Opinión

Un último comentario sobre as vacinas

Non era a miña intención profundar máis no tema. A verdade é que nos últimos días vivimos un bombardeo mediático sobre as vacinas e a xente xa está un pouco saturada.

Non era a miña intención profundar máis no tema. A verdade é que nos últimos días vivimos un bombardeo mediático sobre as vacinas e a xente xa está un pouco saturada. Eu mesmo escribín un artigo no meu blogue1 dicindo todo o que tiña que dicir ao respecto. Porén, despois da publicación neste mesmo xornal dun artigo de opinión profundamente anticientífico, sentín que debía escribir aquí unhas liñas.

"As vacinas son seguras. Todos os efectos secundarios están descritos e ao dispor de quen o queira ver, como en calquera produto médico"

En primeiro lugar, a medicina é unha ciencia, non unha crenza. Baséase na evidencia científica, e antes de que algo sexa admitido como certo son realizados numerosos estudos, que son revisados, publicados, lidos por expertas de todo o mundo, reproducidos e revisados sistematicamente. Ou sexa, todo está demostrado, e pouco importa o que crea a xente. Por facer unha analoxía, podes non crer na gravidade, mais iso non fará que flutúes no ar.

En segundo lugar, o obxectivo cada vez maior da medicina moderna é a prevención. Por iso se fan campañas contra o tabaquismo, por iso se promove a alimentación saudábel e o exercicio, por iso se insiste na necesidade de usar preservativo nas relacións sexuais, e por iso se poñen vacinas. Si, todo o mundo ten un tío Antonio que nunca foi ao médico, fumou desde os 15 anos, comeu churrasco a eito, baixaba dúas botellas de viño ao día e non movía o cu do sofá, e aínda así viviu 100 anos. Lamento dicir que iso non quere dicir nada, é só un caso particular. O que serven son os estudos epidemiolóxicos, que mostran por exemplo que desde a prohibición de fumar en locais fechados diminuíron 11% os ingresos por infarto de miocardio.2 

En terceiro lugar, as vacinas son seguras. Todos os efectos secundarios están descritos e ao dispor de quen o queira ver, como en calquera produto médico. Non causan autismos, tetraplexías, asma nin catarros crónicos, só poden causar febre pasaxeira e inchazo no lugar da inxección. O efecto adverso máis grave, que se dá en menos de un en cada millón, é o choque anafiláctico. Da outra banda, segundo datos da OMS, a vacinación evita entre 2 e 3 millóns de mortes no mundo ao ano.3 Isto é, de 112.000.000 nenas e nenos vacinados, uns 100 tiveron un efecto secundario grave por culpa da vacina, contra máis de 2.000.000 que estarían mortos se non fose por ela. Os números están aí.

"Pensa na túa filla que non vacinas, e que pode acabar xorda por unha meninxite. Pensa nese bebé que aínda non está vacinado do sarampo e pode morrer porque tu, adulto sen vacinar, llo contaxies. Pensa, en fin, en todo o dano que podes facer a moita xente sen culpa ningunha".

E, en último lugar, pensa nos demais. Pensa na túa filla que non vacinas, e que pode acabar xorda por unha meninxite. Pensa nese bebé que aínda non está vacinado do sarampo e pode morrer porque tu, adulto sen vacinar, llo contaxies. Pensa nesa persoa inmunodeficiente que pode quedar estéril por culpa de que o teu fillo lle contaxiou a papeira. Pensa, en fin, en todo o dano que podes facer a moita xente sen culpa ningunha.

E si, as farmacéuticas son ruíns e o capitalismo é o demo, mais a ciencia non ten nada que ver niso. Oxalá vaiamos cara un novo sistema onde todo o mundo teña acceso á medicina, no cal poidamos vacinar toda a poboación mundial e evitar millóns de mortes innecesarias. Non pensemos que a solución pasa por renegar da evidencia científica e abrazar crenzas falsas, senón todo o contrario.

Para concluír, ás persoas que alegan que tanto ten previr a doenza porque existe cura, unha última analoxía. Por que a lei obriga a levar casco na moto? Existen técnicas médicas para tratar as hemorraxias cerebrais e os cranios quebrados. O que pasa é que na saúde, como na vida, sempre é mellor previr do que remediar.


1Jon Amil. “Vacinas? Si, por favor”. As Mir e unha noites. (http://www.asmireunhanoites.com/2015/06/vacinas-si-por-favor.html)
2Fernando Agüero, Irene Roman Dégano et al. “Impact of a partial smoke-free legislation on myocardial infarction incidence mortality and case-fatality in a population-based registry: the REGICOR Study”. Plos One (http://dx.plos.org/10.1371/journal.pone.0053722).
3World Health Organization. “Immunization coverage”. WHO, fact sheet N°378 (http://www.who.int/mediacentre/factsheets/fs378/en/).

Comentarios