sábado 08/08/20

Virus: organismos no límite da vida

Xa que a semana pasada falamos do coronavirus, e que a tempada de gripe se resiste a abandonarnos, hoxe falaremos sobre que é un virus, que o diferenza dunha bacteria e por que non funcionan os antibióticos. Foron descubertos en 1884 polo biólogo ruso Dmitri Ivanovski, que estudou o virus do mosaico do tabaco. O seu descubrimento obrigou a reformular o concepto de ser vivo, porque estamos ante organismos acelulares, é dicir, que non posúen as estruturas propias dunha célula. Están formados unicamente por un recubrimento ou cápside que contén material xenético, ADN ou ARN. Isto fai que non teñan capacidade de reprodución autónoma, e teñan que parasitar unha célula para replicar o seu ADN e crear novos individuos. Polo tanto, se un ser vivo é aquel que é quen de reproducirse, un virus é un ser vivo? Non queda claro tampouco proceden de células que perderon progresivamente a maior parte das súas estruturas ata quedar reducidas aos mínimos compoñentes da vida (o material xenético), se evoluíron a partir de fragmentos de ADN “libres”, non confinados ao núcleo celular, ou ben se coevolucionaron ao mesmo tempo que as propias células. O misterio sobre a súa orixe evolutiva é equiparable ao que representa a sú propia existencia.

Os virus causan diversas enfermidades, aínda que tamén hai algúns que empregan as estruturas da células hóspede sen danala. No caso dos seres humanos, causan doenzas que van dende a gripe e o arrefriado común ata a SIDA ou o ébola. Tamén hai certos virus que producen lesións que poden dar lugar a procesos oncolóxicos, como o do papiloma humano, que pode causar cancro de cérvix.

Os virus non responden a antibióticos, xa que estes fármacos atacan a diversas estruturas celulares, dado que as bacterias son organismos unicelulares, pero os virus, como xa vimos, non o son, e non posúen estas estruturas. Como podemos combatilos entón? O método máis eficaz é a vacinación, como se fai para enfermidades como a varicela, a gripe (aínda que con menor eficacia) ou o virus do papiloma humano. A outra estratexia son os antirretrovirais, que se empregan contra virus que conteñen ARN como material xenético, e que impiden que este se autorreplique, impedindo así a súa reprodución. Así que xa sabedes cal é o motivo para non tomar antibióticos cando temos un arrefriado, e non é o seu prezo. Custan un euro

Virus: organismos no límite da vida
comentarios