Opinión

Simpatizante pensando en voz alta sobre o BNG

Valoro e aprecio o éxito de Podemos, pero persoalmente non confío na súa viabilidade. É unha opinión moi persoal e rebatible, pero o tempo porá as cousas no seu sitio. Chegado o momento, para min sería agradable recoñecer que me equivoquei, pero a día de hoxe penso así.

  • Xa lles vale aos do BNG!
  • Que cousa?
  • Convocar unha concentración diante da Delegación do Goberno en lugar de sumarse á da Obelisco a favor da república.
  • É que non ten que ver. No Obelisco pedían unha república española. O BNG reclama unha república galega.
  • E aínda os defendes! Así lles vai, en lugar de sumarse á concentración convocada espontaneamente e polas redes, ir por separado.
  • Fin da conversa.

"Valoro e aprecio o éxito de Podemos, pero persoalmente non confío na súa viabilidade. É unha opinión moi persoal e rebatible, pero o tempo porá as cousas no seu sitio"

Conversa real mantida esta mañá. E agora comezo eu a pensar… Pero antes de nada, vaia por diante que nin son analista político nin tan sequera militante do BNG, só un simpatizante. Aclaro isto porque se esperades atopar nestas liñas un discurso político articulado e complexo, mellor que deixedes de ler. Só vou usar a miña lóxica ante moitas conversas e cousiñas que vou lendo e escoitando ultimamente.
Todos os días, desde as eleccións, cando a xente me pregunta e eu lles digo que votei ao BNG, sorpréndense, porque segundo eles non ten nada que facer. En cambio, Podemos… Como se houbera que renunciar a todo para sumarse á “casa común da esquerda” (os que tedes algúns anos xa lembraredes esta expresión), casa que, segundo veñen concluír, é Podemos, porque nace da vontade popular, asemblearia, das rúas, das redes sociais, e como se todo o que non nace destes movementos non tivera lexitimidade.

Valoro e aprecio o éxito de Podemos, pero persoalmente non confío na súa viabilidade. É unha opinión moi persoal e rebatible, pero o tempo porá as cousas no seu sitio. Chegado o momento, para min sería agradable recoñecer que me equivoquei, pero a día de hoxe penso así.

E sigo crendo no BNG porque malia todos os intentos de afundilo, segue traballando coherentemente sen desvirtuar os seus principios fundamentais. E si, admítoo, cun custo electoral ben claro. Moitos son os que me están dicindo que como o BNG non vai levantar cabeza, é mellor votar a outras forzas da esquerda. A voltas co voto útil. A min tanto me ten que o BNG non teña posibilidades de goberno (non é certo, claro que me importa) pero eu non vou cambiar o meu voto –o que é igual que dicir as miñas conviccións– por este feito.

"E sigo crendo no BNG porque malia todos os intentos de afundilo, segue traballando coherentemente sen desvirtuar os seus principios fundamentais. E si, admítoo, cun custo electoral ben claro"

Non creo que o camiño do BNG sexa escoitar á xente e facer o que a xente pide, o que a rúa pide, como tamén me din algunhas persoas. Iso será a tarefa dun parlamento pero non dunha formación política. O BNG ten un ideario e ese ideario é o que marca o seu camiño. E o nacionalismo é o principal sinal de identidade. Renunciar a este sinal por “escoitar á xente” é traizoar o seu espírito e desaparecer. O que si debe facer o BNG –e niso debe aplicarse a fondo– é un traballo didáctico para facer chegar ás persoas a idea de que a soberanía do pobo galego é o camiño para lograr avances no económico, no político e no social. Porque da idea contraria xa se encargan os medios de comunicación presentando falsamente ao BNG como unha organización autista e anticuada. E debe estar coa xente, coñecer as súas necesidades, as súas aspiracións, as súas peticións, pero para intentar satisfacelas desde os principios que inspiran ao BNG.

E todo isto pensado e dito co meu maior respecto a outras ideoloxías e forzas políticas. Unidade da esquerda soa moi ben, pero non debe significar renuncia ao propio ideario. Eu falaría máis ben de colaboración das forzas da esquerda. Porque non todas as esquerdas son iguais nin deben selo.
Unha cousa máis para rematar: moitos puntos do programa electoral de Podemos figuraban tamén no programa (e en programas de eleccións anteriores) do BNG. Ocorre que gran parte do electorado vota polo carisma dos líderes políticos sen sequera coñecer os seus programas. E iso só vale para os votantes do PP porque tanto ten o que poña no programa, xa que logo vai facer o que lle pete.

Así o penso, así o digo. Compañeiras e compañeiros, sentidiño. Non intentemos defender ao BNG facéndolle abandonar os seus principios porque iso é seguir o xogo á caverna mediática. Penso eu…

Comentarios