Opinión

Festexando un novo tempo

O pasado sábado 1 de outubro os socialistas galegos volvemos xuntarnos en Oroso para celebrar a tradicional Festa Socialista de Galicia. Unha celebración na que cada ano nos xuntabamos militantes de todas as agrupacións do país para compartir unha xornada de ilusión e felicidade.

Unha xornada que facía seis anos que non viviamos e que Valentín González Formoso volveu recuperar, festexando a apertura dun novo tempo político para o PSdeG e unha nova etapa de convivencia para a militancia na que recuperar os mellores valores socialistas, a ilusión de volver á Galicia progresista, feminista e europeísta que xa coñecemos.

Coa primeira cita no 2001 en Culleredo, sendo secretario xeral o ex presidente Emilio Pérez Touriño, a Festa Socialista converteuse nun símbolo de unidade para os socialistas galegos. Foron moitos os líderes do partido que se subiron ao escenario daquela carballeira de Caldas de Reis, sede da Festa Socialista durante cinco anos. Unha festa na que o son do río se xuntaba co aire das gaitas e o tocar das pandeiretas e o olor da natureza se mesturaba co polbo e a carne ao caldeiro.

Aínda no 2007, cando mudamos a carpa a carón do río en Caldas polo teito e solo de cemento de Vilagarcía, en Fexdega, a Festa Socialista seguía mantendo esa esencia de romaría. Porque o importante da cita nunca foi o onde nin o cando, senón poder celebrala.

Porén, no ano 2009 a Festa Socialista deixou de ser unha tradición viva para ser un recordo. Unha promesa que ano tras ano vía pasar outro setembro sen gaiteiros e sen carne ao caldeiro, deixando para a memoria a nosa particular romaría xusto antes de que se cumprira a súa décima edición.

Os anos de goberno de Feijóo non só nos deixaron un país moito débil, con 138 colexios e 976 profesionais sanitarios menos, senón tamén un clima de desilusión que estaba falto dun liderado co que honrar de novo o galeguismo e o socialismo e amosar á cidadanía que somos un partido forte disposto a defender os intereses de Galicia. Un partido que defende Galicia, goberne quen goberne en Madrid.

Así o demostran os máis de 1.000 concelleiros e concelleiras e máis de 110 alcaldes e alcaldesas que día tras día traballan en favor de tantos galegos e galegas dos seus municipios, defendendo os intereses dos seus veciños e veciñas.

No 2016, Penateixa foi testemuña de aquel primeiro rexurdir, mais tivemos que esperar outros seis anos para recuperar definitivamente a Festa Socialista de Galicia.

Porque recuperar a festa socialista supón recuperar a ilusión, recuperar as ganas de celebrar o noso orgullo de ser socialistas e volver a esa raíz de país que tanto nos identifica. Festexar a unidade dun partido que atopa na defensa de Galicia, e dos galegos e galegas, a súa razón de ser.

Un partido unido na defensa do sector pesqueiro contra o veto da Unión Europea, da atención sanitaria presencial fronte á asistencia telefónica e as listas de espera, do rural fronte ao peche masivo de centros educativos e sanitarios, ou na aposta pola transición enerxética e na loita contra o cambio climático. Porque debemos protexer e reforzar non só o que temos, senón tamén o que podemos ter se queremos ter peso en España e en Europa.

Despois de seis anos, volveron os gaiteiros. Volveu o polbo, a carne ao caldeiro e as risas con Carlos Blanco. Volveu aquel Culleredo primeiro que dera o paso a Caldas de Reis, e tamén a Vilagarcía de Arousa que herdara a romaría socialista.

Volvemos a Oroso para celebrar a Festa Socialista de Galicia, para honrar esa orixe galeguista e municipalista á que nos sentimos profundamente apegados. Volveu a Festa Socialista, volveu o socialismo galego para defender os intereses de Galicia. E desta vez, "veu pra quedar".

Comentarios