Opinión

A dorna é do seu dono, o patrimonio é de todos

O día 16 de marzo producíase un feito de grande importancia para a salvagarda das embarcacións tradicionais. Na comisión de pesca do parlamento, e por unanimidade, aprobábase unha moción instando o Goberno galego a establecer bonificacións en determinadas taxas para as embarcacións tradicionais e a desenvolver o Decreto 52/2019 que declara Ben de Interese Cultural Inmaterial (BICI) as técnicas e saberes da construción naval en madeira, pero se vemos o vídeo (pódese atopar na mediateca do parlamento) descubriremos como un dos deputados cualificaba as embarcacións tradicionais como “embarcacións de lecer”. Evidentemente, no senso estrito da expresión, non cabe dúbida, matricúlanse e úsanse para o lecer, toda vez que a súa funcionalidade como embarcacións de traballo rematou, pero quedarse aí implica perder de vista a importancia do patrimonio marítimo.

Calquera cidadán galego é capaz de sinalar, sen dubidar, como patrimonio nunha serie de imaxes os hórreos, cruceiros, pazos ou igrexas, pero non sucede o mesmo cando falamos de embarcacións tradicionais, edificios industriais, casetas de pescadores ou carpinterías de ribeira. 

En vilas como Combarro vemos un grande interese pola conservación patrimonial, a ninguén se lle ocorre dubidar da importancia dos seus hórreos, do deseño das súas rúas ou dos seus edificios máis emblemáticos, mais cada ano nas fogueiras de San Xoán algunha embarcación tradicional remata os seus días sendo pasto do lume.

En Bueu vimos como parte da veciñanza solicitaba o derrubo da carpintería de Purro, provocando a mobilización de asociacións culturais da vila e de boa parte dos veciños, que si entendían o valor patrimonial que tiñan aqueles edificios, aínda despois de ter rematada a súa función inicial e a súa concesión administrativa. Feito que provocou que a administración protexese os alboios e edificacións. 

Este desleixo polas embarcacións tradicionais e as edificacións auxiliares ou industriais relacionadas coas mesmas, non é só visible en parte da cidadanía, as propias administracións amósano nas súas actuacións, como por exemplo a recuperación da ribeira da Porteliña en Muros pola administración de Costas, que tras a finalización dunha concesión administrativa estivo a piques de levarse por diante o senlleiro edificio da Fábrica de Sel, salvado in extremis polo concello de Muros e hoxe ao servizo da cidadanía. Ou o xa irremediable derrubo por parte da mesma administración de antigas casetas de pescadores en Fisterra, pero se esa caseta levaba fincada dende antes de que a ninguén se lle ocorrese ter unha administración de costas!

Todas estas embarcacións e edificacións perderon o seu uso orixinal, pero do mesmo xeito que xa ninguén usa un hórreo en Combarro para gardar millo, ninguén fai transporte de mercadorías nun galeón. Precisamos entón de dar novos usos ao noso patrimonio. Moitas veces vemos musealizadas as instalacións de antigas salgas, dignísimo uso, pero non cada salga, caseta ou carpintería podes ser musealizada, xa que moitas manteñen a propiedade privada ou provocarían redundancia nas instalacións culturais dunha vila ou comarca. Polo tanto non se debe desbotar ou seu uso para o turismo, hostalería e mesmo residencial. 

Do mesmo xeito, as embarcacións tradicionais xa non se usan (ou case) para a pesca profesional ou a cabotaxe, pero seguen estando vivas, usadas para o lecer ou a pesca recreativa, en mans de asociacións ou de particulares que manteñen vivo o patrimonio cos seus recursos propios. É preciso o cambio de conciencia e de percepción na sociedade para sinalar como patrimonio a inxente riqueza das embarcacións tradicionais galegas e do patrimonio marítimo en terra. Xa que ese cambio individual será trasladado ás administracións e serán quen, entón, de establecer liñas de axuda para que os propietarios de embarcacións poidan conservalas e dinamizalas do xeito oportuno. Porque, parafraseando a Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Asociación pola defensa do patrimonio cultural galego (Apatrigal), a dorna é do seu dono, pero o patrimonio é de todos.

Comentarios