Opinión

Reloxos e tribus

Os meios de comunicación difundiron unha pesquisa segundo a cal case un terzo das mulleres nadas entre os anos 1975 e 1979 non terán fillos. O diario El País fala do “drama” das mulleres que non serán nais “por esperar demasiado”. En opinión d@s expert@s -homes na súa maioría- unha das razóns é a precariedade; outra é que as parellas estábeis se forman “tarde de máis”. Din eses expertos homes que hai que pór meios para poder cumprir “as arelas reprodutivas” das mulleres, por exemplo gardarías gratuítas. O Estado español é, ao parecer, o país de Europa onde máis se retrasa a maternidade, pola falta de políticas de conciliación axeitadas. Isidoro Bruna, da Sociedade Española de Fertilidade, dá outra razón: a falta de conciencia das mulleres. É dicer, non temos en conta que a nosa “reserva ovárica” se está a esgotar, cremos, como Anne Igartiburu, que poderemos ficar grávidas con 45 anos. Ou sexa, somos parvas e irresponsábeis.

Nas reportaxes que achei noutros meios sobre este tema, tamén o sofrimento e a frustración das mulleres é o eixo principal. Sempre falan de maternidade, non de paternidade. Mencíonase os outros membros da parella -sempre homes-, inclusive saen nas fotos, mais non se recollen os seus testemuños, nen se precisa a percentaxe de homes que non trarán nen@as a este mundo. Aparecen poucas mulleres que gocen da decisión de non seren nais e, por suposto, non hai nais que se arrependen de o teren sido.

Como afirman os expertos (homes), as mulleres da miña idade temos de estar atentas, non podemos esquecermos o tic-tac do reloxo. Esquecernos? É posíbel esquecernos? A publicidade de clínicas de reprodución está por toda a parte; os meios falan acotío de crise demográfica e dentro da familia temos que ouvir cousas como “axiña se che vai pasar o arroz”.

As mulleres da miña idade temos de estar atentas, non podemos esquecermos o tic-tac do reloxo. Esquecernos? É posíbel esquecernos?

Gañamos a pelexa do direito a abortar, mais a sociedade patriartal ten máis instrumentos para controlar os nosos úteros. Por exemplo, a ameaza de que se “agardamos de máis” seremos desgrazadas.

Mentres tanto, ao meu arredor, moitas teñen claro que queren fill@s; e outras moitas teñen claro que non. Outras vivemos a decisió de sermos nais con desacougo, con moitas dúbidas, atrancos, presións e medos. Mais somos máis libres do que as nosas nais e as nosas aboas á hora de tomarmos esa decisión. Sabemos que non termos fill@s é unha opción. Taén temos a oportunidade de racharmos a familiar nuclear radiactiva. Podemos formar familia sen marido, coa nosa parella feminina ou probando modelos de poliamor. Iso si: bateremos coa política discriminatoria do Goberno de España.

Fálase moito outra vez do modelo educativo da “tribu”, da comunidade, mais se fala sobre todo entre nais. Lendo testemuños de mulleres que non cumprion o “soño” -eu diría “mandato”- da maternidade, tiven unha idea: esa necesidade de “ter” un/a fill@ creouna o capitalismo. A familia nuclear é un modelo individualista, ligado á propiedade privada. Hai persoas que non tiveron fill@s, mais axudan a educaren nen@s (sobriñ@s ou fill@s de amig@s, por exemplo). Se apostásemos nun modelo comunitario de familia, se callar aquelas e aqueles que non teñen ocasión de teren fill@s non padecerían ese sentimento de derrota, porque terían o seu papel na tribu. Para comezarmos a escorrentarmos medos e a rompermos reloxos, poñámoslle un sorriso “á vella tola d@s gat@s”.

Comentarios