Opinión

A xeración de cristal (I)

A ximnasta Simone Biles abandona a competición olímpica por problemas de ansiedade e o feito colleita unha multitude reaccións. A maior parte de apoio e ánimo, pero por desgraza moitas delas abundando unha e outra vez no estigma. Que sigamos relacionando, en pleno 2021, os problemas de saúde mental con cuestións como a forza de vontade ou a capacidade de aguantar a presión paréceme inadmisible. Por suposto que as deportistas de elite están sometidas a unha inmensa presión, pero tamén pode estalo calquera persoa. Incluso sen circunstancias adversas podemos padecer un trastorno do estado de ánimo ou de ansiedade. Se existe un estrés obxectivo, escoitaremos que a persoa “non aguanta a presión”, e se non existe, que “non ten motivos”. En calquera caso, culpabilízase ao doente e vértense xuízos morais sobre el.

Por pura estatística, moitos outros deportistas de elite deberon retirarse antes da competición por problemas de saúde mental. A diferenza neste caso é que Biles decidiu visibilizalo, moi probablemente sabendo ao que se expoñía, cousa que nunca acontecería de tratarse doutro tipo de problema de saúde. A chamada xeración de cristal é realmente a xeración que decidiu romper co silencio que rodea á saúde mental e expoñer esta problemática publicamente. A xeración que, coa axuda das redes, decidiu deixar de calar. Que lle puxo nome ao seu padecemento e deixou de ocultalo. As persoas que falan de xeración de cristal viven alleas ás doenzas da súa contorna se pensan que noutras idades non aparecen este tipo de problemas.

Todas as nais e as avoas que sufrían “de nervios”, todos os pais e avós que bebían de máis ou que esnaquizaban un día calquera un prato contra a mesa porque lles levaban a contraria padecían trastornos do estado de ánimo. Aquel compañeiro de colexio que non paraba quieto. A compañeira de universidade que faltaba tanto. A única diferenza é que esas persoas non tiveron a oportunidade de poñerlle nome ao que lles pasaba nin recibiron a axuda que precisaban. Non eran máis fortes, non “aguantaban” máis. Simplemente, sufriron a súa doenza na vergoña e a escuridade. Se cadra esta xeración de cristal sexa en realidade unha xeración de cristal de rocha.

Comentarios