Opinión

O futuro da refinaría da Coruña

Adecisión de aplicar un ERTE ao cadro de persoal da refinaría de Repsol na Coruña debe servir para que todas e todos fagamos unha reflexión sobre a situación na que se atopa esta industria nun momento de transición no campo enerxético ao fío da aprobación da lei de cambio climático.

Se todos estamos dacordo na necesaria e gradual substitución dos combustibles fósiles, tamén o estaremos na importancia de que as grandes industrias térmicas e petroleiras afronten unha reconversión que garantindo a viabilidade da súa actividade, poida tamén garantir o emprego e o futuro dos territorios que tradicionalmente lles serviron para obter importantes beneficios. 

A economía non pode percibirse só en termos de perda e beneficio, a economía ten tamén un compoñente social esencial, e os actores teñen que amosar o seu compromiso ético co territorio onde se establecen. 

No caso da refinaría da Coruña a multinacional Repsol non afrontou por agora investimentos significativos que amosen un compromiso inequívoco coa súa viabilidade presente e futura e hai que expoñelo con realismo e crueza. Sabemos que eses investimentos son imprescindibles para facilitar unha reconversión que mellore a calidade ambiental das instalacións e aposte polo desenvolvemento de enerxías alternativas.

Cabe recordar que o Goberno de España presidido por Pedro Sánchez acaba de comprometer a licitación do enlace ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira, un investimento público de primeira magnitude que supón unha grande oportunidade para a petroleira, tanto para adaptar o seu negocio tradicional como para buscar outros modelos. Debe haber corresponsabilidade tamén por parte da empresa e a mellor forma de comprometerse co territorio é facer investimentos que reforcen o tecido industrial da comarca da Coruña.

As Administracións teñen a obriga de contribuír ao desenvolvemento económico. Na Coruña téñeno feito cunha forte aposta polos graneis líquidos no porto exterior. As empresas, pola súa banda, deben estar á altura e respostar a esas facilidades coa creación de riqueza. Mais quen entenda a riqueza só como reparto de dividendos trabúcase. A riqueza está na xeración de emprego e na contribución á creación dun tecido social forte e solvente. Sen ese tecido, non hai futuro. E sen futuro tampouco hai empresas nin, por suposto, dividendos que repartir.

O ERTE anunciado por Repsol, desde logo, non vai nesa liña, e menos nunha cidade que sempre puxo todas as facilidades á instalación e crecemento da petroleira. Hai tempo para cambiar de rumbo e para que Repsol demostre, coa lóxica reciprocidade, que realmente aposta pola Coruña e por garantir a viabilidade futura da refinaría e o mantemento da actividade industrial na cidade.

Comentarios