Opinión

#EuCxG

O 28 de abril temos o dereito, e eu coido que tamén o deber, de exercer o voto. Parto da máxima de que se un dereito non se exerce, pérdese, por iso o importante é que á noite as urnas estean cheas de nomes de homes e mulleres que se deciden a dar ese paso, sinalar e agradecer a todos aqueles que forman parte das listas, de todas as listas.

Mais é preciso un exercicio de responsabilidade, porque está en xogo moito do futuro. Por iso cómpre analizar a situación en dous niveles para escoller opción, a miña evidentemente é CxG.

Para que? No ano 1981 a sociedade galega, a clase política galega e o estado chegamos a un pacto, o Estatuto de Autonomía de Galicia. Fomos avanzando pouco no autogoberno e non temos o noso marco legal totalmente desenvolvido. Quen mellor para administrar o noso que nós mesmos? Esa é a razón pola que CxG está nas papeletas para avanzar na construción do marco de relacións co estado e administrarnos nós, pero sen teimas de independencia.

Nós queremos construír un estado de nacións e forzar tamén para a construción dun estado europeo

Existe unha realidade que moita xente non quere ver, nós temos unha problemática de estrutura propia: produción agropecuaria, pesca, costa, dispersión, conexións, transporte... que dependen de España pero que non son para o estado español prioritarios, a realidade é que o noso peso electoral e demográfico non nos permite loitar en igualdade de condicións sen forza propia que se faga necesaria como PNV. Fica claro o para que, para avanzar no autogoberno, para buscar un marco de relacións novo, para poñer en Madrid os problemas dos galegos e galegas, mais cunha particularidade clara que só ten CxG, nós queremos construír un estado de nacións e forzar tamén para a construción dun estado europeo.

Por que CxG? Porque somos unha forza que ten o centro de decisión en Galicia e sen dependencias, a nós pouco nos importa o Mediterráneo. Somos unha forza con boas relacións fóra: PNV, PDE (Partido Demócrata Europeo) e PDR (Partido Demócrata Republicano de Portugal) que nos poden axudar a fixar posicións de estado.

Cremos nunha acción política que sexa o espello da sociedade, que canalice as reclamacións e teña a cintura precisa para non impoñer dogmas ou posicións de extremos, iso permite que sexamos quen de negociar a un e outro bloque do congreso, unha situación moi interesante no actual panorama.

Pola contra do que poida parecer contra as mensaxes que atacan a nosa lingua e tamén o autogoberno, toca seguir avanzando, pois ese é o único camiño efectivo para que a nova dereita fique fóra de xogo. Por iso dende Madrid defenderemos a nosa identidade e lingua de xeito prioritario.

Porque somos a única forza galega que quere seguir construíndo un espazo común en España, tamén en Europa, pero sendo unha nación que se chama Galicia.

Comentarios