luns 25.05.2020

Anxo Quintana sabe ler o 'efecto Podemos'

Podemos decidiu volver á rúa nun ano electoral.

Podemos decidiu volver á rúa nun ano electoral. Organizou a Marcha polo cambio en Madrid e, como facía o 15-M, deuse cita na emblemática Porta do Sol, onde se sucederon os discursos dos seus líderes -por certo, alguén debería dicirlle ao secretario de Política de Podemos, o profesor Íñigo Errejón, que a palabra fundante non existe en español, e non só por el, senón polo ben dos seus alumnos- ata chegar a Pablo Iglesias, que pronunciou o discurso de clausura sobre a base de que a democracia é a posibilidade de cambiar o que non funciona. A Marcha polo cambio súmase ao ronsel do triunfo de Syriza en Grecia, por moito que Grecia non sexa España nin o partido de Alexis Tsipras sexa igual ao de Pablo Iglesias.

O diagnóstico de Podemos, excluídos os insultos, adoita ser certeiro. Describen con bastante precisión o que pasa na sociedade e na economía española. Outra cousa son as súas propostas, neste momento aínda pouco concretas para facer posible o seu plan de rescate cidadán, baseado no que agora chaman a reestructuración da débeda. A evocadora apelación de Pablo Iglesias aos tolos dignos e aos soñadores vai requirir algo máis que poesía para que a súa patria soñada se faga realidade. Pero todo chegará.

O que se chama espazo político galego tamén está en xogo, e máxime se o nacionalismo quere manter a súa habitual presenza en institucións propias 

A ninguén lle pode estrañar que exista Podemos en España. É comprensible o seu carácter emerxente nun país con varios millóns de persoas en paro, moita xente con ingresos recortados e un número considerable de persoas desafiuzadas. Talvez a clave do seu futuro estea agora en saber dirixirse á súa base natural ou ao conxunto da cidadanía, para o que non cabe un programa de goberno común, xa que hai moita variedade de intereses en xogo. Nese terreo, tamén adquire sentido político a súa táctica de buscar a centralidade mediante a ambigüedade calculada.

Este Podemos que sube como a espuma tampouco é alleo ao contexto dunha España recentralizadora que achica espazos para calquera outra alternativa de acento político diferente. O que se chama espazo político galego tamén está en xogo, e máxime se o nacionalismo quere manter a súa habitual presenza en institucións propias (concellos, deputacións, Parlamento...) pero tamén noutras, non menos estratéxicas, como o Congreso dos Deputados. As ideas que abandeira nese senso Anxo Quintana parecen non so atinadas senón vitais para a supervivencia dun nacionalismo capaz da manter a personalidade política de Galicia. Alomenos para todos aqueles que, falen no que falen, pensan que Galicia non é Murcia. 

Ninguén saberá realmente como é Podemos ata que goberne ou polo menos estea presente nas institucións e vaia adoptando posicións ante problemas concretos. De momento, Podemos manexa ben os seus tempos, elude a autocrítica e intenta chegar ás eleccións xerais sen mollarse en nada. Saben ben o que están facendo, parten de que os seus comprenden tanto a súa táctica como a súa estratexia e só unha 'oposición' moi hábil poderá buscarlle as cosquillas. Esquerda Unida e o PSOE -do mesmo xeito que o BNG en Galicia- teñen todo un reto por diante se queren sobrevivir. O PP poida que teña en xogo o seu poder, pero non a súa existencia.

comentarios