luns 30/11/20

Ensino: todo vale?

Imaxinen, queridos lectores e lectoras, que un familiar directo e próximo a vostedes (fillo, filla, nai, pai, irmán...) ten un accidente e debe ser operado en breve para salvar a súa vida. Hai que facer unha análise da situación e dos riscos, así como dos pros e contras da intervención para tomar unha decisión rápida. A persoa que contactou con vostedes, xerente do hospital, failles ver que a cirurxía pode complicarse, mais é a única posibilidade de que o paciente poida ter opcións de saír adiante. Vostedes, como calquera persoa minimamente sensata aceptarán a proposta co corazón encollido, confiando en que toman a mellor decisión posible nesa circunstancia. Imaxinen agora que a única persoa dispoñible para acometer tan delicada tarefa é alguén que só completou os primeiros cursos de medicina e nunca estivo nun quirófano, nin sequera observando a outros colegas experimentados. Que responderían? É moi plausible que quixeran cambiar a súa decisión ou explorar outras vías. Mais a persoa xerente dilles que non poden opoñerse por dous motivos: vostedes non serían capaces de facelo e ademais, a persoa sabe algo de medicina, así que é de supoñer que saberá distinguir o cu das témporas. Mellor iso ca nada. Esa garantía debe abondar para deixar ao seu familiar nas súas mans. 

Isto é o que pretende facer a Administración cos nosos adolescentes tomando como escusa a pandemia da Covid-19. Hai algo máis dun mes anunciou que contrataría máis profesorado de ensino secundario e bacharelato, mesmo se non ten o Mestrado de Profesorado, unha formación de posgrao obrigatoria dun ano de duración que inclúe prácticas e permite o exercicio da docencia nos niveis posteriores a Primaria. Xa sabiamos que a educación e a sanidade públicas nunca foron prioridades para os gobernos, máis agora tamén sabemos que estes exercen o seu poder temerariamente.           

Coutar aos que veñen a posibilidade de dar o mellor de si mesmos é a máis efectiva que coñezo.       

Hai xa anos que se pon en cuestión a formación inicial do profesorado no Estado Español (ao respecto, dúas suxestións: Devaluación continua, de Andreu Navarra e La escuela no es un parque de atracciones, de Gregorio Luri). A formación actual ten eivas, certo, pero analizalas excedería a intención deste artigo e ademais levaríanos a tocar outros temas que quizais, máis cedo ca tarde, aparezan noutros que escriba no futuro. Malia iso, é o que temos e debemos aproveitalo. O que realmente me resulta inquietante da proposta é, tan pouco lle importa a educación pública que está disposta a ignorar os requisitos establecidos pola lei? Que pasa coas listaxes de substitucións integradas por centos de persoas que si teñen os requisitos e polo menos pasaron algún exame de función pública, malia non ter aprobado ou, nos casos máis magoantes, aprobalo sen praza? Non serven?

Mentres o goberno facía este esperpéntico anuncio, camuflado baixo a urxencia de dotar de recursos ao ensino público, o destino quixo que eu estivera lendo El complejo oficio del profesor, un diminuto libriño da investigadora sueca Inger Enkvist. Cunha longa traxectoria ás costas como ensaísta en temas educativos, descubrina hai uns anos (mais ou menos cando empecei a decatarme de que a meirande parte dos supostos expertos españois en didáctica nunca pisaron unha aula) e devoro o que escribe. O fío vermello que percorre o pensamento de Enkvist podería resumirse en dúas ideas: educar non é entreter e sen bos profesores non hai educación de calidade. Mesmo chega a afirmar que os gobernos que non ofrecen profesorado ben formado e programas de estudos axeitados aos nenos, nenas e adolescentes, son culpables de abuso intelectual. Con estes vimbios, eu pregúntome: todo vale para ser profesor? A miña resposta téñoa clara. Pretender coar cantidade por calidade, resulta, como pouco, sospeitoso e como moito, perigoso. Porque, se ben hai armas cargadas de futuro como dixo Celaya, non o é menos que tamén poden usarse para destruílo. Coutar aos que veñen a posibilidade de dar o mellor de si mesmos é a máis efectiva que coñezo.       

comentarios