Opinión

Baamonde

Como ben din as súas nais e país, Baamonde é a foto da vergoña, vergoña allea dun Goberno que non só fica impasible ante o desmantelamento do mundo rural, senón que contribúe entusiasmado a esta barbaridade.

Vergoña dun Goberno que renega de si mesmo ao renegar da súa orixe, que está permitindo (e fomentando sen rubor) a desaparición dun xeito de vivir e de todo un mundo de cultura e de riqueza. Dun mundo que é noso, de tódalas galegas e galegos, que tamén debera ser deles, pero non é.

Vergoña dunha Consellería de Cultura, Educación e Universidade que esqueceu protexer as nenas e nenos deste país, que esqueceu a súa razón de ser, que esqueceu que hai cousas máis importantes que a hipotética rendibilidade política e o diñeiro, e tamén esqueceu que os dereitos non son caros nin baratos. Que está a esquecer todo o bo que temos.

Vergoña de ver como todo, e cando digo todo refírome a calquera toleada, serve como escusa para pechar un colexio con trinta nenas e nenos.

E agora que? Teremos que nos mobilizar cando vexamos unha noticia na que se fala das marabillas que a Administración está a facer polo rural e de todo o que lle preocupa a crise que está a asolagar sen piedade o noso país? Porque semella que esa preocupación non é tal, que realmente son máis o problema que a solución.

Debe ser difícil entender que o rural é unha rede que está sobre un fráxil equilibrio. Estamos precipitando a nosa desaparición e a escusa que utilizan é que imos desaparecer igualmente e entón e mellor facelo xa. En serio, ninguén se escandaliza ao escoitar semellante barbaridade, a ninguén lle produce arrepío?

Por esta conta podemos ir pechando xa 200 ou 300 colexios do rural; vendo a baixada demográfica nos últimos vinte anos e a perspectiva do futuro (un futuro que xa se encargan de debuxar ben negro ao facer este tipo de políticas destrutivas). Por iso van pechando aos poucos, non hai que agardar, canto antes mellor, non vaia ser que amoreen traballo e logo non dean feito.

E haberá quen crea estes argumentos e haberá a quen lle conveña crelos, sen dúbida e, mesmo algún estará a frotarse as mans. E mentres, nós, as que vivimos nas aldeas, ficamos incrédulas diante desta tolemia e diante da absurda realidade que nos arrodea.

A impotencia que sentimos as nais e pais diante destas situacións semella que comeza a ser parte de nós e é moi triste. Nós eliximos un modo de vida, coas garantías que pagamos cos nosos impostos e vemos que ninguén respecta esas garantías. Unha vez máis as que vivimos na aldea saímos perdendo no reparto (esas que proporcionamos o leite, a verdura, a carne, o peixe, a riqueza; as que mantemos a paisaxe, as tradicións, a cultura... si, esas).

Seica non deberiamos estar orgullosas do que somos, seica deberiamos estar aínda agradecidas polas migallas que nos deixan. Pero, en que mundo vivides? Seguro que sabedes que é o que estades esnaquizando? Credes de certo que o que veña detrás ha ser sequera soportable?

Comentarios