martes 29/09/20

Copiar e pegar

Setembro xa está aquí co seu sol de vendima e o seu arrecendo a libros sen estrear. Mais este ano a volta ás aulas resulta complicada e inédita. O meu regreso á docencia na universidade pública o curso pasado foi gratificante a pesares da pandemia da COVID-19. Pero realmente a miña vocación didáctica nunca estivo apagada, nin sequera durmida: hai case unha década que veño utilizando o meu blog, os meus libros e as miñas charlas para formar ás novas fornadas de estudantes sobre a importancia de contrastar as fontes de información e evitar o plaxio nos traballos académicos. 

A xeneralización das novas tecnoloxías, a facilidade de acceso a múltiples contidos e a cultura da gratuidade teñen feito estragos nas novas xeracións, que se criaron con todo tipo de dispositivos electrónicos ao seu redor e agora están entrando á universidade. Google é a súa Biblia e non teñen conciencia de que utilizar sen medida os comandos copiar e pegar nos seus portátiles sexa un delito. Pero tamén é xusto recoñecer que non é só culpa dos máis novos: o propio sistema de publicación científica, que prima a cantidade por riba da calidade, alimenta prácticas pouco recomendables cando non directamente deshonestas. E ademais, sen que as persoas infractoras sufran escarnio nin sanción.

Google é a súa Biblia e non teñen conciencia de que utilizar sen medida os comandos copiar e pegar nos seus portátiles sexa un delito. Pero tamén é xusto recoñecer que non é só culpa dos máis novos

Vexamos un caso. Fernando Suárez é catedrático de Historia do Dereito na Universidade Rei Xoán Carlos (en adiante, URXC) desde 2008; cinco anos despois foi electo reitor desa institución relevando a Pedro González-Trevijano. A finais de 2016, un xornal dixital destapou que cometera polo menos once plaxios literais doutros autores ao longo da súa carreira. De mostra, varios botóns: copiou e pegou parte da tese dunha alumna da Complutense, plaxiou obras do seu propio pai, o medievalista Luís Suárez (protagonista á súa vez dunha mediática polémica pola súa biografía de Franco para o Dicionario da Real Academia da Historia na que se negaba a consideralo un ditador), tamén copiou a un profesor de Harvard, a un historiador e rabino da Universidade Hebrea de Xerusalén ou a un exdirector da Real Academia da Historia. Dúas destas apropiacións ilícitas chegaron aos xulgados: o catedrático xubilado de la Universidade de Barcelona Miguel A. Aparicio demandouno por plaxiar "literal e totalmente" 111 páxinas dunha obra de 180 e outro profesor interpuxo unha segunda demanda. Cales foron as reaccións? A súa expulsión como vogal da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e a súa dimisión como académico da Real Academia da Historia e como director dunha prestixiosa revista editada polo Ministerio de Xustiza (posto para o que o designara Alberto Ruiz-Gallardón cando era titular desta carteira). A URXC anunciou no seu día que abría una investigación sobre o caso de Suárez: disto hai tres anos e nunca máis se soubo. Até principios do presente ano. O antigo reitor (convocou eleccións pero non concorreu para evitar ter que dimitir) recibiu unha gratificación extra da súa universidade polo seu labor como investigador, ao presentarse ao programa de incentivos correspondente a 2019.  

Dúas destas apropiacións ilícitas chegaron aos xulgados: o catedrático xubilado de la Universidade de Barcelona Miguel A. Aparicio demandouno por plaxiar "literal e totalmente" 111 páxinas dunha obra de 180 

Como traballar contidos de ética científica nas aulas con precedentes coma este? Con que cara lles explico eu aos meus estudantes que o plaxio é unha fraude que prexudica a ciencia e paraliza o progreso da ciencia e do saber humano? Só desde a corrupción xeneralizada se pode entender que non se tomen medidas drásticas contra quen atenta contra un dos principios básicos da investigación: o recoñecemento debido. Desde a miña perspectiva, o mínimo exixible ante casos tan flagrantes sería retirar o título de Doutor e inhabilitar de por vida ás persoas que teñan cometido plaxio, ademais de impoñer unha multa disuasoria por deshonestidade e dano á reputación da Universidade. Porque ao cabo, o plaxio é máis ca unha copia: é unha falta de respecto contra o servizo público e un insulto aos colegas que si traballamos con dedicación e integridade. Nunca un ladrón deu (boas) leccións de ética.  

comentarios