Opinión

Escribir con gheada e seseo

Teño unha hipótese: Teimar en representar a gheada e o seseo na escrita non só non axuda a promover estes fenómenos, senón que é prexudicial.

Antes do máis, quero aclarar que non vou entrar na controversia de se a gheada é propia do galego ou derivada do conflito co castelán, nin de se o seseo é a pronuncia lexítima galega e a pronuncia ceceante é herdada do castelán. Iso é debate para outro momento. A efectos deste artigo, imos tomar que todas estas realizacións son igualmente lexítimas.

Pois ben, o caso é que durante o proceso de normalización do galego houbo un menosprezo bastante grande por estes dous fenómenos. O prexuízo de “o castelán é culto, o galego é pailán” vese reflectido no propio galego, e dentro do colectivo galegofalante as persoas cunha fonética menos semellante á castelá son tidas como aínda máis pailanas, aínda menos cultas. E dentro desta fonética máis afastada da castelá están os fenómenos da gheada e o seseo.

Afortunadamente, existe xente que reivindica a súa fala, que usa a gheada e o seseo con orgullo. Só que ás veces isto non se fai ben, e acaban por facer dano á propia causa

Afortunadamente, existe xente que reivindica a súa fala, que usa a gheada e o seseo con orgullo. Só que ás veces isto non se fai ben, e acaban por facer dano á propia causa. Dunha banda, existe unha tendencia a meter no mesmo saco as variantes fonéticas galegas cos castelanismos, e reivindícanse cousas como ghallegho, ghuevos, ghueves, eghemplo, gharaghe e demais. Cousas que, baixo calquera óptica, son incorrectas e cómpre desterrar. E da outra banda, chegamos ao tema principal do artigo, que é a teima en representar estes fenómenos na escrita.

A gheada e o seseo son fenómenos exclusivamente da fala. Moita xente, coa intención de promovelo, enche os seus textos de gh e s, e escribe cousas como ghosar no canto de gozar. Ou, no peor dos casos, recorre á jota castelá e escribe josar. Non ven que o que están a facer indirectamente é dar por feito que gozar só pode ser lido [goθar]. E así acontece que moitas veces as persoas que falan con gheada e seseo, ao leren en voz alta un texto en galego, pronuncian dun xeito alleo ao delas, pensando que é así como ten que facerse. E non. A verdadeira normalidade é que todo o mundo escriba gozar, e despois cadaquén que pronuncie [goθar], [gosar], [ħoθar] ou [ħosar] segundo a súa fala natural.

Escribe o galego ao xeito, le o galego ao teu xeito.
 

Comentarios