Opinión

Verín, segundo acto

Hai xusto un ano comezaba esta columna falando do tema da sala de partos do hospital de Verín e vivimos con satisfacción como a mobilización popular gañou esa batalla. Un ano despois, temos que ver a noticia de que un dos facultativos que liderou as protestas está a ser represaliado polos seus superiores por feitos acontecidos no contexto do peche. Un expediente disciplinario baseado na súa oposición ao traslado Ourense da última crianza nacida antes do peche  e que pode rematar en dous anos de inhabilitación profesional.

Aínda que moi probablemente isto non chegue a acontecer, a mensaxe chega con nitidez: se te enfrontas ou protestas sufrirás as consecuencias, aínda que non cometas ningunha irregularidade. Porque aínda que se determine que non existiu infracción, o propio proceso supón unha represalia, e unha perda de credibilidade e prestixio que non se resolverá coa absolución, xa que a cobertura mediática nunca é equivalente á da denuncia. Estes días soubemos ademais que a pediatra que iniciou o expediente fíxoo por petición dos seus superiores e non por iniciativa propia. 

O colectivo médico somos os menos mobilizados e menos sindicados de todo o gremio sanitario por toda unha serie de motivos. Certa autopercepción elitista e clasista que nos impide identificarnos a nós mesmas como clase traballadora pode ser un deles, pero tamén un ambiente e unha aprendizaxe social na que se premia o acatamento e a submisión. Aceptar condicións de traballo inadmisibles, precariedade e risco persoal coa vaga promesa de estabilidade futura é unha práctica case unánime no noso colectivo.

Por outra banda, tanto durante a carreira como durante a práctica profesional existe un fomento evidente da competitividade e as xerarquías sobre outras formas de organización do traballo máis colaborativas e que parecen casar mellor co obxectivo da nosa actividade. Exercemos unha profesión que precisa sempre de traballo en equipo e multidisciplinar e que non debera alentar actitudes de competencia e confrontación, senón todo o contrario. Está claro que estas dinámicas non favorecen en absoluto ás usuarias da sanidade, senón ás xerencias e xefaturas como as de Verín, que controlan aos seus subordinados mediante o divide e vencerás.

Comentarios