Opinión

Democracia de hamburguesa

Xa está. Xa Míster Obama deu o seu visto e prace, e xa a democracia vai chegar a Cuba. Este é o discurso, simplificado, pero que dun xeito ou outro veño escoitando estes días á xente e aos medios de comunicación.

Xa está. Xa Míster Obama deu o seu visto e prace, e xa a democracia vai chegar a Cuba. Este é o discurso, simplificado, pero que dun xeito ou outro veño escoitando estes días á xente e aos medios de comunicación. Unha vez máis, a identificación da democracia co capitalismo. Vai ser agora que Cuba non ten democracia porque Estados Unidos non lle dera “permiso” para pertencer ao club, o club das democracias occidentais.

"Vai ser agora que Cuba non ten democracia porque Estados Unidos non lle dera “permiso” para pertencer ao club, o club das democracias occidentais".

Podemos presumir aquí de democracia. A nosa debe vir inspirada polo cine, e concretamente por Groucho Marx, quen dixo que “Estes son os meus principios. Se no lle gustan, teño outros”. E inda así, tampouco hai obriga de cumprir o programa electoral. Hai intereses superiores, por suposto. A xente á que agora se lle ilumina a cara pensando que por fin Cuba vai ter democracia como a temos nós… dáme mágoa. Hai quen pensa que aquí somos libres porque podemos berrar “Rajoy é un …”. Pero ollo, que agora case nin iso pode ser certo. Coa nova “lei mordaza” hai que andar con precaución co que se di. Atacar á marca España pode comportar unha sanción de 30.000 euros. Pretender informar retransmitindo unha carga policial, por exemplo, pode levar á incautación da cámara e unha boa multa. Aos poucos, o goberno do PP, –axudado por outros partidos por suposto– vai transformando a democracia nunha oligarquía. Primeiro desmonta a educación e a sanidade e mailos servizos sociais, co fin de empobrecer á poboación. O seguinte paso é instaurar taxas xudiciais, co cal gran parte da cidadanía empobrecida non pode acceder á xustiza. As leis electorais tamén contribúen a que sexa moi difícil cambiar o reparto de forzas. Deste xeito, os máis ricos fanse máis ricos e poderosos, en detrimento da maioría da poboación que vai vendo que cada vez é máis difícil cambiar o sistema. A presenza de antigos directivos de Lehman Brothers e Goldman Sachs no goberno e nas institucións europeas, e ex presidentes de goberno en consellos de importantes compañías transnacionais, tampouco é un indicio moi alentador. 

Hai politólogos, como Francis Fukuyama, que din que os excesos do capitalismo económico son freados pola democracia, que é a que impide que a desigualdade comprometa o sistema. Digamos que isto sería o ideal, pero os feitos contradín esta idea. Abonda con mirar a China, onde a combinación entre mercado e autoritarismo coloca á democracia nun plano subordinado, permitindo, iso si, a aparición de enormes desigualdades sociais e casos de corrupción. E no estado español, a prominencia do capitalismo sobre a democracia quedou ben clara coa reforma da Constitución en agosto de 2011, feita a demanda dos poderes financeiros, sen consulta popular e sen atender a outras demandas democráticas.

"Pódese dicir que o estado español é un estado plenamente democrático polo simple feito de convocar a urnas unha vez cada catro anos, coa cidadanía baixo a ameaza dunha anunciada catástrofe económica e un estado illado se se vota por determinadas opcións políticas?"

Pódese dicir que o estado español é un estado plenamente democrático polo simple feito de convocar a urnas unha vez cada catro anos, coa cidadanía baixo a ameaza dunha anunciada catástrofe económica e un estado illado se se vota por determinadas opcións políticas? E falamos dunha cidadanía en gran parte condicionada polos medios de comunicación en mans duns poucos grupos editoriais, á súa vez condicionados polos grupos económicos dos cales dependen.

E volvendo ao tema cubano, Estados Unidos non é precisamente un aval de democracia. Falamos dos Estados Unidos que apoiou a gobernos como o de Pinochet, o do Xeneral Franco, ou dos países árabes, por citar só uns poucos exemplos. Que pretenda actuar como titor da transición cubana é pouco menos que cómico.

Por iso non ten sentido evolucionar cara a unha democracia capitalista, o modelo europeo, onde o paso vén ditado polo mercado, polas multinacionais e os seus intereses. Para isto é para o que se está preparando Estados Unidos con Cuba. Confío en que o camiño non vaia por aí. Espero que dereitos esenciais como a saúde e a educación sigan como ata agora fóra do mercado económico, porque son os garantes dunha igualdade de base da sociedade. E que se establezan mecanismos de consulta permanente en todos os ámbitos: o económico, o político, o social, de tal maneira que a cidadanía non estea atada a unhas eleccións cada certo número de anos e no intervalo estar ignorada e silenciada. A creación dun tecido social efectivo e con poder de decisión é a garantía dunha democracia popular e independente. E desde logo desexo que Cuba siga sendo un estado soberano e orgulloso do seu país.
Así que, decididamente, non me gusta a democracia-hamburguesa. Dito sexa de paso, tampouco gusto das hamburguesas…

Comentarios