Opinión

Cuestión de prioridades

O Estado español lidera pola cola o investimento en educación, con perdas acumuladas que se acentuaron trala crise de 2008

“Este ano, mais ca nunca, dependemos da sorte”. A autora desta frase, que me chegou vía grupo de amizades estreitas en WhatsApp, non reparte cartas nun casino, nin rexenta unha administración de lotarías. É pedagoga terapéutica nun centro público galego de Infantil e Primaria. Así estaban os ánimos dous días antes do comezo oficial do curso. Outras sensacións do profesorado, palpadas de xeito urxente na pantalla do móbil que tantos desafogos nos permite, foron: “Non sei como dirixirme aos pais e nais do meu cole”. “Nestes momentos a cousa évos así, mañá non sabemos”. Iso foi, claro, antes de que a Xunta decidise atrasar unha semana o inicio do período lectivo ordinario en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. 

O desleixo secular que impregna o ADN das políticas educativas públicas en España está mostrando, agora si, a súa verdadeira faciana. Algúns poderán botarlle a culpa á pandemia, mais ela non é causa, senón síntoma. Todo se reduce, na súa grandeza e na súa miseria, a unha cuestión de prioridades. Os servizos públicos, e dentro deles, a sanidade e a educación, nunca estiveron nin están no podio das prioridades dos Gobernos de Galiza e do Estado español. Durante anos, aqueles que clamaban por baixar as famosas ratios, investir en profesorado antes que en ordenadores, repoñer prazas vacantes, cubrir baixas axeitadamente, ofertar servizos de apoio e reforzar grupos especialmente vulnerábeis, foron predicadores no deserto. A educación vai estupendamente, dicían. A LOMCE era a lei que ía volver competitivos aos centros, dicían. Mellorar os indicadores do “Informe PISA” era o obxectivo no horizonte para facer ben os deberes, dicían.

Nisto, chegou marzo de 2020, con primavera pero sen vida social, sen rúas ateigadas, sen parques adornados co balbordo de voces miúdas, sen aire saudable que respirar. A pandemia mudouno todo e tamén a nós. Unha vez pasados os primeiros intres e solucionado o inmediato, chegaron as consecuencias. As labazadas que non devolveron á realidade núa, sen aplausos de balcón nin emocións desbordadas. A realidade é que España lidera pola cola o investimento en educación, con perdas acumuladas que se acentuaron trala crise de 2008. A realidade é que España nunca tomou en serio a formación inicial do profesorado (a última ocorrencia foi suxerir contratalo sen formación pedagóxica pola Covid-19), non estabiliza ao que xa está exercendo nin promove a reposición de prazas fixas que se foron eliminando coa escusa da crise e nunca mais volveron. Un profesor ou profesora fallo de motivación, ao que se lle piden esforzos constantes nunca recoñecidos e abafado polo peso emocional de non saber que vai ser da súa vida (laboral e familiar) no curso seguinte, pouco pode facer por mellorar a calidade do seu traballo. Con estes vimbios, resulta inxenuo crer que vai ser posible aplicar os protocolos para a escola da era Covid se os centros non dispoñen de persoal, espazos nin medios abondo.

A tónica xeral destes tempos é precisamente esa: pedir heroicidades a quen non se lle brindan os medios para realizalas. Leo a diario nas redes comentarios de persoas que se queixan do exceso de dereitos do profesorado e teñen sempre unha solución eficaz para calquera problema colectivo. As mesmas persoas que deixan aos seus fillos e fillas en mans de aqueles aos que critican virtualmente e non ven contradición algunha en botar lume a debates sobre se Messi debe marchar do seu club, sobre a data de volta dos partidos de Liga, ou sobre se aquel coñecido toureiro maduro está en idade de mocear cunha rapaza universitaria ben máis nova. Vivindo nun país que ten un protocolo COVID a tempo para que volva o fútbol profesional pero non para as escolas, sinto unha mestura de rabia, tristura e indignación. Porque, como digo, ao final todo se reduce a unha cuestión de prioridades. A raíz do problema está en saber canto tempo máis poderemos aturar sen alimentar as que nos poden devolver o futuro.    

Comentarios