Opinión

Por sempre Nós

Nós somos o retrouso afogado no balbordo dos mass-media

Nós somos o retrouso afogado no balbordo dos mass-media, o sorriso de Callón logo de bicar a Jorquera, senegalegos arroutados e negros coma un tizón recitando a Manuel María.

Nós somos a intelixencia e os ollos de Olalla Rodil iluminando coa forza da súa mirada un concerto de NAO. Somos o mariñeiro acampado diante da Xunta e a súa familia, a Noa Présas decidida e firme á que a mafia lle prohibe a entrada nun pleno da Deputación de Ourense.

Somos o concelleiro dunha vila do rural loitando en solitario contra a abafante maioría absoluta dun cacique, a traballadora da conserva que esixe cobrar o mesmo que un home, o gandeiro que co seu fillo no colo fecha a rúa co seu tractor. E tamén esa nena de cinco anos galego-falante que cando chega ao parque, e sen decatarse, cambia ao castelán.

Somos o cantautor que deixou de ser alcalde polo transfuguismo dun necio presuntamente sobornado. Somos a traballadora dunha escola privada-subvencionada á que lle prohiben dar aulas en galego e, en troques de resignarse, decide denuncialo publicamente.

Nós somos a luz dunha gargallada nesta longa noite de pedra, o mar que rompe todas as cancelas, a igualdade, a diversidade, a resistencia... O altofalante dunha aforradora estafada polas preferentes, o emigrante retornado que sente noxo e se revolve cando o acusan de estafador.

Somos a vontade de vencer, o orgullo de clase. Nós somos a dignidade rebelde, a canción prohibida

Nós somos a mestra de escola que ademáis de ensinarlle a ler a un neno, ensínalle a traballar en equipo e a quererse e coñecerse a sí mesmo a través da educación emocional. O médico que ensucia as mans a diario nun “boxes” de urxencias e reclama máis medios.

Somos a vontade de vencer, o orgullo de clase. Nós somos a dignidade rebelde, a canción prohibida, as películas censuradas na ditadura, os silenciados, as silenciadas.

A folga de fame rotativa e solidaria diante da audiencia provincial, os que son golpeados nunha concentración pacífica contra unha lei inxusta, o bombeiro que imputan e multan por negarse a romper as cadeas dunha vivenda nun desaloxo. Somos a explotación gandeira que resiste o desleixo dunha administración que na súa sumisión aos mercados condénaa ao feche.

Os parados da construcción que se ven obrigados a volver ás tarefas do campo ou a traballar en negro para poder subsistir. Esa nai con fillos que non cobra ningunha prestación e loita por saír adiante. Somos a voz do pobo, a asemblea na que fala o poeta e fala o obreiro en paro que, en público, adoita estar calado. Somos a coraxe e a determinación, a desobediencia civil.

Somos o mercado da horta ecolóxica, a pesca sustentábel, as ecoloxistas, os que saben que deféndense a sí mesmos defendendo a súa terra.

Somos o adolescente ao que a policía retíralle unha bandeira da patria na entrada á Praza do Obradoiro

Somos unha Carme Adán resolta e combativa que sae do Parlamento a falar coa xente que se manifesta nas súas portas para explicarlle que acaba de acontecer alí dentro.

Somos ese deputado do Congreso que defendendo os asteleiros queda só, mentras o resto deixan apresurados os seus escanos para regresar a comodidade das súas casas.

Somos a chave, os que sin gobernar condicionan gobernos, os que sen a connivencia dos grandes medios de comunicación son quen de crear opinión. 

Nós somos os que non toleramos corruptos nas nosas filas, as solidarias, o pai da Coruña que vai a ver un partido a Madrid e por ser galego xa non volve.

Somos os que representamos a maioría aínda que só nos voten uns poucos. Os que non teñen padriños, os que non ouvean coma todos, os indíxenas que se rebelan e loitan contra os seus colonos; e tamén contra os cipaios.

A folga xeral que conquista dereitos, a Matria maltratada que repudia o complexo de criada.

Ese home feito e dereito que coida da súa nai e aquela nai feita e dereita que coida do seu fillo, ámbolos dous dependentes.

Somos o adolescente ao que a policía retíralle unha bandeira da patria na entrada á Praza do Obradoiro e a deputada que forcexea cos antidisturbios na porta do parlamento defendendo os mariñeiros do cerco.

Os que comezamos unha lexislatura portando un carabel e co “Sempre en Galiza” de Castelao baixo o brazo.

A rapaza valente que lle planta cara ao patriarcado reaccionando con ira ante os micromachismos; o rapaz e a rapaza da aldea que non cambian ao castelán para ligar.

Somos os que somos galegos non por nacer en Galiza, senón porque Galiza naceu en nós

Somos a tendeira que loita contra as multinacionais e o alcalde que non permite que as grandes superficies e centros comerciais invadan a súa cidade.

A traballadora despedida por ir nunha candidatura, o obreiro ameazado, o fillo ao que os seus pais aconsellan esquecerse da política.

Somos o autónomo que non se deixa convencer polo discurso da dereita, a xogadora que viste con orgullo a camisola da selección galega, a parella que canta o himno galego collida da man.

Somos a arqueóloga e o historiador que realizan a exhumación dunha fosa común do franquismo e a neta que esixe xustiza para o seu avó represaliado.

Somos o carteiro do rural que sabe do valor do seu traballo, goza con el e loita para que non se convirta nun negocio.

Somos o sindicalismo patriótico e de clase, que nunca se rende, que só segue unha estratexia: a defensa inequívoca da clase traballadora.

Somos os Balbinos, os exiliados, os refuxiados. O pobo que debuxaría unha vaca nos seus billetes se acuñara moeda.

A verdade revolucionaria, a estudante que debate, a avoa que non quere vivir soa, o albanel que cando quedou sen emprego arrancou coa súa familia a outro país.

Somos a estudante brillante que marcha para Londres a formarse, co obxectivo de voltar e poñer en valor o aprendido. Somos o ben común.

Somos os intolerantes co racismo, a homofobia e o machismo. 

Somos a denuncia e o rechazo a calquer guerra, ó uso da violencia, das torturas, ó terrorismo, ós xuízos políticos e tamén á dispersion penitenciaria.

Somos o militante que se encadea a unha vivenda para evitar o desafiuzamento dunha familia que non é a súa. O sentimento de honradez, a vocación de colectivo, a defensa do público.

Somos a coidadora dun comedor escolar valente que se nega a servir un caldo podre a unhas crianzas

Somos a humildade e a sinxeleza, o traballo duro, a emoción, a firmeza nas conviccións e nas propias capacidades.

Somos a coidadora dun comedor escolar valente que se nega a servir un caldo podre a unhas crianzas, sabendo que probablemente poida ser despedida. O inconformismo, os que cremos que o mundo non cambia coas nosas opinións, senón cos nosos actos.

Somos a retranca, o humor que denuncia e fainos sentir orgullosos de nacer nesta parte do mundo. Os que somos galegos non por nacer en Galiza, senón porque Galiza naceu en nós. 

Somos as que se erguen contra as inxustizas, as denantes mortas que escravas, a candidatura popular, os e as feministas.

Somos a primavera neste inverno eterno e seremos a rosa que co seu olor abrirá e trocará o aire das súas cortes.

Somos a canción que convence, non por repetitiva; senón por calidade, sentimento e corazón.

Somos todo isto aínda que llo agochen ao mundo, aínda que digan de nós o contrario con toda clase de pantomimas ou calumnias.

E así o vin eu cos meus dous ollos. E así o vivín eu entre camaradas, irmáns, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras. Así sinto eu esta enorme colectividade, os que están, e os miles que neste escrito faltan. Este é o meu pobo, o meu orgullo, a miña patria libre, traballadora e loitadora. Isto é o que é NÓS.

Por nós, pra nós, en nós, por sempre nós; con nós, nun mesmo corazón.

Este texto é un manifesto de Pablo Carracedo Jasper , voz e guitarra de Nao, que se está a espallar estes días polas redes sociais

Comentarios