Opinión

You'll never walk alone, Paco García

Domingo 27 de maio de 2007, eleccións municipais, o BNG arrasa en Allariz. Paco García sae do colexio electoral, emocionado bica a súa compañeira María Xosé. O pobo de Allariz confiaba e cría en Paco e castigaba duramente ao Sr. Miranda e ao PP pola súa falsa denuncia contra el e o aparellador municipal (seguimos a día de hoxe agardando unha desculpa). Alí mesmo, lembrando a mítica frase do estadio do Liverpool, díxonos que nunca camiñaríamos sós, que o camiño faríamolo xuntos, pobo e goberno. E así foi sempre, incluso cando perdeu (perdemos) a súa compañeira María Xosé seguiu (seguimos) camiñando xuntos.

Fuches, es, todo un exemplo de dignidade e honradez, pensabas no NÓS e nunca no EU, cada decisión que tomaches (equivocada ou acertada) foi pensando no mellor para Allariz, sin pensar no custe ou rédito político das mesmas, e xamais diferenciaches a ninguén polo seu voto ou carnet político, decindo non cando era non e si cando era si aínda que o interlocutor fose do Bloque. Soñaches esperto Allariz e transformáchelo, escoitarte falar deses soños, de proxectos, de ideas, de futuro, de Allariz en definitiva, era sentir ese profundo amor que tes polo teu (noso) pobo. Dicía Castelao que o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os soños en realidades e as ideas en feitos. Basta con pasear por Allariz para comprobar esas verbas.

Nunca deixes de soñar e camiñar con nós, alcalde.  E como che dixo unha vez alguén: grazas Alcalde por deixarme vivir nun pobo libre. Ánimo e Adiante.


 

Comentarios