Opinión

Da Revolución e o compromiso ao apoliticismo

Para comprender a praxe de Guevara é necesario ter presente o contexto, o pano de fondo dos efectos multiplicados dunha época onde a idea de Revolución impregnou todos, absolutamente todos, os ámbitos da vida en sociedade, desde a política até a arte, desde a cultura de masas

Para comprender a praxe de Guevara é necesario ter presente o contexto, o pano de fondo dos efectos multiplicados dunha época onde a idea de Revolución impregnou todos, absolutamente todos, os ámbitos da vida en sociedade, desde a política até a arte, desde a cultura de masas até os hábitos familiares e os códigos amatorios (alí esta o influxo de Erich Fromm, para corroboralo).

A Revolución converteuse no eixo dunha cosmovisión do mundo disposta a desafiar o futuro, convencida das súas posibilidades de superación, imaxinando un porvir distinto, onde o home era facedor da súa propia historia. Cando se impugna a figura do Che como utópica, como anacrónica, o que se está pondo en dúbida é a concepción do intelectual comprometido: aquel que pon en xogo a súa propia liberdade nunha experiencia política que o supera e onde debe probar a fidelidade a unha causa que é inmediatamente a da súa clase ou a do grupo social ao que pertence. 

"Cando se impugna a figura do Che como utópica, como anacrónica, o que se está pondo en dúbida é a concepción do intelectual comprometido"

Non é casual que a imaxe típica de Guevara, inmortalizada polo fotógrafo Alberto Díaz Korda, onde aparece coa estrela de comandante na súa boina, ollada decidida, barba descoidada e melena ao vento, fose tomada nun palco onde se atopaban: Jean-Paul Sartre e Simone de Beauvoir. Tampouco é un dato menor que un dos últimos libros do historiador máis importante do século XX Eric Hobsbawm, se titule: Como cambiar o mundo; e leve na capa a imaxe do Che.

A día de hoxe a presión homoxeneizante da homologación capitalista que pretende expandirse considerando ao outro como terreo a conquistar atopa, en quen ocupa os espazos máis destacados da intelectualidade académica, os seus intelectuais orgánicos. Estes a diferenza dos intelectuais comprometidos, insertos na carreira aberta ao talento, comulgan no sofisticado apoliticismo, no fin da historia, reproducindo o sentido común xerado polas clases dominantes: a imposibilidade de estruturar novas relacións de poder constitutivas do social. Os intelectuais encolumnados no apoliticismo, en tanto reprodutores do sistema de dominación, dan forma aos medios de integración ao sistema, transmitindo ás novas xeracións o utópico e anacrónico de soñar cun mundo mellor. 

"Os intelectuais encolumnados no apoliticismo dan forma aos medios de integración ao sistema, transmitindo ás novas xeracións o utópico e anacrónico de soñar cun mundo mellor"

Un día do século XX, que o calendario gregoriano data no 9 de outubro, foi para moitos poboadores do orbe mundial un dos días máis tristes da súa existencia: o asasinato do Che. Mario Benedetti escribiu Consternados, rabiosos, alí expresou unha síntese global do significado e do significante da desaparición física do que se convertería na ícona da Revolución: din que incineraron toda a túa vocación menos un dedo; basta para mostrarnos o camiño para acusar o monstro e os seus tizóns para apertar de novo os gatillos. 

Esta pasaxe expresa dous debates nodais: dunha banda a discusión sobre a violencia na resistencia; por outro as estratexias das clases dominantes no seu esforzo por conseguir a subsunción á orde establecida. O uso da violencia debe ser comprendido no dereito central do individuo a resistir, non nun contexto belicista, ou dentro dun interese estratéxico capitalista.

Se nos detemos no segundo aspecto, podemos observar o esforzo pedagóxico da clase dominante, que tentou arrincar a través do asasinato e posterior desaparición do corpo do Che non só a súa presenza senón as súas prácticas sociais. As estratexias de disciplinamento das clases dominantes son moitas e moi variadas, por exemplo: nalgúns países do occidente democrático, aos intelectuais comprometidos xúlganos penalmente, e sanciónanos a cumprir as súas sentenzas lonxe dos seus lugares de orixe, trasladando a condena aos seus familiares, amigos e demais loitadores. É certo, non os asasinan, como din que dixo Sigmund Freud ao decatarse que os seus libros arderan nas fogueiras nazis: é un gran progreso con respecto á Idade Media. Agora queiman os meus libros, pero entón queimaríanme a min. 

Comentarios