Opinión

Chegar a vellos

Rafael, coñecido entre os seus achegados como Don Rafael, anda preto dos 90 anos e un día do pasado marzo deuse conta de que o traballador que decote lle axudaba tiña os ollos inchados de chorar. “Morreron seis, Don Rafael. Se pode, váiase”. El tiña trato con todos os finados e asustouse. Chamou a filla e puido saír polo seu propio pé da residencia privada da Comunidade de Madrid pola que pagaba máis de 3.000 euros ao mes. Foi funcionario do Ministerio do Interior durante a súa vida laboral, quedou viúvo hai poucos meses, mantense en razoable estado de saúde e non quería condicionar a independencia da súa contorna familiar.

Este caso completamente real apareceu no xornal El País como paradigma do que aconteceu nas residencias da Comunidade de Madrid desde que se detectaron os primeiros casos de COVID-19. A residencia de Rafael negou que houbese infectados unha e outra vez ata que a filla e mais o pai decidiron marchar por propia vontade. El nin sequera fixo a maleta. Saíu co posto para nunca máis volver.

Cando lin este testemuño o primeiro que pensei foi que Rafael tiña tres cousas que lle permitiron salvar a vida: bo estado cognitivo, unha formación superior á media da súa xeración e unha familia á que acudir cando houbera algunha dificultade. A OMS vén de facer público un dato arrepiante: a metade das persoas falecidas en Europa por COVID-19 eran anciáns ou anciás en residencias. O principal problema é que moi poucas reúnen as condicións que lle permitiron a Rafael fuxir das poutas da morte.

O avellentamento é unha tendencia global en todos os países avanzados, o cal explica en parte estas altas taxas de falecidos por COVID-19 no tramo poboacional de máis de 60 anos que é especialmente vulnerable. Diversas proxeccións estiman que para 2050 agárdase que o 21% da poboación mundial terá 60 e máis anos (en 1950 esa porcentaxe era do 8% e en 2013 o 12%). En Galiza a falla de relevo xeracional é unha das principais dificultades socio-demográficas na actualidade. O 60% das entidades municipais teñen menos dun 10 % da súa poboación encadrada no tramo de menores de 16 anos. Estas cifras tan baixas engloban case a totalidade dos concellos de Lugo e Ourense, así como as áreas orientais das provincias atlánticas. Todo este espazo xeográfico correspóndese coa Galiza máis rural, en franco retroceso social e demográfico.

Somos un país de persoas maiores. Un 25% dos galegos e galegas supera xa os 65 anos de idade. A isto hai que sumar unha pobre atención social á vellez: o ínfimo nivel de gasto público por este concepto tanto no ámbito estatal (algo máis do 7% do PIB) como especialmente no ámbito autonómico, sendo Galicia unha das Comunidades Autónomas con meirande índice de vellez do Estado Español. Só Asturias ten unha media de idade máis elevada, pero hai que ter en conta que é tamén un territorio menos poboado.

Xa que logo, a crise da COVID-19 ten unha dimensión sanitaria e psico-social. As persoas maiores, as mesmas que o actual sistema considera un lastre, unha carga, unha asfixia económica que debe limitarse, conforman o groso da nosa sociedade e non poden ser ignoradas. Moitas delas enferman e morren en absoluta soidade, facendo medrar listaxes administrativas para as que non son máis que números. Pero son, ante todo, seres humanos que fixeron unha contribución fundamental ao benestar que hoxe temos. De aí a importancia de ter, como tivo Rafael, unha familia que non lles dea as costas cando todo empeza a cheirar mal. Por riba de calquera outra consideración, a maior riqueza que existe é o apoio social.

Ese benestar que pensamos infinito, deixou de selo o 13 de marzo. Se algo aprendemos coa emerxencia sanitaria é que nada dura eternamente, que somos máis fráxiles que a porcelana e que todos, se non morremos antes, imos chegar a vellos. O xeito de saírmos desta crise dirá moitos de todos e todas nós, pero sobre todo, da sociedade que queremos nun futuro próximo. Aprenderemos?

Comentarios