Opinión

Os Exemplos

Leopold Bloom falou en galego antes que en ningunha outra lingua da Iberia alá polo ano 1926. Don Ramón foi quen de traer ás nosas palabras a xenialidade narrativa do irlandés James Joyce. O Dublín de Ulises respirou na nosa lingua no breve suspiro que supoñen seis capítulos para tan grande obra literaria, pero respirou.

Leopold Bloom falou en galego antes que en ningunha outra lingua da Iberia alá polo ano 1926. Don Ramón foi quen de traer ás nosas palabras a xenialidade narrativa do irlandés James Joyce. O Dublín de Ulises respirou na nosa lingua no breve suspiro que supoñen seis capítulos para tan grande obra literaria, pero respirou. Reducir este feito a anécdota sería propio de porcos que camiñan de pé. Suporía desmerecer o labor dun colectivo de homes que puxeron o protagonismo en Nós, nun mundo no que viviamos totalmente Inadaptados. Eles, que coma Adrián Solovio, buscaron o coñecemento, a beleza e a arte por todos os continentes ata que foron conscientes de que os tiñan Arredor de si, e quixéronnolo transmitir. Converteron tal empresa en xornalismo, en literatura e en arte gráfica. O resultado foi a revista Nós. Durante 16 anos cada palabra, cada título, cada portada alumaron un pouco máis a nosa cultura, poñéndoa na altura das vangardas daquel momento.

"A imprenta traballou decote ata que os tanques e a guerra trouxeron a Longa Noite de Pedra".

Regaláronnos o darnos conta de que a nosa lírica era tanto ou máis fermosa que a de Machado, de que a nosa música era alegre e triste como o vento cando fai voar as follas no outono, de que a nosa lingua estaba á altura da ciencia e da política e de que o progreso consistía en reafirmarse no propio. Ata repararon na capacidade da nosa lingua para cruzar o Miño e incluso atravesar o océano máis alá de Fisterra.

Narrativa, ensaio, teatro, poesía..., a sabedoría das palabras bailou coa beleza e o impacto da arte ideada polo Xenio que foi quen de retratarse a si mesmo con tres obxectos: un chapeu, unhas gafas e un cigarro.

A imprenta traballou decote ata que os tanques e a guerra trouxeron a Longa Noite de Pedra.

Din que o froito da semente medra con máis forza alí onde houbo lume. As sementes daquela xeración Nós xermolaron de novo moitos anos despois. A súa herdanza foi reclamada por novas e grandes mentes creativas con semellantes inquedanzas. O papel cedeulle o protagonismo ás ondas radiofónicas e sobre todo á televisión. Sen sabermos se Sue Ellen seguía bébeda, chegaron os 90. A cultura pop era o tren que non se podía perder. A resposta ao reto foi un porco bravo.

"O Xabarín Club, por fociños e por cacheiras, «fixo eternas aquelas merendas» (dixo un rapaz de barba) e fixo que as cativas e os cativos (e quen non o era tanto) de toda a terra cantaramos e bailaramos coa nosa lingua os ritmos do punk e do rock"

Os Inadaptados tiñamos un novo lema: Oink!

O Xabarín Club, por fociños e por cacheiras, «fixo eternas aquelas merendas» (dixo un rapaz de barba) e fixo que as cativas e os cativos (e quen non o era tanto) de toda a terra cantaramos e bailaramos coa nosa lingua os ritmos do punk e do rock. Coñecemos os segredos deste noso planeta aló nos mundos dun tal Beakman e o doutor TNT debuxounos as curiosidades da banda deseñada.

E aquelas series. Quen non quixo ter rabo de mono, un bastón que se estricase ata o infinito e unha nube máxica? Quen non quixo correr á par daquela rapaza de gafas e o pelo violeta?

A nosa lingua conquistou a cultura pop. Os Inadaptados xa non eramos tal, eramos a Xeración Xabarín.

Non todo era o que parecía, amigo. A Xeración Xabarín medrou e os que viñan atrás cambiaron de canle. Pero unha vez máis a semente ha de agromar, regada cos valores deses Exemplos que tanto nos deron. Nós e Xabarín, Xabarín e Nós. Así, as Luzes volverán alumar as Prazas da nosa cultura e todo o mundo saberá que non hai dúas sen tres.

 Artigo gañador do X Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2014. 

Comentarios