Opinión

A culpa non é de Alá nin está alá

Desde a orixe dos tempos a humanidade tentou buscar explicación a todo o que a rodea.


Desde a orixe dos tempos a humanidade tentou buscar explicación a todo o que a rodea. E así tanto a relixión como as ciencias funcionaron –e funcionan– como mecanismos para este fin. Cando a ciencia non era quen de dar respostas satisfactorias, recorríase á relixión, á maxia, á fe. Os gobernos dos nosos estados saben ben desta necesidade de dar respostas rápidas, e a ser posible simples, ao que ocorre. E saben aproveitalo.

É o que está pasando estes días a raíz dos tristes atentados de París, e pasou tamén cos das torres xemelgas, os de Madrid ou os de Londres. Os gobernos occidentais enseguida atoparon aos culpables: os musulmáns. Non foron tan directos e non o dixeron con estas palabras, porque hai que adozar as cousas. E así mentres acusaban aos sectores radicais do Islam, recibían aos líderes das comunidades musulmáns dos seus países, facían chamamentos á poboación para non estigmatizar aos cidadáns de orixe árabe… Pero o certo é que por regra xeral as masas optan pola explicación máis simple, e a idea transmitida era esa: unha confrontación do Islam coa civilización occidental.

Non é unha asociación gratuíta. E os gobernos occidentais, e as grandes multinacionais, saben ben que non é unha guerra de civilizacións nin de relixións. É unha guerra económica. Porque tan musulmán é Irán como os países do Golfo Arábigo. E tan musulmáns eran Sadam Hussein ou Gadafi cando eran recibidos polas potencias occidentais nos anos setenta e oitenta, como o foron cando caeron en desgraza ante esas mesmas potencias. E tan musulmán era Osama Bin Laden como o son os monarcas saudís que gobernan de forma absolutista os países do Golfo Pérsico. Pero nin Europa nin Estados Unidos son quen de facer un desaire a Arabia Saudí, mentres este goberno lles garanta os seus investimentos.

Non se pode confundir a orixe do problema co seu resultado. O problema non é a entrada masiva de inmigrantes en Europa. Ese é o resultado do verdadeiro problema: a utilización que fai Europa dos países orixe desa inmigración

Volvendo aos atentados de París. A través dos medios de comunicación faise ver á sociedade, mediante mensaxes subliminares –non directamente, para precisamente non levantar desconfianza– que o mundo islámico é o culpable deses asasinatos masivos. Desta maneira conseguen un culpable único e ben identificado para as masas. Con ese punto de unión, con gran parte da sociedade adherida a esta explicación simplista, é moito máis fácil poñer en marcha medidas represivas e minguar liberdades (de expresión, de manifestación, de reunión…). Ese mesmo acordo no recoñecemento do “inimigo común” é o que facilita a súa política de inmigración, que o único que persegue é botar fóra aos que xa entraron en Europa e pechar fronteiras. E non nos enganemos, tamén xustifica pechar fronteiras interiores en Europa. Se criamos que Suíza adoptaba políticas xenófobas mesmo co resto de traballadores europeos, preparémonos para o que vén noutros moitos países da Europa comunitaria. Acae moi ben lembrar aquí o poema de Martin Niemöller “E non sobrou ninguén”.

Non se pode confundir a orixe do problema co seu resultado. O problema non é a entrada masiva de inmigrantes en Europa. Ese é o resultado do verdadeiro problema: a utilización que fai Europa dos países orixe desa inmigración. Explota as riquezas dos seus países a través das multinacionais, favorecendo aos seus ditadores mentres estes permitan este espolio. Apoia causas populares –como as primaveras árabes– pero só ata que conseguen derribar ao gobernante que xa non é obediente e submiso aos seus intereses (os de occidente). Unha vez lograda a súa caída, esquecen o apoio a esas causas populares e volven colocar a outro ditador ou golpista. Sen ir máis lonxe, o goberno español recibía hai uns meses ao presidente exipcio Abdelfatah Al-Sisi –militar golpista– con todos os honores e toda a naturalidade.

E así vaise construíndo a historia, con Occidente poñendo e quitando gobernos en terceiros países, apoiando o destruíndo segundo a súa comenencia. Fortalecendo e dotando de medios a personaxes que logo se volven en contra e que hai que eliminar, sen ter en conta á poboación que os sufre, tanto cando son bendicidos por Occidente como cando Occidente acaba con eles. Boa razón tiña Maquiavelo cando dicía que “o que axuda a outro a facerse poderoso causa a súa propia ruína. Porque é natural que o que se volveu poderoso recee da mesma astucia ou da mesma forza grazas ás cales foi axudado”. (O Príncipe, capítulo III).

Solucionar eses problemas, que son a orixe, evitarían a inmigración que tanto detestan. Porque ningún ser humano quere arriscarse a cruzar un mar, a vivir agochado, mal pagado, perseguido, clandestino, se non é por necesidade. Ninguén marcharía do seu país se nel puidera ter unha vida digna. Diso sabemos ben o pobo galego.

Isis, como Al Qaeda, son o resultado de políticas militares e económicas de Estados Unidos e Rusia no pasado recente

 

Pero o máis doado é seguir absorbendo o que día tras día nos meten os comentaristas “que-todo-o-saben” nos faladoiros das cadeas televisivas –mesmo as que algúns intencionadamente nos queren vender como adaíles da liberdade de expresión, tipo “La Sexta”–. O máis fácil é optar pola solución rápida da represión a todo “o que non é coma min”. O máis fácil segue sendo colgar frases baleiras nas redes sociais tipo “Hoy todos somos Francia” como acaba de dicir Rajoy nestes días. Por certo, non esquezamos –isto vai para os defensores das redes sociais como “vía de expresión do pobo libre de intereses partidistas”– que as redes de terrorismo captan aos seus suxeitos en gran parte grazas ás redes sociais.

O terrorismo en Europa non é culpa de Alá. Certo que os seus autores materiais poden ser desequilibrados islamistas, pero detrás deles están outras organizacións que en nome do Islam xustifican estas accións. O que non significa que o Islam xustifique esas accións. Isis, como Al Qaeda, son o resultado de políticas militares e económicas de Estados Unidos e Rusia no pasado recente. O Islam non ten que ver con iso moito máis alá dunha coincidencia territorial.

O verdadeiro problema do terrorismo extremista en Europa vén de seguir votando a partidos conservadores de dereitas, que non buscan o benestar da poboación senón de parte da poboación e por suposto do capital. E destas políticas que buscan gran beneficio a curto prazo, veñen estes problemas, que se irán acrecentando e agravando cada vez máis. 

A solución pasa por pensar criticamente para non ser manipulado. Pasa por participar activamente na política. Pasa por non deixar que outros decidan por nós o mundo que queremos. Pasa por elixir aos gobernantes que queremos e non que os gobernantes elixan o pobo que queren. Pasa por votar pensando en global, votar informándose, votar escoitando algo máis que os grandes medios de comunicación, votar non deixando influírse por correntes interesadas nas redes sociais, votar con valentía, votar con conciencia de pobo, votar pensando solidariamente, votar por convicción e non por exclusión…
 

Comentarios