Opinión

Emigrantes, inmigrantes, eleccións e nacionalismos

Os que tedes memoria lembraredes que ata hai catro anos, os emigrantes galegos no exterior podían votar nas eleccións locais. Algo que os dous grandes partidos, daquela, xustificaban enchéndose a boca de termos como a Galiza Exterior, falándonos da importancia das remesas de cartos do voto emigrante no desenvolvemento de Galiza e na galeguidade de todos estes emigrantes.

Os que tedes memoria lembraredes que ata hai catro anos, os emigrantes galegos no exterior podían votar nas eleccións locais. Algo que os dous grandes partidos, daquela, xustificaban enchéndose a boca de termos como a Galiza Exterior, falándonos da importancia das remesas de cartos do voto emigrante no desenvolvemento de Galiza e na galeguidade de todos estes emigrantes. Estou de acordo en considerar galegos aos emigrantes que, é certo, contribuíron ao desenvolvemento de Galiza, á redención dos foros no seu tempo, ao ensino laico, etc. E coñezo de primeira man –porque durante 15 anos estiven ligado á colectividade galega na Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba e Venezuela–o sentimento galeguista de gran parte dos emigrantes, moitos deles xa descendentes, que viven neses países. Pero considero que outorgarlles a capacidade de votar nas eleccións municipais non era a forma correcta de recoñecer a súa galeguidade. Dábanse situacións –Bande e Avión en Ourense eran o paradigma– de que o voto emigrante decidía a cor política do goberno municipal. En Avión o Censo de Residentes Ausentes (CERA) superaba ao de residentes habituais. E Rafael Louzán conseguiu a presidencia da Deputación de Pontevedra en 2007 grazas a douscentos votos emigrantes no concello de Cerdedo.

"Un fillo ou neto de galego que se cadra nin sequera estivo nunca en Galiza pode votar pero un veciño que vive, traballa e paga os seus impostos en Galiza, por unha cuestión de papeis, non ten dereito a participar na vida política da súa comunidade".

Isto cambiou, e penso que era o lóxico, igual que o pensaba o BNG desde había tempo, pero que polos intereses de PP e PSOE non se levou adiante ata hai catro anos. Non era coherente que o voto de persoas –galegas, de acordo, pero residentes permanentes en América– decidira a política local que ían “padecer” (normalmente si, “padecer”) os habitantes de concellos galegos. Era a época das “excursións” de alcaldes e concelleiros que cada catro anos sentían a “chamada da morriña dos seus veciños de ultramar”. E alá ían para repartir subvencións e de paso “facilitar” o voto deses galegos. Acabou o voto e acabaron as excursións.

Moito se criticou daquela ao BNG por apoiar a derrogación deste dereito ao voto nas municipais. Acusárono de deixar de lado aos emigrantes, e fixeron campaña –PP e PSOE– para manchar a imaxe do BNG entre a colectividade galega no exterior. Algo fácil para eles porque dispoñían de toda a maquinaria do poder autonómico e estatal.

E agora, nestas eleccións, o BNG da Coruña decidiu presentar como candidatos na súa lista electoral a dous veciños da cidade, senegaleses de nacemento, pero que viven e traballan na Coruña desde hai anos. A Xunta Electoral botou atrás a estes candidatos porque ao non ser nacionais dalgún país europeo non eran elixibles. O estado español decide que un fillo ou neto de galego que se cadra nin sequera estivo nunca en Galiza pode votar –neste caso en eleccións autonómicas ou estatais– pero un veciño que vive, traballa e paga os seus impostos en Galiza, por unha cuestión de papeis, non ten dereito a participar na vida política da súa comunidade.

Son decisións dun goberno onde o poder é ostentado por uns partidos que constantemente están acusando a formacións como o BNG de ser nacionalistas excluíntes e hostís. Que todos os días, a través dos medios de comunicación que controlan, crean na opinión pública a idea de que o BNG vén sendo un grupiño de radicais insolidarios e con aspiracións autárquicas (que se cadra, vai ti saber, ata se financian coa venda da Galicola). Dirixentes que orgullosamente proclaman a idea da superación de barreiras, da cooperación internacional, da solidariedade, e poñéndose eles mesmos –sen rubor ningún– como exemplos desta política “aberta”.

"E curiosamente é o BNG o único que –coa presentación desta candidatura– ofrece unha visión nacionalista aberta, onde un senegalés de nacemento pode ser galego como calquera  outro"

E curiosamente é o BNG o único que –coa presentación desta candidatura– ofrece unha visión nacionalista aberta, onde un senegalés de nacemento pode ser galego como calquera  outro. Un BNG que con esta candidatura tamén pretende facer reflexionar sobre a situación das galegas e galegos que se viron forzadas a traballar fóra do noso país e que están vivindo nalgúns casos situacións laborais e sociais moi semellantes ás que viven os inmigrantes que hai na Galiza.

E fronte ao BNG, uns partidos nacionalistas españois, que si presentan un nacionalismo excluínte, onde non teñen cabida os homes e mulleres de países sometidos á explotación colonial de Europa e Estados Unidos. Unha Europa que presume de solidariedade –en realidade dunha cativa caridade– ao mesmo tempo que outorga ás multinacionais o seu beneplácito para colonizar e explotar ao continente africano. Un nacionalismo, o español, que prefire gastar máis en protexer as fronteiras, inda con violencia, que investir en desenvolvemento e cooperación exterior. Uns gobernantes, como Rajoy, que identifican ás mafias como orixe do problema das mortes masivas de inmigrantes no Mediterráneo, mentres negan que sexa a consecuencia das políticas españolas e europeas en África.

Cal é logo a política excluínte? A de España e Europa que nega a realidade multiétnica e enriquecedora da sociedade, ou a do BNG que integra aos bos e xenerosos que se comprometen e se senten galegos e están dispostos a traballar por unha sociedade mellor?

Vista a historia recente, está claro que para os partidos españois o tema da nacionalidade é cuestión de comenencia: deixámoste votar se isto achega beneficios ao noso partido (que llo digan a Baltar na época do voto emigrante nas eleccións municipais). Se o teu voto pode facer que eu siga no poder, veremos a forma de arranxalo. Se o teu voto pode espertar a conciencia crítica na sociedade, mellor sigue sendo senegalés e vai votar ao teu país.

Comentarios