos especializados, por riba doutras destrezas transversais. Coa diversificación dos saberes e a súa progresiva tecnificación, deuse meirande importancia a saber moito de matemáticas, economía, historia, ciencias ou informática, que a saber expresar, condensar ou explicar ese saber. A utilización da lingua exixe un esforzo de autorreflexión que resulta fundamental para facer avanzar o coñecemento. Se iso non serve para aprender a pensar, a cantidade de coñecementos que alguén sexa quen de acumular é irrelevante (e vaino ser máis nos anos vindeiros). Un algoritmo pode facer moitas cousas, pero de momento non pode discriminar. A lectura crítica serve precisamente para iso:  a mente humana segue sendo insubstituíble. Se buscamos estudantes creativos, ensinémoslles a espremer textos e a producir bos argumentos.   

-Escaso hábito lector. Segundo os últimos datos dispoñibles do barómetro de lectura publicados a comezos deste ano, un case un 40% da cidadanía española non le nunca, ao tempo que descende significativamente o número de lectores que teñen o costume de facelo a diario. Polo que atinxe ás bibliotecas, seguen sendo ben valoradas socialmente pero, segundo a Federación do Gremio de Editores de España, “os cidadáns non entran nelas”. Podemos dar receitas máxicas, mais o certo, señoras e señores, é que para ampliar vocabulario, gañar axilidade mental e trasladar todo iso a palabras, hai que ler. Non pode redactar ben quen non le ou o fai moi ocasionalmente. Alimentar a lectura como posibilidade recreativa e de ocio, especialmente desde a infancia, é o mellor investimento contra o fracaso escolar e a perda de motivación académica. Por suposto, sempre co exemplo: aprendemos por imitación e se queremos que os nenos e nenas lean, teñen que ver os seus adultos de referencia lendo. Aínda que sexa na sala do pediatra, nas viaxes en bus ou mentres agardamos a que saian desa actividade extraescolar que lles mola tanto.

A lingua é un código vivo e resulta lóxico que evolucione de acordo á comunidade que a creou. A min non me preocupa que un adolescente escriba con menos letras ou invente palabras para chatear coas súas amizades. Preocúpame que non lea nin escriba, que sexa un consumidor pasivo da fervenza incontrolable que é internet e as redes sociais. Porén, antes de escandalizarnos polo seu desprestixio preguntémonos: cómo podemos atallar este mal? Porque ao final, do que se trata non é tanto de prohibir os dispositivos tecnolóxicos como de utilizar os recursos existentes para convertelos en aliados. Se nomear as cousas é poñelas no mundo, a batalla pola lingua tamén forma parte de nós mesmos como pobo.  

Comentarios