Opinión

Desmontando o 'pin parental'

A escola pública, ese ecosistema no que se depositan tantas esperanzas para o futuro, volve a cada tanto ao punto de mira polas cuestións máis diversas.

A última delas, que xa ten consumido ríos de tinta e horas de televisión, é o chamado "pin" parental, apoiado por formacións extremistas como Vox, que funciona na Rexión de Murcia: o veto que os proxenitores poden exercer para que os seus fillos e fillas non reciban certos contidos complementarios. Creo que o balbordo mediático nunca é bo para tratar con sensatez ningún tema, e moito menos algo tan delicado coma a aprendizaxe dos nenos e nenas. Arredor desta cuestión hai pouca información e moitas mentiras destinadas a desprestixiar o ensino público en nome dunha suposta protección dos menores.

Hai que ter un descoñecemento absoluto do que é un centro educativo como para pensar que as familias non teñen canles de participación para opinar sobre os contidos que se imparten na escola. Esas canles xa existen, están reguladas por lei e funcionan perfectamente. As chamadas actividades complementarias (sobre as que o "pin parental" permite exercer o veto individual) prográmanse con antelación e están contempladas na Programación Xeral Anual. Normalmente, teñen que ver con contidos curriculares importantes, polo que a asistencia é obrigatoria aínda que os pais e nais deben dar autorización. Exemplos deste tipo de actividades serían obradoiros, roteiros culturais ou visitas a museos, exposicións, xacementos arqueolóxicos, centros de educación ambiental etc. En todas elas hai persoas alleas aos centros que explican cousas que complementan o currículo que se imparte na aula e a ninguén lle escandaliza. De feito, para o centro é como se os estudantes estiveran en horario lectivo aínda que non estean fisicamente na súa aula. Por que, entón, se crea un discurso lexitimando a necesidade do "pin parental"? Simplemente por presións na igrexa católica, que a través de partidos como Vox persegue o control sobre o ensino público disfrazándoo de autonomía para as familias. En definitiva: non é unha cuestión de educación, senón de control ideolóxico. Algo tremendamente perigoso.

Defender que a escola só pode proporcionar contidos acordes a unha determinada ideoloxía (a "correcta") é adulterar o seu sentido último: crear cidadáns, críticos, libres e iguais. Os pais e nais son unha peza fundamental do proceso educativo e teñen que colaborar cos centros, pero non poden converterse en censores nin moito menos en docentes, porque non é esa a súa función. A patria potestade implica tamén responsabilidade, pero esta non consiste en coutar o que nin guste. A educación pública é responsabilidade do Estado en tanto que garante uns mínimos para todos os habitantes dese territorio e non se lle poden furtar o acceso ao coñecemento científico nin ás habilidades necesarias para unha vida plena só porque non concorden cunhas determinadas ideas. Significa isto que un pai de esquerdas podería vetar que ao seu fillo se lle explicase quen foi Franco? Seguindo a mesma lóxica, unha nai de dereitas pode negarse a que a profesora da súa filla lles mande facer un traballo sobre Mao Zedong para a clase de Historia? Mírese por onde se mire, non ten xustificación algunha.

Toda persoa en formación ten dereito a coñecer, preguntar e ser informada con bases didácticas e científicas contrastadas. A educación sexual, tan necesaria para previr enfermidades, problemas pisco-afectivos e violencia de xénero, tamén debe formar parte do currículo escolar do mesmo xeito que outros bos hábitos para a vida. Pero vetar o acceso á diversidade do mundo real con criterios estritamente ideolóxicos é adoutrinamento e conduce directamente á intolerancia, á frustración, á inadaptación social e á infelicidade. Se vostede é pai ou nai, a mellor herdanza que lle pode deixar aos seus fillos ou fillas é a liberdade que outorga a educación sen censura. Esa é a única arma contra as cadeas invisibles que aínda nos atan.

Comentarios