venres 03/12/21

Explotación de recursos a cambio de nada?

Na época da responsabilidade social corporativa, o esperable das grandes compañías que viven da explotación dos recursos de todos é unha xusta contrapartida, no social, no territorio que ocupan. O paso dado por Naturgy ao decidir o peche do seu Centro de Operación de Redes (COR) na Coruña obvia esa lóxica e evoca, no seu comportamento, outras épocas históricas que pensabamos pasadas. Non é de recibo que unha compañía que leva tantos anos lucrándose á custa do patrimonio natural dos galegos decida, por riba, levarse as oportunidades laborais que xera a súa actividade a outra parte.

Entre as funcións que teñen os Gobernos figura, xustamente, a de buscar un equilibrio entre os lexítimos intereses privados e os igualmente lexítimos intereses públicos. Mais a Xunta demostra no caso de Naturgy que pon o libre mercado por riba de calquera outra consideración. 

Semella que no Goberno galego non hai ninguén que sexa consciente do que suporá o desmantelamento do COR de Naturgy, privando a Galicia dun centro clave na prestación do servizo eléctrico. Non sei se hai corazón, se hai alma, e tampouco se hai cabeza pero o que si vexo é indolencia absoluta diante dunha decisión que empobrece un pouco máis o noso país. 

A actitude da Xunta no caso de Naturgy non só priva a Galicia dun centro de decisión e mando operativo para atallar as incidencias no sistema eléctrico galego, senón que terá consecuencias negativas para todos os concellos do noso país, con especial incidencia nos de menor poboación e maior dispersión.

Tamén pon en evidencia a forma de actuar dun Goberno, o galego, que non é capaz ou non quere, facer valer un feito relevante, como é que a Xunta sexa socia empresarial de Naturgy en empresas como Sogama ou Gas Galicia, compañías mediante as que a eléctrica obtén importantes beneficios explotando os nosos recursos. Non é de recibo que o Goberno que debe velar polos intereses de toda a cidadanía renuncie ás súas competencias e actúe como un mero socio capitalista ante un problema social. 

Primeiro foi o peche do Museo de Arte Contemporánea, agora o peche de servizos e o traslado do emprego. Cal será o seguinte paso no aproveitamento dos nosos recursos e no desmantelamento de infraestruturas clave para Galicia? Esta mesma semana o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicaba que o que está a facer Naturgy en Galicia non o terían permitido noutros lugares da xeografía nacional. 

O acontecido co Centro de Operación de Redes é un caso de libro. Se non mantemos o tecido produtivo, se non somos capaces de fixar emprego de calidade, se non temos a capacidade de influír sobre as políticas de empresas que viven do público, pouco poderemos facer para construír un país cun futuro prometedor. A pasividade do Goberno autonómico é alarmante.

Explotación de recursos a cambio de nada?
comentarios