Opinión

Comigo que non conten

Hoxe (2 de setembro de 2022) o profesorado de secundaria que aprobamos as oposicións este verán atendemos ao paroxismo do esperpento e da falsidade. Organizouse desde a Consellería un acto de “benvida” a este sector do profesorado que, segundo o convite enviado por correo electrónico o 25 de agosto, non indicaba en ningún momento a súa obrigatoriedade. Con todo, o xoves 1 de setembro ás 14.06 todo este corpo docente recibiu un SMS da Consellería de Educación (XUNTAEDU) no que se nos lembraba que era “obrigatoria a asistencia á mesma salvo causa xustificada”.

Presenteime no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela para saír de dúbidas, dado que o día anterior non colleron o teléfono na Consellería. Alí solicitei que me respondesen se realmente estabamos obrigados a asistir a ese evento. A rapaza que me atendeu dixo que debería falar coa súa xefa. Apareceu un señor ao que lle preguntei de novo se era obrigatorio estar aí. Como resposta tan só dixo, despois de dubidar, que era “decisión miña”. Insistín en que non era decisión miña se o acto era obrigatorio ou non, así que lle implorei que me respondese, por favor, á pregunta que lle estaba a formular. Ao cabo, dixo que non. Entón pregunteille de quen era a responsabilidade dun SMS no que se nos obrigaba (explicitamente) a asistir. Confesou que iso dependía directamente da Consellería de Educación.

Xa deixando a un lado o carácter improvisado deste evento e o afán político e propagandístico do mesmo, a sarta de mentiras de corte case vexatorio, sectario e intimidatorio cara ás novas e novos docentes supón un insulto á propia educación pública. E digo eu: non se supón que a Consellería de Educación debe ser exemplo de boa práctica educativa e, xa que logo, formar o profesorado na disidencia, no libre pensamento e no cuestionamento da realidade en que vivimos? Parece máis ben que non, que eses preceptos están sobrevalorados.

Polo tanto, isto non deixa de ser un chanzo máis na subida do nivel do medo infundido ao funcionariado para que a educación sexa só unha mera transmisión do ideario único deste partido político que controla xa os medios de comunicación (audiovisuais e escritos) e que pretende que nós, as e os docentes, perpetuemos tamén nas aulas.

Sentíndoo muito, comigo que non conten.

Comentarios