Opinión

O que nos xogamos sen grupo parlamentar galego

Somos un país rico que, de xeito paradoxal, se atopa empobrecido

 

Somos un país rico que, de xeito paradoxal, se atopa empobrecido; un país que padece hoxe unha forte crise demográfica e cunhas eivas para se desenvolver política e economicamente contra as que nada fixeron a maioría dos gobernos da Xunta de Galicia, nin os parlamentarios galegos do PP e do PSOE presentes nas Cortes do Estado. Ó respecto, fai uns días, o antigo presidente de deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, recoñecía publicamente nunhas declaracións que todas as medidas que tratara de impulsar en Madrid para remediar a crise do naval galego foran freadas polos intereses electorais que os parlamentarios do seu partido tiñan en Andalucía.

Pola súa banda, o PP, após de máis de 30 anos á fronte da Xunta de Galicia, e malia contar coa axuda do Estado e dos fondos europeos, nada fixo realmente por remediar a crise do naval, o devalo do agro, a crise do sector pesqueiro, a do sector lácteo ou por crear un tecido industrial moderno e competitivo que dese visos de futuro @s anceios d@s galeg@s na súa terra. Ó contrario, eses fondos foron investidos en obras públicas que enriqueceron as grandes empresas construtoras madrileñas, do mesmo xeito que a privatización dos servizos públicos que promoveron a nivel municipal e hospitalario estes últimos anos rematou nas mans de empresas foráneas nas que os políticos conservadores galegos colocaron logo ós seus parentes e amigos, namentres os nosos fillos tomaban o camiño da emigración.

"Fernández Moreda recoñecía que todas as medidas que tratara de impulsar en Madrid para remediar a crise do naval galego foran freadas polos intereses electorais que os parlamentarios do seu partido tiñan en Andalucía"

En realidade, este proceder é unha das bases do modelo económico mediterráneo que Fraga trouxo consigo para Galicia en 1990, após de telo posto en práctica durante a súa época de Ministro de Franco no Levante Español: ladrillo e turismo, turismo e ladrillo. Un modelo que hoxe segue vixente, como o proban os 17 millóns de euros que o Estado vén de regalar á Igrexa para a restauración da catedral de Santiago, as desfeitas urbanísticas dos municipios de Barreiros, Sanxenxo, Boiro, Ribeira..., ou a consagración da imaxe de Galicia como un lugar onde se come ben e barato, a auga das súas praias está sempre moi fría e a xente é moi servizal.

A posibilidade real de cambiar de plano esta realidade é algo que nos xogamos se perdemos a oportunidade de constituír un Grupo Parlamentar Galego nas Cortes do Estado tralas eleccións do próximo decembro. Un Grupo que responda nas súas actuacións ós intereses xerais de Galicia e dos galegos, e non ós particulares intereses electorais dos partidos políticos tradicionais en Madrid ou ós particulares intereses económicos das elites galegas, que moxen ó país en beneficio propio, dos seus achegados e amigos.

"A posibilidade real de cambiar de plano esta realidade é algo que nos xogamos se perdemos a oportunidade de constituír un Grupo Parlamentar Galego"

Para que esta situación remate dunha vez por todas é necesaria a constitución do Grupo Parlamentar Galego nas Cortes do Estado. Só así poderán proporse medidas que amplíen as nosas cotas de autogoberno; medidas que, diante da previsíbel modificación da Constitución que terá lugar tralas eleccións, lle garantan a Galicia un status político que reflicta o seu carácter de nación. Só así poderán tomarse medidas que impidan a definitiva consolidación en Galicia dun modelo económico mediterráneo que nos empobrece economicamente, nos desertiza poboacionalmente e nos destrúe culturalmente. So así poderán adoptarse medidas que procuren a creación dun tecido produtivo competitivo, que sirva para maximizar as nosas potencialidades como país e dar visos de futuro a tod@s galeg@s na súa terra. E só así se sentarán as bases que frearán a emigración en masa dunha das xeracións mellor formadas da historia de Galicia, contribuíndo deste xeito a poñer couto á crise demográfica que hoxe vive o país, pois os fillos deses emigrantes nacerán entón onde lles corresponde: na terra dos seus devanceiros, e non en Alemaña, Inglaterra ou os EE.UU.

En definitiva, a nosa supervivencia como país, o noso benestar económico e o noso futuro como pobo, todo isto é o que nos xogamos de non conseguir acordar a existencia do Grupo Parlamentar Galego. Diante do que está en xogo, ¿haberá alguén capaz de antepor posicións partidarias ó noso futuro como pobo e ó benestar material dos nosos fillos? Xa que logo: Grupo Parlamentar Galego nas Cortes do Estado xa!

Comentarios