Opinión

A meirande iniciativa en prol dun idioma ten lugar en Euskal Herria: Korrika

O 19 de marzo, os cidadáns e as cidadás vascas porán en marcha a iniciativa máis  multitudinaria que calquera pobo do mundo leve a cabo en prol do seu idioma.

O 19 de marzo, os cidadáns e as cidadás vascas porán en marcha a iniciativa máis multitudinaria que calquera pobo do mundo leve a cabo en prol do seu idioma. Participarán nela centos de milleiros de persoas, entregándose de man en man, sen interrupción, un testemuño que simboliza a propia lingua. Ao longo de once días e dez noites, nunha festa de 210 horas de duración, correrán aproximadamente 2.300 kilómetros, unindas a maioría das vilas e cidades de Euskal Herria entre si. Euskal Herria está en Europa, entre o sur do Estado Francés e o norte do Estado Español.

No seguinte vídeo pódense ver imaxes das últimas edicións de Korrika

A organización introduce unha mensaxe secreta no testemuño, e despois de pasar polas mans de milleiros de persoas, leno no acto festivo que ten lugar ao acabar Korrika. Considérase unha honra levar o testemuño de madeira, coa insignia vasca; así, asociacións, institucións e persoas a título individual “compran” quilómetros en prol da lingua. A carreira organízana as escolas populares integradas en AEK, asociación cun labor que consiste en ensinar éuskaro e alfabetizar persoas adultas; para ela son os cartos que se recollen nese crowdfunding xigantesco.  

O éuskaro estivo a piques de se extinguir, e aínda hoxe esta lingua falada por aproximadamente un millón de persoas está, segundo a UNESCO, en risco de desaparición. Esa ameaza é notoria nalgunhas zonas. Nalgúns lugares é oficial, malia que non na meirande parte do territorio. Korrika une a totalidade dese espazo xeográfico, nun ambiente festivo. Os cidadáns e as cidadás que teñen unha actitude activa a favor do éuskaro aproveitan que a iniciativa pasa polas súas cidades, vilas e barrios para organizaren actividades en prol da súa lingua e para sacar as súas reivindicacións á rúa.  

"O éuskaro estivo a piques de se extinguir, e aínda hoxe esta lingua falada por aproximadamente un millón de persoas está, segundo a UNESCO, en risco de desaparición".   

Korrika, ao igual que AEK, a súa organizadora, é unha iniciativa xurxida da sociedade civil. Celébrase cada dous anos, e neste 2015 realiza a súa 19ª edición. Á vista do éxito, algunhas comunidades con idiomas minorizados empezaron a organizar carreiras similares: en Cataluña, Irlanda, Gales, Galiza e Val d´Aran corren pola lingua autóctona.

Por que necesita o éuskaro a Korrika? 

O éuskaro sufriu un gran retroceso no pasado recente, sobre todo nos últimos tres séculos. Os e as falantes foron obxecto de burlas, multas, malleiras, etc., por falaren unicamente en éuskaro. Así as cousas, a persecución psicolóxica, entre moitos outros factores políticos, tivo un papel determinante para que a xente cambiase de idioma. As políticas lingüísticas de España e Francia influíron directamente contra o éuskaro, cousa na que coinciden a maioría dos e das lingüistas. 

O anel é un dos símbolos máis crueis da opresión sufrida polo éuskaro. Falar en dita lingua estaba prohibido na escola, e cando o profesor ou a profesora escoitaba que alguén o falaba, dáballe o anel ao alumno ou a alumna en cuestión, para que ela ou el fixese o mesmo entre os seus compañeiros/as. Promovíase que os/as nenos/as se delatasen mutuamente, e ao final da semana castigábase, adoito fisicamente, a  quen levaba o anel. Moitos/as chegaron a sentir carraxe cara á súa lingua, e acabaron na decisión de non lla transmitiren ás súas fillas e aos seus fillos, para que non sufrisen o que sufriran eles/as. Tetemuños recollidos en toda Euskal Herria demostran que o uso do anel foi xeneralizado polo menos durante os dous últimos séculos, e aínda hoxe viven moitas persoas que o sufriron. 

"Desde a década dos 50, e con máis forza desde a dos 60, en Euskal Herria creáronse escolas dentro das casas, organizadas clandestinamente. Naceu así un movemento renovado en prol da lingua".

En España prohibiuse o éuskaro por completo na ditadura que durou 40 anos, ata chegar a establecer unha Garda Urbana que  vixiaba en que idioma falaba a xente, e que impuña castigos. Eliminaron o éuskaro case por completo da vida pública e presentárono como un idioma contrario á modernidade. 

Desde a década dos 50, e con máis forza desde a dos 60, en Euskal Herria creáronse escolas dentro das casas, organizadas clandestinamente. Naceu así un movemento renovado en prol da lingua. Durante a década dos 70, co ambiente político en plena efervescencia, milleiros de persoas se alfabetizaron; para iso, o movemento euskaltzale creou as escolas de AEK. Unha vez terminada a ditadura de España, en 1980, a necesidade de financiaciamento levou a que algúns/algunhas soñadores/as da época creasen Korrika.

A pesar de que pasaron 35 anos desde aquela, o éuskaro non é oficial na meirande parte do territorio onde se fala. Nesas zonas, debido a que a escola pública non ofrece a opotunidade de estudar en éuskaro, milleiros de nenos e nenas teñen que percorrer milleiros de kilómetros anualmente, para estudar en éuskaro nalgunha ikastola (escola en éuskaro) situada fóra da súa localidade. Na área onde o éuskaro é oficial, malia se daren importantes avances na colaboración coas institucións locais, o Goberno de España denuncia os concellos que funcionan en éuskaro. Amais, quedou gravado na memoria dos euskaldúns e das euskaldunas como a policía española pechou en 2003 o único xornal en éuskaro, Egunkaria, creado con cartos achegados pola cidadanía. No Estado Francés a única lingua oficial é o francés, e houbo xuízos contra  ikastolas que ensinan en éuskaro, así como unha denuncia contra un municipio que no pasado xaneiro declarou o éuskaro oficial. 

"En Euskal Herria non deixarán que a súa lingua se perda, mais aínda teñen por diante un enorme labor para conseguir a súa normalización". 

“O éuskaro saíu á rúa, imos todos/as a Korrika!” 

Certos expertos/as afirman que das 7.000 linguas que hai no mundo a metade desaparecerá durante este século. En Euskal Herria non deixarán que a súa lingua se perda, mais aínda teñen por diante un enorme labor para conseguir a súa normalización. 

Frases como “O éuskaro é o noso único territorio libre”, “Unha lingua non se perde porque quen non a coñecen non a aprenden, senón porque quen a coñecen non a falan” ou “Que fermoso é escoitarte falar en éuskaro” pódense ler en multitude de casas, camisetas, tendas e comercios de Euskal Herria. Orgullosos/as por sacar adiante, como pobo, unha actividade xigantesca, Korrika, que precisa do traballo de centos de voluntarios/as, milleiros de cidadáns/cidadás anónimos/as que se cargarán de enerxía para seguir traballando pola súa lingua, para empoderarse e para continuaren a vivir no mundo cun punto de vista propio.   

Manifesto, publicado en varios idiomas, dunha campaña para difundir a Korrika promovido por Argia

Comentarios