Opinión

Ricardo Portela e a súa circunstancia

Cando un compañeiro da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), sabedor da miña teima Porteliana, me animou a escribir un artigo sobre o noso primeiro presidente sentín, por un momento, que estaba nun apuro. Non debería ser así dado que coñecín o mestre no ano 86 e tiven un trato fluído con el ata que morreu. Porén, os litros de tinta vertidos co gallo do centésimo aniversario do nacemento de Portela, celebrado o pasado 4 de novembro, facían a tarefa algo máis complicada. Cavilando por onde había ir o meu discurso para non resultar repetitivo, lembrei o ilustre filósofo Ortega y Gasset que acuñara aquilo de “Yo soy yo y mi circunstancia. Si no la salvo a ella, no me salvo yo” e caín na conta de que no contorno de Portela houbo persoas que, de seguro, moldearon dalgún xeito a súa personalidade. Vou, pois, tomarme a licenza de falar da circunstancia de Portela, que ao fin é como falar del mesmo. Non para salvalo, que non o necesita, senón para intentar dar unha visión diferente do que, ao meu humilde saber e entender, é indispensable para coñecer de vez ao mestre. Portela tivo ao seu carón dúas mulleres indispensables na súa vida: a súa dona Osita Laredo e a filla de ambos, Rosa.

A infinita amabilidade e dozura de dona Osita, que tamén herdou a súa filla Rosa, daban o contrapunto perfecto á sorna e recio carácter que adornaban a Portela, pero que non restaban absolutamente nada á, segundo cualifica Xosé V. Ferreirós, súa bonhomía. Dona Osita, mentres viviu, e dona Rosa ata a actualidade, nunca perderon un memorial na honra do mestre dos 21 que a AGG e o Concello levan promovendo anualmente en Pontevedra. Nun destes, Rosa Portela confesoume que xamais puido imaxinar que o que facía seu pai ía deixar unha pegada tan fonda en tanta xente. Máis aló da familia, Ricardo tiña un amplo círculo de amizades. Todas as que eu lle coñecín fondas e sinceras. Hei de citar primeiro a Argibay porque, inda que eu non tiven trato persoal con el, sei, por referencias, que sempre estivo moi preto do mestre. A quen si coñezo e teño, coma Ricardo, en moita consideración, é a Amando Fontán. Fontán é o autor do busto que se ergue, orgulloso coma o gaiteiro, ao carón do concello da súa vila natal.

Nas paredes da bodega de Amando retumbaron moitas veces as notas da gaita do de Viascón

Portela gustaba de ir á casa de Fontán. Eu mesmo o acompañei algunha vez á “casa da torre” en Lérez. Nas paredes da bodega de Amando retumbaron moitas veces as notas da gaita do de Viascón. Outra casa que Portela adoitaba frecuentar era a de Fermín Martínez, gaiteiro dos Trazantes. A casa de Fermín fica no cumio dun penedo ao pé da estrada de Ourense, en Tenorio. Debe ser por iso que se chama “Penedique”. Portela adoitaba sornear con nome “Penedique, Penedique, pene en dique”. Aquela casa, e o verxel que o amigo Fermín cultivaba ao seu redor, foron, igualmente, testemuñas adoito da arte de Portela. José Luís Calle, outro asiduo do Penedique, é un madrileño que se fixo galego de adopción, se cadra, pola admiración que sentía polo mestre. A el debémoslle o libro Ricardo Portela, dúas palabras verbo de Gaita Galega, do que a AGG está a piques de rematar a segunda edición. Tamén ten Calle no seu haber, con cargo á conta de tódolos que nos gusta a música galega, a posta a disposición de Ricardo de varias pezas que José Luis desenterrou dos caixóns esquecidos do arquivo do coro Aires da Terra no museo de Pontevedra, e que se incluíron no seu segundo disco, Alborada en Cotobade. Ricardo Portela estivo moi unido a Milladoiro, en particular a Xosé Vicente Ferreirós.

Pepe propiciou, participou e prologou aquel primeiro LP de Portela en solitario, Festa en Viascón, guía de moitos dos que empezabamos a tocar a gaita naquel tempo. Igual é arriscado dicir que Ferreirós descubriu a Portela, pero seguro que non o é sinalar que obrou a favor para que tódolos amantes da música tradicional, o mundo en xeral, tivese coñecemento daquel gaiteiro de Pontevedra que tiña algo tan especial nas súas mans. Certamente, a circunstancia de Portela vai moito máis aló destas poucas liñas, pero esta é parte da que eu coñecín e a que vos deixo aquí como homenaxe á súa memoria.

Comentarios