Opinión

O demográfico non é o principal problema de Galicia, ¿ou si?

O natalismo, é dicir, a demanda da adopción de medidas destinadas a incrementar a natalidade, forma parte da mesma ideoloxía conservadora que no seu día alentou as políticas demográficas e familiares das ditaduras europeas do século XX.

O natalismo, é dicir, a demanda da adopción de medidas destinadas a incrementar a natalidade, forma parte da mesma ideoloxía conservadora que no seu día alentou as políticas demográficas e familiares das ditaduras europeas do século XX. Ó respecto, en España, demógraf@s e historiador@s teñen demostrado que o natalismo e o apoio á familia tradicional durante a ditadura franquista careceu de éxito á hora de modificar as pautas da nupcialidade e de fecundidade da poboación. Tamén, que ese apoio estivo lonxe de supoñer a introdución de melloras substantivas nos sistemas de benestar, ou a integración social e laboral da muller, quen sempre foi vista como esposa e nai, e como tal, destinada ó goberno da casa e ó coidado da familia.

Ata aproximadamente os anos 2010-2011, en Galicia se asumía que o problema demográfico do país tiña a súa orixe na emigración. Unha variable de natureza non estritamente demográfica, visto seu claro fondo socioeconómico. Desde esta perspectiva, se entendía que na orixe da mesma estaba a existencia dunha estrutura económica e social incapaz de asumir os excedentes de poboación, os que, cos seus aportes demográficos, se perdían na emigración. Así se explica, en parte, o feble medre demográfico que a poboación galega amosou durante o século XX. Rara vez en cambio os expertos nos explicaron porqué a emigración sempre afectou ós fillos dos labregos e das clases populares urbanas e non ós das elites, as que, curiosamente, nunca fixeron nada por remediala.

"As directrices das FAES foron asumidas como propias pola Xunta de Galicia. Alertaban así dos perigos que para o futuro de Galicia supuña o avellentamento poboacional e a caída da fecundidade"

A partir de 2010-2011 hai un intento claro por mudar esta visión do problema demográfico galego. Curiosamente, só tres anos após do inicio da crise económica de 2008. É dicir, cando se fai evidente o mal uso de 30 anos da axudas europeas e cando comeza o imparable retorno dos emigrantes ós seus respectivos países. A marcha dos que teoricamente ían contribuír ó medre demográfico español, fixo que as FAES, o think-thank do PP, abandonase as súas andrómenas sobre as políticas de integración social dos inmigrantes nas que ata entón se ocupaba e comezase a promover o medo ao inverno demográfico que, dicía, asolaba a Europa. O sucedido en Galicia era, segundo os seus ideólogos, unha boa mostra do que lle agardaba a España. Cumpría pois convertela nun laboratorio social no que ensaiar as políticas demográficas destinadas e evitar os efectos dese inverno na península (http://www.fundacionfaes.org/file_upload/publication/pdf/20130423222553el-invierno-demografico-europeo-causas-consecuencias-propuestas.pdf).

As directrices das FAES foron asumidas como propias pola Xunta de Galicia. E a partires dos inicios de 2011 foron trasladadas ao conxunto da sociedade galega a través dunha intensa campaña de propaganda, que contou co apoio dos xornais galegos e de diversas institucións culturais interesadas no “problema demográfico”. Alertaban así dos perigos que para o futuro de Galicia supuña o avellentamento poboacional e a caída da fecundidade. Neste senso, entre marzo e setembro de 2011 o xornal La Voz de Galicia, por exemplo, publicou unha media de 7 novas ao mes relacionadas con estes temas, ou sexa, aproximadamente unha cada 4 días. Mais esta intensidade medraría co tempo. No mes de decembro de 2012 publicaba xa 14 novas e en xaneiro de 2013 ó redor de 13; é dicir, case que unha nova cada 2 días. Coincide esta xeira no tempo co proceso de elaboración do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia no que a Xunta viña traballando desde 2011 sobre a base dos presupostos natalistas ditados polas FAES. Un Plan que foi remitido ao Parlamento en maio de 2012 para o seu debate e posterior tramitación. Consonte a iso, en xuño e xullo as novas en La Voz sobre os efectos da caída da fecundidade, baixaron a 3 por mes.

Entre as institucións culturais que, consciente ou inconscientemente, asumiron e presentaron o "problema demográfico" en clave natalista está o Museo do Pobo Galego. A finais de xuño de 2012 inauguraba en Santiago un foro de conferencias semestral de claro fondo natalista, que se celebraría nas distintas vilas e cidades do país baixo o lema: Natalidade e vellez en Galicia. Un pobo con pasado un pobo con futuro? Apuntalando esta acción de difusión e penetración do natalismo no tecido social e cultural galego, en xullo de 2012 a Xunta de Galicia licitaba no BOE unha campaña publicitaria para animar ás galegas a ter fillos baixo o selo da "Marca Galicia". E iso, após de facer previamente un inquérito no que se demostraba que o demográfico non era un problema que preocupase demasiado @s galeg@s. Era obvio pois que se socialmente non había unha preocupación pola cuestión demográfica, había que creala ideoloxicamente.  (http://apuntesdedemografia.com/2013/08/06/dinero-para-campana-publicitaria-natalista-en-galicia/). Galicia ficaba convertida deste xeito nun verdadeiro laboratorio de enxeñaría social para a dereita española.

Esta segunda fase da campaña de propaganda do natalismo rematou a comezos de 2014 coa edición e publicitación nos medios do libro patrocinado polo Museo do Pobo Galego, Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico. Nalgún do seus traballos, os fondamente natalistas, negase abertamente que a demografía do país estea condicionada pola emigración e non se dubida en atribuír ese devalo á anormalidade da sociedade galega e d@s galeg@s, empregando e apuntalando así os clásicos tópicos que desde España se usan para descualificarnos social e culturalmente como pobo. Nas súas páxinas atópanse ademais afirmacións que din que a caída da fecundidade e o avellentamento demográfico de Galicia é consecuencia do "colapso colectivo" que sofre a sociedade galega. Tamén, din que o país vive "unha anomalía demográfica", froito "dunha patoloxía colectiva", "dun familismo amoral", "dunha deficiente modernización da mentalidade dos galegos"...

"A perda da xeración máis preparada da historia de Galicia na emigración é unha traxedia, e máis aínda, após de ter recibido durante máis de 30 anos axudas económicas procedentes da U.E. para crear riqueza e perspectivas de futuro para ela".

O certo é que este natalismo non é máis que un veo para agochar o fracaso histórico dun liderado social e ideolóxico e dun modelo de xestión económica da riqueza de Galicia, que a nivel demográfico e social volve a situarnos na mesma situación que hai 40 anos. Este natalismo trata de agochar que o actual avellentamento poboacional e a caída da fecundidade son en parte consecuencia dos efectos acumulados da vaga migratoria que afectou a Galicia entre 1950 e 1975, a que puxo fora do país a case medio millón de galeg@s. Tamén, da fonda e rápida modernización dos comportamentos sociais e demográficos que se produciron no seo da sociedade galega trala morte de Franco. Unha modernización que, entre outras cousas, pasou pola paulatina e progresiva incorporación da muller á vida social e laboral e polo control que esta exerceu tanto sobre a súa sexualidade como sobre o número de fillos que desexaba ter.

Isto mesmo acontecía no resto do Estado á morte de Franco, polo que a sociedade galega non facía máis que incorporarse ós patróns demográficos europeos. As similitudes do proceso de avellentamento e da caída que experimenta a fecundidade galega co acontecido a este nivel en Italia, Francia, Xapón ou Alemaña, é significativo e amosa que non hai nada de anormal na nosa sociedade. Non é anormal pois que as nosas mulleres decidan escoller o intre no que queren ser nais. Tampouco que opten, antes que polo número, pola calidade de vida que lle poden ofrecer aos fillos que queren e deciden ter, sen por iso ter que renunciar a gozar dunha vida laboral, social e cultural plena, na que verán medrar e avellentar a súa descendencia.

É nesa arela das nosas mulleres onde moit@s historiador@s e demógraf@s advertimos que o principal problema de Galicia non é o demográfico. É certo que hoxe a poboación galega non medra, o que é preocupante, sen dúbida, mais non o fai porque as mulleres non queiran traer fillos o mundo, senón porque este non lles ofrece futuro nin perspectivas. Xa que logo, a orixe do problema demográfico de Galicia é aquel que as elites económicas e sociais españolas e galegas tratan de agochar agora coa axuda do natalismo. Un problema que estriba no claro fracaso dun modelo de xestión económica e social que, hoxe coma onte, segue a condenar ós nosos fillos á emigración. A perda da xeración máis preparada da historia de Galicia na emigración é unha traxedia, e máis aínda, após de ter recibido durante máis de 30 anos axudas económicas procedentes da U.E. para crear riqueza e perspectivas de futuro para ela. Mais isto, non é só un problema galego, cos oportunos matices, algo semellante pasa hoxe en Catalunya, onde tamén a ofensiva natalista está presente (http://www.vnavarro.org/?p=12340#more-12340).

Diante disto, as preguntas dos cidadáns son lóxicas, mais nunca respondidas polo goberno do PP nin pola súa prensa: ¿que se fixo con eses cartos? ¿que futuro contribuíron a crear as políticas que os xestionaron? Ou dito doutro xeito, ¿os paseos marítimos, o Xacobeo, os "parques industriais", as subvencións ás compañías aéreas, os portos deportivos, o camiño de Santiago, os portos exteriores ou a Cidade da Cultura, contribuíron a crear un tecido produtivo de calidade e de futuro para a sociedade galega de hoxe? ¿Alimentaron unha onda de benestar e progreso que estimulase a natalidade, evitase a emigración e minimizase os efectos do avellentamento poboacional? E se non é así, ¿a quen lle pedir contas disto? ¿ós vellos, ás mulleres, ós emigrantes, ós galegos...?

Mais o certo é natalismo xa está aquí, e viu para quedarse. Moitos o asumen xa como algo propio, e así fálannos a cotío do "natural" devalo demográfico de Galicia, ó tempo que ameazan ós escépticos coas clásicas mensaxes apocalípticas tiradas do inverno demográfico (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/07/20/galicia-puede-perder-40-poblacion-2050/00031437391249257881128.htm) . Agora ben, ningún deles dirá un chío sobre as súas causas ou sobre como resolvelo, como non sexa louvando a maternidade e as familias numerosas, como en tempos de Franco (http://benestar.xunta.es/opencms/Benestar/Biblioteca/Documentos/Destacados/estratexiaapoio_ffnn.pdf).

Comentarios