Opinión

Á propósito do xenocidio contra o pobo armenio

O xenocidio contra o pobo armenio é en si unha derrota para a condición humana. Máis cando observado retrospectivamente enténdese que constitúe o primeiro do século XX, o cal vén a dicirnos que logo houbo outros. En efecto, Eric Hobsbawm, nunha das obras historiográficas máis importantes do século XX, dedica unha parte importante da súa panorámica introdutoria ás liñas mestras que subxacen á historia do século pasado: as novas formas de exterminio. Tan novas que se fixo necesario establecer novos conceptos para referirse a elas. Así, dependendo da perspectiva escollida para entender o século XX, pode dicirse que é o dos xenocidios. Sen que iso queira dicir que anteriormente non existisen. Pénsese senón en como se levou adiante a expansión colonial e imperialista dos séculos anteriores.

O que sucede é que, como ben apunta Enzo Traverso, “unha das condicións para a creación dos campos de exterminio é precisamente a monopolización estatal da violencia, é dicir, o que desde Hobbes a Weber e Elías considerouse un dos trazos esenciais do proceso de civilización. No Estado atopamos efectivamente a orixe de todos os xenocidios do século XX”. Non se trata de calquera Estado, trátase do Estado capitalista, e máis especificamente dunha modalidade de transición dentro do estadio imperialista.

Sen dúbida, os procesos xenocidas de Turquía, Espanha e Alemanha modificaron a avaliación do fenómeno da violencia estatal, e ás veces a súa natureza. O Estado moderno, segundo conceptualiza Max Weber, detenta o monopolio da violencia legal, e en arranxo a tal facultade ten todos os recursos posibles da legalidade para implementar medidas de represión baixo o control das institucións de coerción. Con todo, o Estado pode liberarse das limitacións correlativas ao Estado de dereito, e en arranxo a determinadas finalidades de intimidación pode executar de forma sistemática, directa ou indirectamente, unha violencia racionalmente dirixida para eliminar, destruír ou cando menos debilitar grupos sociais determinados. Isto supón unha alteración fundamental nos seus fundamentos éticos dado que, por principio, debe velar pola integridade das persoas. De alí a soada definición de Giorgio Agamben respecto do Estado de Excepción, entendido como a suspensión da orde xurídica, momento no cal se fai posible a eliminación física non só dos adversarios políticos senón de categorías enteiras de cidadáns que por calquera razón resultan non integrables no sistema político.

Os procesos xenocidas de Turquía, Espanha e Alemanha modificaron a avaliación do fenómeno da violencia estatal, e ás veces a súa natureza

Sistematicamente, un pequeno furgón provisto de carteleira luminosa paséase polas rúas de Manhattan, aquí en Nova Iorque. Nos seus carteis, letras que corren de dereita a esquerda, denuncian a existencia do xenocidio iniciado polo Imperio Otomán e continuado polo Estado turco, e a negativa constante a recoñecer a existencia do mesmo. O deambular de tal furgón polas rúas de Nova York ten, entre outras, unha clara intención simbólica, pois aquí atópase a sede da ONU. En 1948, tras amplios e enconados debates, a Asemblea Xeral da ONU aprobou a declaración universal dos dereitos humanos. O termo xenocidio recollíase nela. Certo é que a declaración da ONU mostrouse bastante ineficiente para previr futuros xenocidios. Aínda que, non é menos certo que constitúe unha ferramenta para que o reclamo que, simbolicamente, expresa o furgón poida realizarse.

En agosto de 1939 a Alemaña nazi preparábase para invadir Polonia. Hitler dicíalles aos seus xenerais: “executar sen compaixón homes, mulleres e nenos de orixe e lingua polacos. Só así gañaremos o espazo vital que necesitamos. Despois de todo quen fala hoxe en día do aniquilamiento dos armenios?” Coincidir con Hitler non é un mérito, pero si representativo dun diagnóstico para a humanidade, toda vez que un xenocidio negado é un xenocidio reiterado. Segundo consta nos rexistros do Armenian National Institute (dedicado ao estudo, investigación e afirmación do xenocidio contra os armenios), só 26 Estados reconheceron o xenocidio contra o pobo armenio. España é un dos que non o fixo, aínda que Navarra, Catalunya, Baleares e Euskalerría si o fixeron. Habería que preguntarse se a negativa non responde a querer gardar silencio sobre a existencia dun xenocidio no Estado espanhol a partir do golpe de estado de 1936. O silencio é, entre outras cousas, fascista.

Comentarios