Opinión

Non denuncie

Na actualidade, unha das dimensións do discurso social dominante, que acompaña a política hexemónica global, é a do odio ao islam. Esta realidade vixente, desde setembro de 2001, inscríbese, sen ningunha dúbida, na aspiración estadounidense por garantir a produción e reprodución do seu dominio, por institucionalizar a súa condición de potencia, suxeitando as rendas da operativización política e económica. Con todo, as aspiracións do imperio bélico mediático non deben converter nunha lateralidade, senón que, pola contra, deben acentuar a atención sobre a capacidade estruturadora dos Estados na formación de modalidades peculiares de organizar o conflito social. 

Sen que poida escindirse do anterior, e colocado na perspectiva adecuada, é igualmente pertinente recuperar o papel que lles cabe, aos Estados, nos procesos xenocidas habidos no século XX. Estes últimos, co Estado como axente necesario, teñen en común o ser precedidos por campañas de negativización contra os grupos posteriormente aniquilados. É dicir, campañas coordinadas, orientadas á conformación dun outro-inimigo, e mesmo outro-inimigo-agresor. 

O antedito obríganos, en tanto cientistas sociais, a sinalar cando a violencia estatal antidemocrática poida sobrevir. Nese sentido, a campaña Stop Radicalismos, obriga a expresarse sen dilacións. Someramente, podemos dicir que a mencionada campaña depende do ministerio político por antonomasia: o ministerio do Interior. Este, a través da Secretaría de Estado de Seguridade e do Centro de Intelixencia Contra o Terrorismo e o Crime Organizado, desenvolve o Plan Estratéxico Nacional de Loita Contra a Radicalización Violenta. Tan só deternos na terminoloxía oficial, convidaría a un detallado escrutinio sobre os resortes nos que, desde as esferas de poder, está a operarse -seguridade, intelixencia, terrorismo, crime, radicalización, violencia. Mais, a efectos prácticos, e por cuestións de economía na linguaxe, aínda que non na reflexión, avanzaremos sobre cuestións centradas na implantación práctica do Plan, e unha das súas especificidades: os grupos locais. 

O antedito obríganos, en tanto cientistas sociais, a sinalar cando a violencia estatal antidemocrática poida sobrevir

 

Estes últimos, dentro da empresa de vulnerabilización dos colectivos que foron prefigurados como perigosos para a seguridade interior, expresan a fase máis frontal e sofisticada da arremetida estatal, na medida en que os grupos locais son a instancia última para a efectivización da chamada guerra contra o terrorismo. Trátase, en definitiva, dunha modalidade específica de campaña de comunicación social tendente a modificar ou afirmar determinadas actitudes no conxunto social. Unha singular maneira de facer tanxible na realidade doméstica cuestións que ao cidadán medio occidentalocéntrico, lle poderían resultar afastadas: conflitos étnicos, migracións forzadas, refuxiados políticos e fronteiras políticas militarizadas. Aínda que, esta realidade, cotiá para a gran maioría da poboación mundial, preséntaselle mutilada a través das noticias ocultando, deliberadamente, o incremento das desigualdades económicas e políticas entre países e clases sociais, á vez que elude os reclamos de autonomía política ou recoñecemento cultural dos máis diversos grupos que non só claman os seus dereitos á igualdade, senón tamén os seus dereitos á diferenza. Como contrapartida, a realidade é sistematicamente traducida en mensaxes que apuntan a establecer un estado de guerra permanente contra un inimigo que está a vivir no interior das nosas sociedades.

Todo o antedito, superando a realidade ficticia descrita por Orwell, na súa novela 1984, está a funcionar, e podémolo atopar nunha páxina web do ministerio do Interior. Este habilitou unha páxina na internet, para realizar denuncias anónimas, onde se recolle o seguinte chamado oficial: “En esta página podrá comunicar cualquier incidencia o problemática que, posiblemente, suponga el inicio o desarrollo de un proceso de radicalización o de gestación de conductas extremistas, intransigentes o de odio por razones racistas, xenófobas, de creencias, o de ideologías”. Nunha segunda mensaxe amplía: “También podrá comunicar la extrema situación de radicalización de un individuo o su posible desaparición y salida/entrada del territorio nacional hacia/desde zonas de conflicto bélico”. 

O importante é tanto o que o chamado di, como o que non di e a intención que oculta. En primeiro termo, nun contexto atravesado por un amplo proceso de culturización das disputas políticas, a diferenza cultural pode levar ou ser utilizada para desenvolver políticas discriminatorias; conflitos sociais poden levar a inventar ou recrear supostas diferenzas culturais; políticas estatais poden ter un impacto notorio en prácticas cotiás de relacionamiento, recoñecemento ou exclusión. Neste caso concreto, atopamos que o Estado identificou un grupo humano, ao cal converteu en alleo da súa rede de obrigacións, para desentenderse del, e negarlle calquera espazo na sociedade. Aínda que a configuración dese grupo, radical ou extremista, parte do seu non recoñecemento social, admítello no seu rol socialmente construído de agresor. 

Aparece con toda claridade a pretensión de apontoar o establecemento da delación como lóxica relacional entre as persoas

 

Por outra banda, aparece con toda claridade a pretensión de apontoar o establecemento da delación como lóxica relacional entre as persoas. Nese sentido, constitúe unha instancia na conformación dun sentido común que, ancorado nun consenso antagónico, constitúe unha estratexia de longo alento: moldear as sensibilidades sociais. Un axuste máis nos dispositivos que garantan, senón o consenso, polo menos a impunidade para bombardear poboacións civís, para torturar, para acalar a rebeldía, en síntese, para que o Imperio siga actuando nos terreos da devastación. 

O medo á diversidade e o odio ao outro reaparecen, impulsados desde o imperio bélico mediático, pero vivenciados na realidade cotiá de mirar con desconfianza ao que cultural e politicamente é distinto. 

Comentarios