Opinión

8 perguntas sobre o TFM para aclarar dúbidas após o "caso Cifuentes"

O xa coñecido como “caso Cifuentes” ten acaparado ducias de titulares nos principais medios desde que un xornal dixital destapou hai varias semanas as irregularidades no currículo académico da presidenta da Comunidade de Madrid. Tres letras descoñecidas para moitas persoas: TFM. Inmediatamente, todas as miradas e dedos acusadores pasaron a sinalar a universidade española en xeral, convertida en sospeitosa de outorgar títulos sen as debidas garantías. É realmente así? 

Honestamente, creo que no se ten explicado suficientemente ben como funciona na realidade o proceso que tantos titulares está xerando e cales son os procedementos para que se faga correctamente. Cómpre iluminar o proceso de realización, avaliación e custodia dos traballos académicos. Tomando como base a miña experiencia como profesora contratada nunha universidade pública quero contribuír a aclarar que son os Traballos Fin de Mestrado, como se avalían, custodian e tratan. Porque, malia o que poida parecer, non todas as universidades son iguais.  

1. Sempre é obrigatorio ir a clase para obter un Mestrado?

Non. Só é preceptivo naqueles de tipo presencial (como o de Cristina Cifuentes). Pero tamén hai titulacións en liña que non requiren presencialidade. Esta é a opción maioritariamente escollida por estudantes que traballan ou persoas que teñen dificultade para cadrar horarios. 

2. Que es un TFM e para que serve?

É un traballo de investigación autónomo e orixinal que está contemplado no plan de estudos e do que o estudante ten que que se matricular coma se fora unha materia máis, malia que non ten docencia en sentido estrito. Pagará un importe en función do número de créditos que teña o TFM e isto dálle dereito á tutela individualizada dun profesor/a e a unha serie de apoios para realizar a súa investigación con éxito. A súa finalidade é demostrar que o estudante é quen de aplicar correctamente os coñecementos adquiridos. No caso dun Mestrado  de orientación profesionalizante, o TFM ten un carácter máis práctico, e nun Mestrado de orientación á investigación o TFM habilita o estudante para comezar a súa tese de doutoramento (esta foi a opción de Cifuentes, malia que nunca chegou a completar a última fase e non é doutora).

3. É posible acadar un Mestrado sen presentar o TFM?

Non. O TFM é un requisito imprescindible e a súa falta impide obter a titulación, aínda que previamente se teñan superado todas as materias. Ademais, as aplicacións informáticas coas que o profesorado asigna as notas non permiten que isto aconteza, porque bloquearían automaticamente a posibilidade de expedir un título se falla algunha materia contemplada no plan de estudios. Para acreditar a súa superación hai que presentar polo menos tres documentos: a folla de matrícula no TFM, o informe favorable do titor/a que permite realizar a defensa pública e a acta da defensa pública asinada polo tribunal na que se recolle a valoración deste segundo unha rúbrica á cualificación outorgada.

4. Pode un estudante realizar e presentar un TFM sen supervisión?

Non. O estudante debe realizar traballo autónomo, nunca en solitario. O dereito de tutela é explícito nos traballos de fin de titulación, xa que logo, o alumnado debe seguir as indicacións que se lle faciliten. Ademais, está obrigado a asistir ás titorías de carácter individual ou grupal e as sesións preparatorias que o titor/a organice, e a facilitarlle probas de progreso do TFM. Ten que quedar constancia da relación co titor/a, ben sexa a través de encontros presenciais ou mediante correos electrónicos. Se o estudante incumpre de forma continuada estas obrigas, comete plaxio ou amosa indisciplina, o titor/a pode negarse a asinar o informe preceptivo previo á defensa pública e outorgar unha cualificación negativa ao TFM. O alumnado nesta situación debe formalizar unha nova matrícula e pagar outra vez as taxas correspondentes para poder tentar superalo.

5. Poden modificarse as cualificacións dun estudante sen que quede rastro?

Non. En principio, as aplicacións informáticas nas que o profesorado introduce as notas están deseñadas para obter a trazabilidade de calquera expediente, en calquera momento, tanto nos Graos coma nos Mestrados. O profesorado accede cunha clave propia e ten un código que  identifica como docente nun ou varios centros e dunha ou varias titulacións. Todo o que fai en cada sesión queda rexistrado. Non pode poñer o modificar notas cando desexe, senón cando a Secretaría habilita por tempo limitado o acceso ás actas, habitualmente uns días despois de que teña finalizado o período de exposición de notas e a revisión de exames. Faise así para garantir que as notas son firmes, unha vez que os estudantes teñen exercido o seu dereito a ver o exame e a presentar reclamacións, se é o caso. As notas que figuran nas actas son definitivas trala sinatura do docente ou docentes responsables. Se un/a profesor/a comete un erro ao asignar unha nota, debe pedir á Secretaría que abra unha dilixencia especial para este efecto e só entón pode rectificar a acta. A entrega das actas definitivas asinadas e impresas debe facela o/a docente en persoa, precisamente para evitar manipulacións indebidas. A Secretaría comproba que o código e o nome do docente coinciden e procede a dilixenciar as actas. As notas son inamovibles, causando os efectos oportunos. O alumnado sen materias pendentes, pode a partir deste momento solicitar un certificado de notas onde conste literalmente este extremo e facer a solicitude formal do título.

6. Pode desaparecer un TFM?

Resulta tremendamente difícil que un traballo defendido e presentado seguindo a tramitación ordinaria se perda, agás que unha circunstancia imponderable (incendio, inundación, sismo) afecte as instalacións da universidade. O habitual é que o centro esixa varias copias físicas debidamente encadernadas e tamén electrónicas. Así, de cada TFM sempre hai copias suficientes para asegurar a súa recuperación en caso necesario.

7. Como se gardan os traballos dos estudantes?

As investigacións aprobadas e presentadas polos estudantes son de consulta pública, polo que a Universidade debe custodialos de xeito estable e respectar os dereitos de propiedade intelectual. Nos últimos anos téñense xeneralizado os chamados repositorios en liña, plataformas web de almacenamento a través das que calquera cidadán pode acceder a eles a texto completo. 

8. Pode un estudante renunciar a un Mestrado?

Non.  Calquera título universitario é un acto válido e ten efecto desde que se promulga, xa que logo só a Universidade ou a Xustiza poden retirar de xeito motivado un título académico a unha persoa. A carta de renuncia presentada por Cristina Cifuentes o 17 de abril non ten valor ningún (máis alá do recoñecemento tácito de que existiron irregularidades no funcionamento e modo de obtención da titulación). Deben ser as instancias competentes as que llo retiren se se proba a falsidade documental, una vez que conclúan as investigacións oportunas.

Hai moitos e moi bos profesores nas universidades públicas, e tamén marabillosos estudantes que se esforzan cada día por sacar adiante os seus estudos. Moitos deles viven situacións moi desfavorables coa crise a subida de taxas e o recorte de bolsas, así que non me parece xusto desacreditar a universidade sen máis. Para todas as persoas que defenden un ensino superior de calidade e non buscan atallos: adiante e ánimo!


 

Comentarios