Opinión

A violencia si ten xénero

Dicir que a violencia non ten xénero é non entender a violencia nin o xénero. Se me apuran, non entender absolutamente nada da conduta humana. Cada vez que unha muller perpetra un crime terrible, escóitase a ladaíña de que a violencia non ten xénero. Aínda que non se verbalice, o que quere dicir esta afirmación falsa, é que as leis de violencia de xénero son inxustas ou innecesarias. A violencia ten xénero. Masculino, concretamente. O 90% dos delitos violentos son cometidos por homes e canto maior é o nivel de violencia, maior a posibilidade de que o agresor sexa home. A violencia sexual é patrimonio case exclusivo dos homes e as poucas mulleres implicadas en agresións sexuais colaboran ou encobren a homes. Os filicidios tamén son cometidos por homes con maior frecuencia, aínda que moitas veces nos medios se malinterprete (ou se manipule) a estatística para dicir que as mulleres matan máis aos seus fillos. En realidade, o filicidio é o tipo de asasinato que máis cometen as mulleres, pero aínda así os homes matan os seus fillos con máis frecuencia.

Estes son os datos da violencia. Quere dicir isto que as persoas con cromosomas XY son esencialmente máis agresivas? Aquí é onde entra o xénero. A configuración hormonal masculina pode aumentar en certa medida a impulsividade, pero se a testosterona producise condutas agresivas por si mesma, os datos serían estables ao longo da historia, e pola contra non deixan de diminuír. A Asociación Americana de Psicoloxía, a famosa APA, declarou hai non moito que a construción tradicional da masculinidade é perigosa. É perigosa para as mulleres, pero tamén para os propios homes, porque a agresividade moitas veces vai dirixida cara a outros homes ou cara o propio individuo. A diferenza, e a razón pola que dicimos que a violencia ten xénero masculino, é que as mulleres cometen unha minoría dos crimes violentos, sexa contra outras mulleres sexa contra homes. Significa isto que as mulleres somos incapaces de empregar violencia? Obviamente, non.

O problema non son as persoas nin os xenes. O problema está nas normas sociais de xénero e en como se constrúe a masculinidade, tal e como apunta a APA. A agresividade, a dificultade para solicitar axuda ou a dificultade de expresión emocional son características da expresión da masculinidade perigosas para todas as persoas, independentemente da súa identidade de xénero.

Comentarios