Opinión

Desprecíbel Duran i Lleida

O líder de Unió Democràtica, Josep Antoni Duran i Lleida, tense tornado por méritos propios nun dos personaxes máis detestados de Catalunya

O líder de Unió Democràtica, Josep Antoni Duran i Lleida, tense tornado por méritos propios nun dos personaxes máis detestados de Catalunya. E non precisamente polos seus alegatos en contra do proceso soberanista ou polas súas profecías sobre o futuro do noso país fóra da UE, senón por unhas declaracións emitidas en direto por Catalunya Ràdio que, ao meu xuízo, merecen sobexamente o título que encabeza este artigo. Cómpre ser moi idiota, moi caradura ou moi miserábel, ou talvez as tres cousas á vez, para arrebolar sandeces de semellante calibre nunha época tan convulsa como a que nos toca viver.

Inquerido por se ao deixar a política se dedicaría á docencia, respondeu: "E de que vivirei? que comerei?"

Se alguén ten redixido algunha vez, en calquer parte do mundo, unha listaxe das parvicies máis colosais pronunciadas polos políticos máis badocos, éralle ben pór a última de Durán nunha posición de privilexio.
Lembremos de vez as súas espontáneas palabras do outro día, ditas ao vivo. A xornalista Mònica Terribas interesouse por saber se, caso de deixar a política, se dedicaría a facer a tese doutoral e á docencia, e o líder de UDC, con expresión de grande surpresa, perguntou: "E de que vivirei? Que comerei?".

Deixado o espazo ou os segundos abondos para valorizarmos a súa reacción, vaiamos coa seguinte pergunta de Terribas (“Home, alguén brillante como vostede hase de poder gañar a vida, non?”) e a resposta de Durán: “Os profesores pásano moi mal, non gañan abondo; polotanto, non tería bastante”.

Durán, cretino, a bicoca acábaseche, retírate de vez e ponte a traballar

Respiremos. Respiremos profundamente e deixemos que os insultos máis feroces que nos acoden á mente se vaian esvaecendo. Visualicemos agora a Durán no seu cuarto do Hotel Palace de Madrid e, a seguir, a multitude de profesores que, cun soldo que el considera indigno, con retallamentos continuos e cargas de traballo cada vez maiores, son quen de viver e de comer, de sacar adiante as suas familias. Imaxinemos agora o que deben pensar eses profesores –e, por suposto, as lexións de parados e de traballadores que cobran menos ou bastante menos do que eles– ao ouvir as confesións do líder de UDC.

Acouguemos. Acouguemos todo o que poidamos e, con extrema educación, digámoslle o que pensamos e agardamos del: Durán, cretino, a bicoca acábaseche, retírate de vez e ponte a traballar.

Comentarios