Opinión

Redes sociais si, sentido crítico tamén

Que os grandes medios de comunicación están en mans dos que ostentan o poder é cousa sabida. Non fai falta moito entendemento para ver como acotío no noso contexto certos sectores de prensa, televisión ou radio manipulan as noticias, maximizando as que lles interesan e minimizando –ou mesmo ocultando– as que lles resultan adversas ao poder dominante. 

Que os grandes medios de comunicación están en mans dos que ostentan o poder é cousa sabida. Non fai falta moito entendemento para ver como acotío no noso contexto certos sectores de prensa, televisión ou radio manipulan as noticias, maximizando as que lles interesan e minimizando –ou mesmo ocultando– as que lles resultan adversas ao poder dominante. O resultado: que a opinión cidadá se monta sobre as noticias manipuladas. 

"Moitos políticos son conscientes da forza das redes sociais e intentan participar nelas para crear opinión. Ocorre que en xeral son bastante tordas e con frecuencia sáelles a galiña choca".

Neste panorama, as redes sociais supoñen unha alternativa a esta comunicación nesgada. Ou iso din. Pero, hai perigo real de que os grandes grupos usen estas ferramentas para continuar coa súa manipulación? Desde logo, intentos hainos. 

Moitos políticos son conscientes da forza das redes sociais e intentan participar nelas para crear opinión. Ocorre que en xeral son bastante tordas e con frecuencia sáelles a galiña choca. Meteduras de zoco de políticos en Facebook ou Twitter son numerosas e non paga a pena repetilas aquí. Está claro que non forman parte dos perigos de manipulación de Internet e que neste caso só constitúen un perigo para eles mesmos.

Pero noutra escala, máis “profesional”, os principais gobernos do mundo xa están facendo uso das redes para manipularnos, empregando principalmente dúas tácticas: a circulación de material falso para acabar coa reputación dos obxectivos marcados, e o uso de técnicas para manipular o discurso online e o activismo cara os resultados que eles buscan.

"Hai uns tres anos durante as crises de Siria e Libia, Estados Unidos e varios países da OTAN, usaron Facebook Twitter para manexar a opinión pública a favor dos seus intereses". 

Hai uns tres anos –por citar un caso– durante as crises de Siria e Libia, Estados Unidos e varios países da OTAN, usaron Facebook e Twitter para manexar a opinión pública a favor dos seus intereses. Creáronse usuarios falsos que encheron as redes para dar unha percepción interesada sobre os acontecementos. E moitos medios de comunicación tradicionais –CNN, BBC, Al Jazeera…– usaron estas fontes co consecuente efecto multiplicador.

Estas potencias contan xa nas súas nóminas con persoal especializado para introducirse nas redes e orientar a opinión cara os seus intereses. No caso de Estados Unidos sobresae a activista cubana Yoani Sánchez –premiada no estado español polo grupo PRISA–. Forma parte dun proxecto do goberno estadounidense máis ambicioso, denominado Proxecto Minerva, destinado a neutralizar os movementos sociais, do que vos recomendo que busquedes información en Internet.

"Poderán usar este “contaxio emocional masivo” a través da rede para manipular?"

Por outra banda sabemos que as redes sociais máis usadas no mundo non son libres nin controladas polos usuarios. Facebook, por exemplo, é propiedade dunha empresa, non de unha ONG nin unha entidade sen ánimo de lucro. E non calquera empresa: varios dos seus dirixentes ou persoas vinculadas á ela pertencen a grandes medios de comunicación, como Donald E. Graham quen, ademais de formar parte do seu consello, é tamén conselleiro delegado do Washington Post. El, xunto con Chris Hughes –un dos fundadores de Facebook– participan ou participaron nas exclusivas reunións do Grupo Bilderberg, ao igual que Peter Thiel, un dos inversores iniciais da rede social.

O mesmo Facebook tamén experimenta cos seus usuarios. Hai pouco máis dun mes saltaba a noticia de que someteran a 700.000 usuarios –sen o seu consentimento– a un experimento para acabar demostrando que os estados emocionais se poden transmitir por un fenómeno de contaxio, levando a outras persoas a sentir as mesmas emocións sen que sexan conscientes diso. Poderán usar este “contaxio emocional masivo” a través da rede para manipular? O simple feito do experimento, sen aprobación nin coñecemento dos usuarios, demostra xa a súa capacidade manipuladora para calquera fin.

Iso si, o goberno do estado español, tan intelixente el, exhibe unha actitude moi distinta ante as redes sociais. Nada de usalas para os seus intereses como fai Estados Unidos. Non. Sonche moito máis listiños. Xa que as redes constitúen un problema, o que procede é silencialas e castigar á cidadanía no caso de que sexa tan ousada que as usen para opoñerse á política do goberno. Para o PP español –tamén o galego, si– a única información válida é a que ofrecen os medios de comunicación tradicionais que son “untados” a través da publicidade institucional e outras prebendas.

"As redes sociais son moi útiles pero sempre e cando teñamos claro que poden ser tan manipulables como calquera outro medio e que o seu uso non nos exime do espírito crítico". 

É a sorte que temos. Os dirixentes políticos que nos tocan son tan cegos que nin sequera saben para que serven as redes sociais, nin sequera saben que serven para manipularnos. E inda así, seguen conseguindo votos. Será que seguimos depositando a nosa total e incondicional confianza nos medios de comunicación tradicionais e crendo todo o que nos contan? Mágoa.

Non hai dúbida de que as redes sociais son moi útiles pero sempre e cando teñamos claro que poden ser tan manipulables como calquera outro medio e que o seu uso non nos exime do espírito crítico. Se damos por feito que as redes sociais son un medio de comunicación alternativo aos tradicionais e por esa razón damos por válido todo o que nos din, mal imos. As redes, precisamente pola súa amplitude e pola súa pluralidade, precisan máis que nunca dun sentido crítico e ben formado. 

Comentarios