Opinión

Os fundamentos do neoliberalismo

O rexurdir do liberalismo actual (neoliberalismo) prodúcese nun contexto diferente do da súa versión anterior. O liberalismo do século XVIII emerxeu como unha doutrina que cuestionaba as restricións feudais do comercio e a produción; procuraba socavar os réximes patrimoniais e permitir o libre intercambio do traballo por salarios, a conversión de riqueza en capital. En tanto derrubaba as restricións feudais, podería dicirse que desempeñou un rol revolucionario, aínda que un rol moi brutal e explotador.

Desde un principio o liberalismo, na súa procura de mercados abertos, privatización das propiedades e ampliación das relacións de produción, foi unha ideoloxía dos países capitalistas dominantes (imperialistas) que podían competir eficazmente no mercado mundial. Os países en que o desenvolvemento do capitalismo foi máis tardío (Alemaña, Xapón, EEUU) resistíronse ao liberalismo e adoptaron políticas proteccionistas nacionais e populistas, procurando dese modo protexer as industrias emerxentes e os mercados internos. Tenderon a crear un mercado interno por medio da expansión do traballo asalariado. 

O rexurdir do neoliberalismo prodúcese como resultado da crise do populismo e a derrota do socialismo. Máis especificamente, o neoliberalismo é ao mesmo tempo similar e diferente do liberalismo. É similar no sentido de que sostén que o mercado e non o Estado debe ser o único distribuidor de salarios e capital. 

Defende a desregulación total, a eliminación de todas as barreiras tarifarias, o libre fluxo de produtos, traballo e capital. Ambas doutrinas exprésanse en contra de todas as regulacións, e favorecen a autorregulación do mercado. A nivel doutrinal o neoliberalismo e o liberalismo teñen moito en común. Con todo, en termos do contexto no que emerxen, son moi diferentes. Isto é: o liberalismo e o neoliberalismo comparten posicións doutrinarias comúns, mais os efectos que o neoliberalismo exerce sobre a estrutura social e sobre a economía son moi diferentes aos do seu antecesor. A imposición política dun modelo económico preindustrial (o neoliberalismo) a unha formación social avanzada ten efectos aberrantes sobre a economía e a sociedade. Desarticula os sectores e rexións económicos interrelacionados, mentres marxina e exclúe ás clases produtivas (traballadores e manufactureiros) que integran o mercado nacional. 

O liberalismo e o neoliberalismo comparten posicións doutrinarias comúns, mais os efectos que o neoliberalismo exerce sobre a estrutura social e sobre a economía son moi diferentes aos do seu antecesor

As denominadas reestructuración e integración global conducen ao crecemento de enclaves privilexiados dunha clase reducida de capitalistas transnacionais vinculados con multinacionais e bancos estranxeiros. No agro e a industria: o neoliberalismo conduce ao desenvolvemento combinado e regresivo, a tecnoloxía do século XXI serve para conformar unha estrutura de explotación do século XVIII.

A teoría neoliberal e as súas políticas perseguen cinco obxectivos:
    

  •     A estabilización de prezos e das contas nacionais
  •     A privatización dos medios de produción e das empresas estatais
  •     A liberalización dos fluxos comerciais e de capital
  •     A desregulación da actividade privada
  •     A austeridade fiscal para o gasto público

   
Un dos argumentos clave dos teóricos neoliberais, e dos sicarios do capitalismo, é a idea de que a globalización é irreversible e inevitablemente a próxima etapa do capitalismo. Argüen que non hai alternativa á apertura dos mercados e as economías a un libre fluxo do capital e do comercio. Os neoliberais afirman que a globalización é un produto do avance tecnolóxico e da denominada revolución informática, dos imperativos do mercado mundial e/ou lóxica do capital.

Con todo, isto que se presenta como fillo do libre devir da historia non é así. Xa que por empezar a globalización non é un fenómeno novo. Para comprender a globalización é necesario considerala como un resultado político. As novas tecnoloxías facilitan o fluxo de información, aumentan a velocidade das transferencias e dos movementos de capital. Pero a tecnoloxía non determina a locación do investimento, son os índices de gañancia os que determinan de que xeito será utilizada a información. A política goberna a tecnoloxía.

O impacto do neoliberalismo sobre a estrutura de clase

A política neoliberal é o resultado do ascenso dunha nova clase de capitalistas transnacionais que teñen investimentos en gran escala e contas bancarias en EEUU e Europa, e que son donos de industrias orientadas á exportación e de bancos vinculados cos circuítos internacionais.

O impacto dos mercados libres sobre a man de obra asalariada consistiu na polarización da forza laboral nun sistema de tres filas:

Os técnicos capacitados, profesionais, investigadores, xerentes vinculados ás empresas, aos bancos multinacionais e ás fundacións estranxeiras, que se converteron nos máis firmes defensores dos réximes neoliberais.

Unha fila de empregados e traballadores públicos e privados, cuxa estabilidade se precariza cada vez máis.

A tecnoloxía non determina a locación do investimento, son os índices de gañancia os que determinan de que xeito será utilizada a información

Para rematar, o sector máis numeroso e de máis rápido crecemento de toda a forza laboral, traballadores ocupados na economía informal.

O libre mercado incrementou as desigualdades entre as clases e socavou a base dunha expansión económica baseada na demanda interna masiva. As divisións de clase cada vez máis profundas, tamén deterioraron a base de calquera consenso social democrático destinado a apoiar ás institucións políticas democráticas. 

Comentarios