Opinión

O ano da recuperación

A Coruña ten  razóns  dabondo  para  encarar  con optimismo o ano 2022. Podemos mirar  con  luminosidade  o  que  está  por  vir,  porque durante os dous últimos anos, a pesar da pandemia, sentamos as bases para que así fose.

A  pandemia  trouxo  consigo  unha  fonda  crise  sanitaria, pero tamén económica e a combinación de  ambas  as  dúas  provocou  unha  das  experiencias máis traumáticas que, xeracionalmente, nos ten  tocado  vivir.  Mais  temos  demostrado  como  sociedade que non nos van frear os atrancos, que ante a adversidade, medramos.

Porque todos e cada un de nós traballamos para facerlle  fronte  á  crise  e  este  ano,  especialmente,  para preparar a esta cidade para o día despois da fin da pandemia.

Todos actuamos nesa clave e con iso mudou o noso  proxecto  de  investimentos  para  centrarnos  nas  persoas,  con  20  millóns  de  euros  dedicados  aos  plans  de  recuperación  económica  e  social,  aprobados  ambos  os  dous  por  unanimidade  da  corporación.  Ningún  Concello  ten  chegado  máis  lonxe nas súas medidas de axuda e estímulo. Ningún.  Non  sei  se  se  podería  ter  feito  máis.  Si  sei  que ninguén foi máis alá ca nós.

Temos  argumentos  para  encarar  con  optimismo  o  ano  vindeiro.  Porque  esta  cidade  ten  en  marcha  unha  fonda  transformación  que  a  fará  máis  forte,  máis innovadora e máis amábel. Unha fonda transformación que avanza xa e que non ten marcha atrás.

A  construción  do  enlace  ferroviario  ao  porto  exterior era non hai moito un soño, un soño que hoxe vai  camiño  de  ser  realidade.  Tamén  era  impensábel  viaxar a Madrid en tren en menos de catro horas. Ou pensar que por fin poderíamos ter saneada a nosa ría.

Conseguímolo, entre todos e todas, grazas ao diálogo institucional, sumando así un novo fito á Coruña que queremos para o que resta de século, unha cidade que pasa tamén polo grande reto dos terreos que ese tren axuda a liberar, os do noso porto interior.

Froito tamén do diálogo acadamos o compromiso  dun  novo  Chuac  ao  que  achegamos  todas  as  facilidades e recursos dende a nosa aposta pola sanidade pública como grande alicerce da sociedade do benestar. Grazas ao diálogo tamén puxemos as bases para a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía e da nova estación intermodal.

Fixémolo  facendo  da  palabra  un  instrumento  capaz de atopar os puntos de unión con partidos de  distintas  cores  e  con  administracións  de  distintas  sensibilidades.  Os  que  entendemos  que  a  política é a máis nobre das disciplinas non podemos actuar doutro xeito.

Hai razóns para ser optimistas. Pegados ao mar e tamén no aire. 2022 ten que ser o ano do despegue, como está a despegar Alvedro, sumando rutas que enlazan a nosa cidade con destinos nacionais como  Gran  Canaria,  Valencia  ou  Málaga  e  internacionais,  como  Londres  e  París,  favorecendo  o  turismo e tamén a actividade económica.

O ano do despegue de sectores estratéxicos como o das novas tecnoloxías, co impulso decisivo á creación da Cidade das TIC, auténtico polo de xeración de  emprego  e  factoría  de  coñecemento,  unha  iniciativa que, da man da Universidade, consolidará A Coruña como a capital tecnolóxica de Galicia.

A  transformación  dixital  e  a  sustentabilidade  serán  de  seguro  dúas  pancas  claves  para  avanzar  na  reactivación  económica  e  na  xeración  de  emprego, como o será tamén a capacidade que teñamos  á  hora  de  aproveitar  os  fondos  de  recuperación europeos Next Generation.

Fondos  que  debemos  empregar  para  evolucionar  cara  a  un  modelo  produtivo  que  teña  máis  en  conta  as  persoas  e  que  potencie  o  tecido  industrial,  así  como a I+D+i e a economía do coñecemento. Un modelo que poña en valor o coidado do medio ambiente e a sustentabilidade como premisas irrenunciábeis.

2022 ten que ser o ano da recuperación, da recuperación  económica  e  social,  da  apertura  ao  mar desta cidade, o ano no que as coruñesas e os coruñeses recuperen o acceso aos peiraos, o ano en que A Coruña volva ser un destino turístico de primeiro nivel en Europa, o ano no que a nosa cidade sexa de novo referente das grandes citas nacionais e internacionais da música e da cultura.

Comentarios