Opinión

Son antitaurino cavernícola

Pode soar mesmo divertido, pero ese cualificativo –cavernícola– foi o que aplicou aos antitaurinos o columnista dun xornal editado en Galiza hai uns días. Como todos os anos, cando chegan as inexplicables touradas da Coruña e Pontevedra, os taurinos póñense nerviosos. E para os antitaurinos resulta canso cada ano ter que repetir unha vez máis unhas argumentacións tan obvias como lóxicas. Ou iso creo.

Pode soar mesmo divertido, pero ese cualificativo –cavernícola– foi o que aplicou aos antitaurinos o columnista dun xornal editado en Galiza hai uns días. Como todos os anos, cando chegan as inexplicables touradas da Coruña e Pontevedra, os taurinos póñense nerviosos. E para os antitaurinos resulta canso cada ano ter que repetir unha vez máis unhas argumentacións tan obvias como lóxicas. Ou iso creo.

Segundo ese columnista –que non quero citar nin dar referencias del para non facerlle propaganda de balde– o mundo parece que vai ao revés. Os que defenden a vida e se opoñen á tortura son tachados de “cavernícolas”. Haberá que supoñer logo que os taurinos que torturan e matan animais como espectáculo, por pura diversión, serán os civilizados. Triste sociedade se a civilización consiste en atentar contra un ser vivo gratuitamente.

"Sempre o touro acaba por morrer, porque non é unha besta enfrontándose a un home. É un animal previamente debilitado mediante banderillas e aguilladas contra un home ben provisto dun arsenal"

Cada vez que sae este debate touros-si/touros-non, sempre hai algún taurino que evita o enfrontamento e a discusión dicindo que entenden que haxa persoas que non gustan das touradas, pero que o que teñen que facer é non ir a elas e respectar aos que si lles gustan. Pero o caso é que non se trata de “gustar” ou “non gustar”. Trátase de respectar a vida. Utilizando este argumento, poderiamos dicir que se non nos gusta a pederastia, teriamos que mirar para outro lado e respectar e deixar facer aos pederastas. Non. Non se trata de gustos estéticos. Trátase de algo tan sagrado como a vida.

Outros argumentan que é unha tradición e como tal hai que respectala. A ablación tamén é unha tradición en certos países africanos e non por iso hai que tolerala. A tradición de por si non é un axioma que haxa que aceptar polo simple feito de ser un costume de séculos.

A explicación da loita dun home contra unha besta tamén sae a relucir. Ou sexa, a testosterona en estado puro. Hai que demostrar quen é ben macho inda que sexa a costa dun animal condenado a morte. Porque está claro quen é o vencedor desa loita. Sempre o touro acaba por morrer, porque non é unha besta enfrontándose a un home. É un animal previamente debilitado mediante banderillas e aguilladas contra un home ben provisto dun arsenal.

"Rechamante a defensa feita por algún deputado popular ao manifestar que era innecesaria a prohibición en Galiza ao “non existir risco de proliferación masiva” destes festexos no país"

E logo están os que din que o touro ten unha morte digna. A dignidade fai referencia ao valor inherente ao ser humano en canto ser racional dotado de liberdade e poder creador. Para o touro a morte é simplemente o final da súa vida, e o sufrimento é só iso, sufrimento. Se o touro puidera elixir dubido moito que aceptara como digna a súa morte convertida en espectáculo e diversión.

Estenderíame moito se ademais destes argumentos tan obvios entrara xa no antropocentrismo moral que supón a minusvaloración de calquera ser vivo que non pertenza á raza humana e a súa consideración como meras propiedades. Si, poderiamos falar do especismo, pero xa daría para outro debate.

"É importante que os que cremos no respecto a todo tipo de vida nos manifestemos estes días, na Coruña e Pontevedra, para defender as nosas crenzas"

E finalmente temos o inexplicable apoio oficial a estas festas da tortura. Ou quizais non tan inexplicable. Que o PP dera ao traste coa iniciativa para abolir as touradas presentada polo BNG no Parlamento Galego o pasado mes de xuño ten as súas inconfesables razóns. Rechamante a defensa feita por algún deputado popular ao manifestar que era innecesaria a prohibición en Galiza ao “non existir risco de proliferación masiva” destes festexos no país. Pois daquela non regulemos a persecución da ablación en Galiza porque seguramente tampouco vai “proliferar masivamente”. Ese mesmo deputado considerou que a iniciativa do BNG xorde da molestia que aos nacionalistas galegos lles causa que as touradas sexan consideradas unha festa española. E eu daríalle a volta a este argumento: os elementos máis reaccionarios e nacionalistas españois consideran á chamada “festa nacional” como un dos elementos vertebradores da “nación española”. Polo tanto, atentar contra a “festa” é atentar contra a “sacra unidade de España”. E deste xeito caemos na contradición de ter unha lei de protección animal que sen embargo non prohibe as touradas. Como dicía a deputada de AGE no debate parlamentario, “non se entende que se prohiban espectáculos que provocan dano e sufrimento aos animais e se exceptúen os touros, que sofren e senten igual que o resto de animais recollidos na lei".

Defensa da vida: ese o argumento principal para abolir esta mal chamada festa e outras similares. Os que ven intencións políticas nas iniciativas abolicionistas, o único que intentan é distraer a atención sobre algo tan evidente e tan obxectivo. E así os “cavernícolas antitaurinos” ven como os “homes e mulleres de ben que aman os touros” (malia que os maten) atacan as súas webs ou impiden a publicidade dos seus postulados.

É importante que os que cremos no respecto a todo tipo de vida nos manifestemos estes días, na Coruña e Pontevedra, para defender as nosas crenzas, fronte aos que grazas aos cartos públicos van divertirse con espectáculos bárbaros que nos remontan a tempos escuros.

Ah, esquecía o aviso legal: “Ningún taurino nin toureiro real sufriu dano algún durante a redacción deste artigo”.

Comentarios