Opinión

A indivisíbel España

O filósofo Josep Ferrater Mora, a partir de agora JFM, sostiña que a vida catalá era una amalgama formada por catro elementos básicos, catro características que, ao seu xuízo, nos definen: continuidade, moderación, cordura e ironía. JFM tamén escribiu o que lle parecía máis desexábel para os cataláns e para Catalunya: "Que o catalán sexa aquel para quen Catalunya é como un ferro deitado ao fogo ardente, pero como un ferro do cal terá que forxar unha bela arquimesa, no canto de se limitar a deixar que miserabelmene arrefeza ou no canto de lle extraer loucamente, freneticamente, algunhas faíscas fuxidizas". As palabras do filósofo, falecido en 1991, son tan equívocas que poden compracer calquer catalán sexa cal for a súa ideoloxía política; precisamente por iso, como guionista do cómic sobre a vida de JFM que acaba de publicar a Universitat de Girona con ilustracións de Iván García, considéroas acaídas para ensaiar unha achega ao que os promotores do testosterónico artigo 155 da Constitución española denominan o problema catalán ou, en variantes menos diplomáticas, o desatino independentista ou o desafío secesionista.

Tanto dentro como fóra do país -de Catalunya, quero dicer- os pontos de vista son tan diametralmente opostos como o veñen sendo desde hai uns cantos séculos, mais os acontecimentos dos últimos meses -o referéndum que non foi mais foi, os mocazos dos piolíns, a proclamación da República que non é mais é, os presos políticos, a marcha de Carles Puigdemont a Bruxelas, a persecución de símbolos amarelos, os longos tentáculos dun 155 que alén de intervir o goberno catalán permite trasladar cun modus operandi vergoñento as obras de Sixena, por citar só algúns dos episodios máis clamorosos- debuxan un panorama tan esperpéntico que, se non estivésemos falando de asuntos tan serios, podería pensarse que se trata dun filme dos irmaos Marx. Porén, o certo é que non se trata de nengunha obra de ficción, senón da realidade dunha nación sen estado en que, esquematizando moito e a falta dun referéndum que cuantifique os partidarios de cada opción, se poden distinguir tres grandes bandos: os que arelan a independencia, canto antes mellor; os que se opoñen a ela; e os que ambiguamente, sen acabar de definir as súas preferencias, propoñen unha solución dialogada. 

O poder do Estado

 

Os cidadáns que o día 21 acudan ás urnas, esta vez sen nengún temor de seren golpeados polas forzas da orde, poderán elexer entre o bloco independentista -ERC, JxCat e a CUP-, o que defende a sacrosanta unidade de España -Cs, PSC, PP- e os soberanistas en boa parte non independentistas de CeC-Podem, que reclaman poder decidilo todo, incluída a independencia, mais poden non a desexar. Porén, sexa que for o que ocorra o día 21, voten o que voten os cataláns, é case seguro que nada mudará, no mínimo de momento. “En España a lei cúmprese e así vai continuar a ser. O Estado de direito demostrou que ten mecanismos democráticos e eficaces para se defender dos que tencionan liquidalo", afirmou recentemente Mariano Rajoy. Alén de anticipar que, se é necesario, após as eleccións catalás voltará a se aplicar o artigo 155, as súas palabras son produto dun dos sinais de identidade do nacionalismo español: non quer que outras nacións desenvolvan a sua identidade; non só é nacionalista, tamén é hexemonista. Aliás, o enorme crecimento dos partidarios da independencia catalá ten provocado o acordar do nacionalismo español dentro e fóra de Catalunya. O día 21 ambos bandos irán medir as súas forzas da forma máis democrática posíbel, mais nen sequera isto garante que os resultados acaben sendo democráticos, no mínimo do ponto de vista dos independentistas. De que servirá unha maioría de votos ou escanos ante a contundencia do 155? Grazas ao famoso artigo, o PP goberna Catalunya con 8,5% dos votos. Grazas ao 155, gobernantes lexítimos están na cadea ou no exilio. Todo son pontos de vista, supoño. E todo se reduce, xa o sabemos, á lei do máis forte. O estado recorre ao poder coercitivo para restabelecer a lei. A súa lei. Moitos pensamos que esta lei nos limita e nos oprime e esperabamos, talvez inxenuamente, que Europa acudiría na nosa axuda.

Alén da néboa

 

“Hai quen pensa que Catalunya se pode realizar, nacionalmente falando, nesta Europa unida de colonizadores non arrepentidos”, escribiu hai máis de 30 años Manuel de Pedrolo en Cròniques d’una ocupació. A frase, claramente irónica, continúa a ser vixente, mais ten perdido forza. Moitos cataláns temos perdido a fe en Europa perante a evidencia de que os estados hexemonistas farán todo o posíbel para impedir o aparecimento de novos estados. Mesmo outros estados que no seu momento tiveron que loitar para o seren, ollan agora para outro lado. A única esperanza para os pacíficos independentistas catalás é continuar a medrar, ollar alén da mesta néboa que nos envolve e continuar a loitar até a opinión pública dos estados hexemonistas comprender que pedimos algo xusto, que só tratamos de salvar a nosa identidade. Mais de momento, sexamos realistas, estamos na indivisíbel España, onde os asuntos desta índole acostuman a se resolveren a lapote limpo. Poida que JFM non pensase na independencia de Catalunya cando falou de continuidade, moderación, cordura e ironía, mais non son más características para quen desexe modelar o país como un ferro deitado ao fogo ardente.

Comentarios