Opinión

Verán antártico

Estes días rexistrouse unha nova temperatura récord na Antártida: 20 graos. Hai veráns nos que non vai tanta calor no interior da provincia de Lugo. A comunidade científica  hai  tempo  que  está  alarmada  cos  efec-tos que terá o aumento das temperaturas sobre as grandes masas de xeo polares. Aínda que se fala máis do Ártico, a Antártida representa un inmenso continente con grandes cantidades de xeo na súa superficie. Ademais, semella que o continente xeado é un dos lugares nos que o quecemento global é máis acelerado. 

Que supón todo isto para o futuro do planeta? Por unha banda, a Antártida é un ecosistema que alberga vida, aínda que nos pareza un ermo con-xelado, e está desaparecendo, alterando o deli-cado equilibrio de moitas especies que habitan sobre todo nas costas do continente. Por outra, a perda do xeo pode producir cambios non só no nivel das augas, senón tamén nas correntes que determinan en grande medida as temperaturas. Polo tanto, o desxeo pode supoñer unha sorte de efecto bolboreta que non está claro como pode repercutir no planeta. Ene xeral, considérase que os procesos de quecemento global funcionan como unha bóla de neve (nunca mellor dito) de retroalimentación positiva: canto máis aumenta a temperatura, máis efectos a favor deste aumento se producen, creando un bucle que pode non ter marcha atrás a non moito tardar. 

Aínda que non se deben tomar datos concretos como proba de fenómenos globais, esta temperatura extrema parece bastante representativa do problema ao que nos enfrontamos, e resulta difícil de ignorar incluso para os negacionistas do cambio climático. De feito, ultimamente estamos asistindo a unha mudanza do discurso: cada vez é máis frecuente escoitar argumentos que, en lugar de intentar negar o evidente aumento das temperaturas, tratan de facelo pasar como un fenómeno neutro ou incluso positivo. Se a Antártida perde a súa cobertura de xeo, novas terras de cultivo emerxerán e poderán ser aproveitadas. Un argumento tan disparatado como perigoso, que obvia as terras costeiras que se verán afectadas e os millóns de persoas que resultarán desprazadas. Isto pensando só no factor humano e sen valorar o tremendo impacto sobre outras especies e sobre os delicados equilibrios do planeta. Unha catástrofe medioambiental desa magnitude afectará a todas as especies vivas, e o ser humano non vai ser unha excepción

Comentarios